O Goberno galego só divulga os seus contratos menores, os que pode entregar a dedo sen pedir ningunha oferta alternativa e que en 2016 sumaron máis de 800 millóns de euros, durante unha semana e despois ocúltaos. Este xoves a Valedora do Pobo, responsable de controlar a transparencia de Xunta, xustificou ese proceder asegurando que o Goberno galego non o fai por “gusto”, para admitir a continuación que a propia institución que ela preside divulga os seus contratos menores de xeito indefinido, sen data de caducidade para a transparencia.
A responsable de controlar a transparencia do Goberno galego di que o importante é garantir o dereito de acceso á información, non os “prazos” en que se pode exercer
Este mércores o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, responsable da transparencia do Goberno galego, entregou á Valedora, Milagros Otero, o informe anual sobre o cumprimento da Administración autonómica das súas obrigas nesa materia. Nas súas intervencións iniciais tanto Rueda como Otero gabaron a transparencia da Xunta cara á cidadanía e salientaron que a galega é das comunidades máis transparentes. A Valedora, que salientou que “a transparencia facilita a ausencia de corrupción”, chegou a dicir que os galegos poden “estar tranquilos, satisfeitos e ata un pouquiño orgullosos” da transparencia en Galicia.
A Valedora chegou a dicir que os galegos poden “estar tranquilos, satisfeitos e ata un pouquiño orgullosos” da transparencia en Galicia
Na quenda de preguntas, á Valedora pedíuselle unha valoración sobre o feito de que a Xunta oculte os seus contratos menores tras divulgalos só unha semana. Otero comezou xustificando que a esixencia que fixa a lei de facer públicos eses contratos “é recente”, malia que entrou en vigor hai xa dous anos, en marzo de 2016. A Valedora continuou restando importancia á “forma concreta” en que se fai esa publicación e chegou a dicir que se a Xunta non os divulga durante máis tempo non é por “gusto de ocultar”.
A Otero lembróuselle que a propia institución do Valedor do Pobo, como fan outras administracións, fai públicos eses contratos de xeito permanente, a través de arquivos de táboas de datos ou mesmo en formato PDF, sen borrar a información á semana de divulgala, como fai a Xunta. Porén, Otero volveu xustificar o proceder da Xunta argumentando que o “volume” dos contratos non é o mesmo e insistindo en que “non é importante o prazo senón garantir o dereito”, que admitiu que “haberá que ir estendendo”.
Durante todas esas xustificacións da Valedora cara ao proceder da Xunta, o vicepresidente Rueda, de pé ao seu lado, gardou silencio.