0 Gardados para despois

O PP segue adiante en solitario coa reforma sanitaria e desdeña as mobilizacións por "manipuladas" e "falseadas"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Prexuízos da oposición" que levaron a En Marea, PSdeG e BNG a "mobilizar a cidadanía con interpretacións manipuladas e falseando os datos". É o único que, a xuízo do PPdeG, ten en contra a reforma sanitaria que impulsa o Goberno galego e por iso se nega a freala. O pleno do Parlamento comezou este martes, apenas dous días despois da multitudinaria manifestación do pasado domingo, con toda a oposición a pedir que os conservadores accedesen, vista a gran afluencia da protesta, a parar o trámite do texto e "establecer diálogo" co sector. Pero os populares retrucaron que "non se lexisla a golpe de contar manifestantes" e seguiron adiante, tombando as emendas á totalidade que presentara a oposición como primeiro paso.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, foi o encargado de presentar un texto que, asegura, vén "actualizar" as prestacións do Sergas para "garantir e ampliar o sistema público de saúde" mediante unha reestruturación que permitirá a todos os hospitais, tamén os comarcais, non só "prestar atención de boa calidade", senón "mellorala". Así e todo, a defensa máis acendida e prolongada da mudanza non a formulou o conselleiro, senón o voceiro do PP no debate. Na liña do argumentario despregado polo partido nos últimos días, Aurelio Núñez Centeno situou as forzas da esquerda nunha espiral de "desprestixio da nosa sanidade" para "gañar uns cantos votos" con datos falsos que, lamenta, "hai xente que cre".

Os populares afirman que "os que están a poñer en risco a supervivencia" dos hospitais comarcais son En Marea, PSdeG e BNG

Partindo da base de que todas as críticas -dende os recortes orzamentarios dos últimos anos ata a ampliación das vías de entrada do sector privado no Sergas- son falsidades, Núñez defendeu con especial vehemencia a supresión das áreas sanitarias da Mariña, O Salnés, Monforte e Valdeorras, porque o novo modelo de distritos "achegará o servzio sanitario á cidadanía, mellorará a coordinación" e deixará "blindados" os hospitais comarcais. "Os que están a poñer en risco a supervivencia destes centros" non son os responsables do Goberno, senon En Marea, PSdeG e BNG, forzas ás que liga coa "dificultade para cubrir baixas" e as "continuas vacantes" nestes hospitais.

Aurelio Núñez Centeno (PPdeG), durante o debate / PPdeG

Eva Solla (En Marea): "Tiveron a posibilidade de retirala e sentar a falar, pero non escoitan a ninguén; iso é mostra de soberbia ou necidade"

Os eloxios do PP ao conselleiro e á reforma contrastaron coas intervencións da oposición, en cuxas filas se reprocha que o partido que sustenta o goberno caricaturice os colectivos profesionais e sociais contrarios á lei como "cordeiriños que non se enteran", ironizou Julio Torrado, voceiro do PSdeG. "Din que están manipulados, que os datos son falsos e desprezan", censurou Eva Solla no nome de En Marea, a cuxo xuízo "tratar de ignorantes" a quen se opón á reforma sanitaria non oculta "os peches de plantas" nos hospitais, os novos "nichos de negocio" para as multinacionais ou o incremento da "opacidade" en torno aos acordos do Sergas co sector privado. "Tiveron a posibilidade de retirar a lei, sentar a falar" pero "non escoitan a ninguén, e iso é unha mostra evidente de soberbia ou necidade", resolve.

Julio Torrado (PSdeG): "Non é certo que en Valdeorras había catro traumatólogos e agora hai dous, que no Salnés había Cardioloxía todos os días e agora, só dous?"

O rexeitamento da maior parte das alegacións dos colexios médicos e de enfermaría e dos propios colectivos en defensa da sanidade pública é para o socialista Torrado a mellor mostra de que para poñer en marcha a reforma "vostedes só falaron co PP" porque "xa sabemos que consideran que son os únicos que existen". Os populares, deberan aparcar as súas acusacións de mentir e aclarar, por exemplo, se "non é certo que en Valdeorras había catro traumatólogos e agora hai dous", que "no hospital de Monforte teñen que vir dende Lugo a arranxar os ordenadores" ou que no Salnés "había Cardioloxía todos os días e agora, dous á semana". A poboación, advirte, "ten a percepción de que están a atacar algo propio" e iso, resalta, non se palía reducindo as protestas a "mentiras".

Eva Solla (En Marea), Julio Torrado (PSdeG) e Montse Prado (BNG) 

Montse Prado (BNG): "Son mentira os contratos por un día ou por horas? Son mentira os 1.000 millóns acumulados en recortes?"

"Cales son os datos falsos?", retou nun sentido semellante Montse Prado no nome do BNG. "A xente ve todos os días" o que a oposición denuncai na Cámara e tamén o fai o persoal do Sergas. "Son mentira os contratos por un día ou por horas? Son mentira os 1.000 millóns acumulados en recortes?", cuestionou nun contexto no que, lamenta, a reforma afonda no modelo da lei de garantías sanitarias, segundo a cal se os doentes "non aceptan ir á privada, exclúenos da lista de espera". Estas derivación tamén son, segundo o PP, unha mentira máis. "A lei de garantías cumpriuse sen ningún tipo de derivación á privada", afirmou Núñez Centeno.

Mencións a Zapatero, ao bipartito ou mesmo reproches á oposición galega pola reforma sanitaria que impulsou o actual Goberno da Comunitat Valenciana -"mañá hai xuízo da Gürtel, non é un bo exemplo", ironizou Eva Solla- completaron a argumentación do PPdeG para tombar as emendas e seguir adiante coa lei, que continúa o trámite parlamentario. O que realmente "preocupa" nas filas conservadoras, aseguran, é a "desconfianza na sanidade pública" que está a xerar a oposición. O conselleiro, pola súa banda, optou por non empregar a súa quenda de peche e non responder á oposición.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.