"Non podía imaxinar Castelao mellor Alba de Gloria para aquel rapaz da rúa Marconi". Centos de persoas despediron ao longo deste venres a Domingos Merino no Pazo de María Pita da Coruña. O seu féretro, cuberto por unha bandeira galega e unha rosa branca ocupou durante varias horas o Salón de Plenos, onde esta tarde tivo lugar un acto de homenaxe ao que asistiron ducias de amigos, familiares e unha gran representación dos seus compañeiros e compañeiras na vida política, coas intervencións de Sabela Vázquez Fandiño, Xesús Veiga Buxán, Lourenzo Fernández Prieto e Xulio Ferreiro e a presenza en primeira fila do seu marido, Jorge Galiñanes. Merino será soterrado no cemiterio civil de San Amaro.
"Despois dunha longa despedida, váisenos un amigo, un compañeiro co que compartimos sentimentos, vitorias, loitas, confidencias e alegrías", comezou dicindo Sabela Vázquez, compañeira de Merino no PSG e amiga da familia, que lembrou a "seriedade con fino humor" do homenaxeado e destacou que foi "o primeiro alcalde da democracia en tempos moi complicados". "Lembrades a que lle montaron por recibir un cargo militar sen gravata? Parece que estes temas seguen de actualidade", concluíu. Xesús Veiga, que coincidiu con el no Parlamento, salientou a "xenerosidade, a humildade e a capacidade para compartir traballo en grupo" de Domingos Merino, "nacionalista convencido e cun corazón moi grande e aberto ás persoas que sofren".
"Descansará con Juana de Vega, con Villar Ponte, con Pucho Boedo, con Moncho Valcarce, con Luís Seoane. Non podía imaxinar Castelao mellor Alba de Gloria para aquel rapaz da rúa Marconi"
Lourenzo Fernández Prieto subliñou, pola súa banda "o difícil que é despedir a un amigo" e "o difícil que é despedir un alcalde". "En 1979 Domingos Merino recolleu a chama da liberdade desta cidade libre e republicana, que fora masacrada polos golpistas que acabaron con 120 anos de liberalismo, de pluralismo e de tolerancia", dixo. "Quen máis liberal e tolerante que Domingos, daquela militante destacado dun PSG aberto, plural, democrático, europeo e non dogmático? A Coruña soubo escoller a dignidade con Domingos", engadiu. Fernandez Prieto fixo fincapé tamén no carácter nacionalista do rexedor, herdeiro de Lois Peña Novo (primeiro concelleiro galeguista no país), de Antón Villar Ponte e da Irmandade da Fala da Coruña, destacou. E tamén na "traxectoria honesta" do homenaxeado e no "amor pola cidade da que foi alcalde". "Que difícil foi a liberdade para Domingos e canto pelexou por ela no público, no privado e ate o final das súas últimas vontades", engadiu.
"En 1979 Domingos Merino recolleu a chama da liberdade desta cidade libre e republicana, que fora masacrada polos golpistas"
"Merino vai descansar nun lugar de memoria chamado San Amaro", concluíu, "un cemiterio civil que foi unha conquista dos liberais e dos republicanos, que durante século e medio pelexaron duro, no estilo de Domingos, para ter o dereito a gañar a súa propia forma de vivir e a súa propia forma de morrer. E lograron o seu cemiterio civil en 1882". "A Domingos visitarémolo e falaremos con el en San Amaro, xunto aos alcaldes Federico Tapia e Suárez Ferrín, ao xeneral Caridad Pita. Descansará con Juana de Vega, con Villar Ponte, con Carré Alvarellos, con Amparo López Jean, con Pucho Boedo, con Jenaro Marinhas del Valle, con Moncho Valcarce, con Luís Seoane. "Non podía imaxinar Castelao mellor Alba de Gloria para aquel rapaz da rúa Marconi", rematou.
Xulio Ferreiro pechou o acto lembrando a frase pronunciada por Domingos Merino na súa toma de posesión como alcalde en 1979 nese mesmo Salón de Plenos, que "A Coruña debía ser un faro para Galicia". "O que non dixo Domingos aquel día é que era el quen estaba acendendo ese faro", sinalou o actual rexedor, que destacou que "Domingos chegou a este Concello despois de 40 anos de escuridade, tomando o relevo de Alfredo Suárez Ferrín, asasinado no Campo da Rata". "E marcha deixando a pegada de quen loitou por converter A Coruña nun lugar máis xusto e máis igualitario, por transformala nunha cidade da que sentírmonos orgullosas", dixo.
Ferreiro agradeceulle "as portas que abriu, que xa ninguén poderá volver pechar. Hoxe somos conscientes máis que nunca da súa vitoria". "Todos e todas estamos obrigados a manter a súa voz, a continuar unha partida que comezou nun taboleiro complicado, no que queremos é protexer os peóns e non enrocar os reis", afirmou lembrando a paixón de Merino polo xadrez.
"El, que entendeu a Coruña popular, que entendeu o urbanismo como solución aos problemas, abandonou esta institución obrigado por unha unión que non se levantou sobre o ben común, senón sobre a ambición"
"Domingos sementou nas mentes e difundiu o progreso. Faloulle á xente na súa lingua, foi o primeiro entre os iguais, un alcalde que entendido como un intruso polos poderes establecidos nunca deixou de ser un veciño de Monte Alto", subliñou Ferreiro. "Marcha cedo de entre nós como cedo marchou destes muros. El, que entendeu a Coruña popular, que entendeu o urbanismo como solución aos problemas, abandonou esta institución obrigado por unha unión que non se levantou sobre o ben común, senón sobre a ambición", concluíu, en referencia á campaña política e mediática que expulsou a Merino da Alcaldía en 1981. O acto pechouse co Himno Galego e cun Adeus a Domingos Merino, adaptado dun poema de Curros Enríquez.