Adif privatiza a venda de billetes nas estacións do Barco e A Rúa, que ameazara con pechar

Mobilización contra a supresión de servizos na estación do Barco de Valdeorras CC-BY-NC-SA XSG O Barco

Hai un ano persoal ferroviario alertou de que Adif e Renfe, as empresas públicas xestoras das vías e dos trens respectivamente, prevían pechar a venda presencial de billetes en sete estacións galegas no marco dun transvase de empregados da primeira á segunda. Cidadanía e sindicatos mobilizáronse, Adif rectificou e o seu propio presidente, Juan Bravo, enviou cartas aos concellos afectados pedindo “desculpas”. Agora, un ano máis tarde, Adif vén de sacar a licitación ese servizo de venda presencial de billetes en dúas daquelas estacións, as do Barco de Valdeorras e A Rúa-Petín, unha “privatización” para o sindicato CGT, que advirte de que se esas localidades quedan sen persoal propio do xestor ferroviario, non haberá ningún responsable da circulación de trens entre Monforte e Ponferrada.

A CGT advirte de que se esas localidades quedan sen persoal propio do xestor ferroviario non haberá ningún responsable da circulación de trens nos 106 quilómetros de vía que separan Monforte e Ponferrada

Segundo os pregos e condicións desta licitación que Adif vén de convocar, o servizo de venda presencial de billetes nas estacións do Barco e A Rúa-Petín pasará a ser realizado por persoal dunha empresa externa, o que segundo CGT trae consigo "a supresión dos cinco postos de traballo que fan estes labores no Barco e A Rúa, ademais das funcións de xestións do tráfico ferroviario". “Se se privatizasen estas estacións, non habería ningún gabinete de circulación aberto dende Monforte a Ponferrada, 106 quilómetros de vía férrea con ningunha estación ferroviaria ou posto de control da circulación en servizo”, alerta o sindicato.

Os pregos de condicións sinalan que a empresa que resulte adxudicataria da venda dos billetes deberá ter o servizo aberto ao público un mínimo dunhas sete horas ao día. O contrato sería por un ano prorrogable outro máis polo que percibiría de Adif un máximo duns 40.000 euros máis IVE ao ano por cada estación. Pola súa banda, a recadación dos billetes vendidos en cada estación deberá ser entregada pola empresa adxudicataria a Renfe.

No prego de condicións para a estación de A Rúa-Petín non se esixía falar galego pero si inglés ou francés. Tras preguntar este diario por esa cuestión, Adif corrixiunos.

Os pregos de condicións tamén presentan outra singularidade. No caso do documento para a estación da Rúa-Petín non se esixía inicialmente que o persoal que vaia prestar o servizo coñeza galego. No prego púñase como “condición imprescindible” o castelán e un “nivel básico de comprensión e expresión oral nos idiomas inglés e/ou francés”, pero non citaba o galego, como si sucedía cos pregos para a estación do Barco. Tras preguntar este diario a Adif por esa cuestión, a empresa pública vén de corrixir os pregos e agora o galego aparece tamén como "imprescindible" ao mesmo nivel que o castelán.

Corrección de erros de Adif sobre o galego nos pregos para a estación de A Rúa-Petín

Prego de condicións inicial para a atención ao público na estación de A Rúa-Petín no que Adif esixía castelán e inglés ou francés pero non galego Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.