- Taxa turística: "Necesítanse medidas, porque non todo vai saír dos petos da veciñanza de Compostela"
Santiago de Compostela recibiu 2,6 millóns de visitantes o pasado ano, superando amplamente o anterior récord (2,1 millóns en 2014). A cifra non deixa de crecer e, se ben Compostela leva décadas sendo un destino turístico de primeiro nivel, a súa proxección internacional está a medrar moito nos últimos anos, polo que se se espera que esta tendencia ascendente se manteña no futuro, coa vista posta na celebración do Ano Xacobeo en 2021. Santiago ocupa nestes momentos os primeiros lugares do continente en canto á presión turística sobre a poboación residente, é dicir, a relación entre visitantes e habitantes. Neste ratio sitúase por riba mesmo de cidades como Granada ou Barcelona, e só por detrás de París ou Amsterdam ou de cidades de turismo de sol e praia, como Ibiza.
A Xunta ten rexistrados 246 apartamentos turísticos legais en Compostela, pero a cifra real é moi superior
En 2017 tamén se superou o número de pernoctacións turísticas, que rolda o millón e medio (1.450.000) en hoteis, pensións, albergues e outros establecementos regrados (en 2010, Ano Xacobeo, foran 1.430.000 noites). A esta cifra habería que sumar outras 450.000 en apartamentos turísticos, moitos deles ilegais. O fenómeno dos pisos turísticos tampouco é novo, pero si o é a súa popularización a través de portais web (como Airbnb) e a súa proliferación en moitas cidades de grande afluencia de visitantes. Nos últimos anos tamén se vén alertando dos efectos prexudiciais que unha excesiva concentración destes apartamentos pode ter para os centros dalgunhas cidades. Principalmente, córrese o risco de que o prezo das vivendas e dos alugueiros se incrementen notablemente e de que rúas enteiras ou determinados barrios fiquen sen veciñanza residente, poboados maioritariamente por viaxeiros de ida e volta e cun tecido comercial dedicado só a esta comunidade de paso. Barrios de actividade intermitente e sen vida detrás das súas fachadas.
A comezos de febreiro a Xunta deu a coñecer, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo PSdeG-PSOE, o número e distribución das vivendas de uso turístico que están rexistradas legalmente en Galicia. Son un total de 4.360, a maior parte concentradas nas zonas costeiras (só Sanxenxo conta con 1.117) e tamén en Compostela. Con todo, nesta relación só aparecían 246 apartamentos turísticos legais en Santiago. Unha sinxela procura na base de datos de Airbnb amosa que a cifra na capital galega é moi superior, pois o número de pisos turísticos ofertados supera amplamente os 500. Porén, a realidade é que son moitos máis.
O nivel de concentración na zona vella de Santiago (500 vivendas turísticas sobre un total de 3.800, o 13%) rolda os niveis do centro de Madrid ou Barcelona
Nos últimos meses o Concello de Santiago levou a cabo un estudo para localizar a situación deste tipo de vivendas de uso turístico, sobre todo pola preocupación que xera a súa proliferación no casco histórico. Este estudo, cuxos detalles se darán a coñecer en breve, revela que nos dez portais web dedicados ao alugueiro deste tipo de apartamentos se ofrecen ao redor de mil vivendas turísticas en Compostela, e máis de 500 concéntranse na cidade histórica. A cifra total está moi lonxe dos niveis que xa se acadaron en urbes como Barcelona, Madrid ou Lisboa, pero tendo en conta o reducido tamaño de Santiago, o nivel de concentración achégase ao rexistrado nalgúns barrios céntricos destas cidades.
Como referencia, Barcelona supera os 22 mil pisos turísticos, un por cada 70 habitantes, unha proporción que non está lonxe da rexistrada en Compostela (1 por cada 95 habitantes). O nivel de concentración na zona vella de Santiago (500 vivendas turísticas sobre un total de 3.800, o 13%) rolda os niveis do centro de Madrid (Sol: 22% é o máximo, pero no Barrio das Letras a porcentaxe é do 10%) ou Barcelona, co Barri Gòtic ou a Dreta de l'Eixample en proporcións semellantes ás compostelás. O informe Urbantur salienta que Santiago é a cidade española cunha maior presión turística potencial en función do aloxamento, pois conta con 138 prazas por cada 1000 habitantes, por diante de Granada (124) Barcelona (116), Donosti (106), Palma de Mallorca (77) ou Sevilla (76). Como referencia, A Coruña ten 31. Na cidade hai ao redor de 8000 prazas en establecementos regulados -hoteis, pensións, albergues...-, ás que hai que sumar outras catro mil ou cinco mil en vivendas turísticas.
"Ten como efecto o encarecemento das vivendas para os residentes habituais, expulsión dos veciños e veciñas de toda a vida e unha substitución dos usos comerciais de proximidade e tradicionais por outros máis centrados no nicho de mercado dos turistas"
"Hai que regular os coñecidos como apartamentos turísticos ou pisos turísticos", destaca Marta Lois, concelleira de Turismo, que sinala que "a aparición de vivendas de uso turístico non reguladas" pode provocar "procesos de masificación, o encarecemento dos servizos sociais públicos e de proximidade" e tamén contribúe "á expulsión da poboación residente nos cascos históricos", a través do incremento dos prezos dos alugueiros. "Ten como efecto o encarecemento das vivendas para os residentes habituais, expulsión dos veciños e veciñas de toda a vida e unha substitución dos usos comerciais de proximidade e tradicionais por outros máis centrados no nicho de mercado dos turistas. Deriva na conformación de espazos que deixan de ter vida propia, que pasan a ter un poboamento irregular", denuncia.
"É un negocio daniño, que move máis de 8 millóns de euros anuais en Compostela, exentos de impostos, taxas e todo tipo de controis. Hai que ter en conta, ademais, que as vivendas turísticas non xeran emprego"
Ademais do traballo de localización dos apartamentos non rexistrados (e polo tanto ilegais), o Concello de Santiago prevé impor sancións aos e ás propietarias das vivendas turísticas que non conten con licenza para esta actividade. "É un negocio daniño, que move máis de 8 millóns de euros anuais na cidade de Compostela, exentos de impostos, taxas e todo tipo de controis. Ademais, o 15% dos ingresos quedan nos portais online, como intermediarios, diñeiro que vai fóra da cidade e moitas veces fóra de España, mesmo", advirte Marta Lois. "Imos traballar para restablecer unha situación de garantía e combater todos estes procesos. É un traballo moi transversal, que debe ser abordado dende urbanismo, dende comercio, dende turismo... É un problema de cidade, en definitiva", explica.
Finalmente, Compostela levará a cabo unha campaña de comunicación e sensibilización entre as persoas que veñan á cidade para que se aloxen en establecementos regulados e legais e non nos apartamentos ilegais ou alegais. "Se os apartamentos están regulados, pagan impostos e están distribuídos por toda a cidade, sen saturar zonas concretas, non teñen por que ser un problema", destaca Marta Lois, que en calquera caso reitera a aposta do Concello polos establecementos hoteleiros tradicionais: "Hai que ter en conta que as vivendas turísticas non xeran empregos, benefician só ás rendas privadas", subliña.
Dereito á vivenda, dereito á cidade
"Hai que controlar o uso turístico dos pisos, aplicando a actual normativa urbanística. Cando localizamos un piso que se está alugando ilegalmente, porque figura con uso residencial, hai que poñer en marcha un programa de control e inspección"
Ademais das medidas que se poden poñer en práctica para regular o turismo e garantir un mellor aproveitamento dos seus beneficios para os habitantes da cidade, outro aspecto desta situación ten que ver coa garantía de que unha familia poida residir no casco histórico de Compostela pagando un alugueiro razoable, permitindo así que estes barrios manteñan a súa vitalidade. "Dende o Concello temos claro dende o principio que a vitalidade da cidade histórica pasa por manter ou fomentar que haxa poboación residente", destaca Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns e Dereito á Vivenda. Hai anos un dos grandes problemas era o encarecemento da vivenda en determinadas rúas da zona vella provocado pola venda de inmobles para a súa conversión en hoteis; as limitacións establecidas aos cambios de uso -de residencial a hoteleiro- conseguiron regular ese proceso. Pero nos últimos tempos, a ameaza é a proliferación de apartamentos turísticos, que está a provocar unha burbulla dos prezos de alugueiro, porque un alugueiro turístico é moito máis rendible para o propietario que un alugueiro residencial.
Ademais deste proceso de control e inspección, o Concello fai fincapé noutras medidas de fomento do asentamento, que pasan en boa medida por mobilizar as vivendas que neste momento están baleiras
"Para combater ese fenómeno, hai que controlar o uso turístico dos pisos, e para iso hai que aplicar a actual normativa urbanística. Cando localizamos un piso que se está alugando ilegalmente, porque figura con uso residencial, hai que poñer en marcha un programa de control e inspección", explica. Ademais deste proceso de control e inspección, o Concello fai fincapé noutras medidas de fomento do asentamento, que pasan en boa medida por mobilizar as vivendas que neste momento están baleiras. Para iso, púxose en marcha unha bolsa municipal de vivendas baleiras para o alugueiro, que abrangue todos os inmobles do casco histórico, a cuxos propietarios se lles ofrecen axudas para pagar o seguro de danos na vivenda e o seguro de caución para garantir o cobro do alugueiro, sempre que o prezo non supere os 600 euros mensuais.
"Con isto estamos dándolles unha alternativa a aquelas persoas que lle están dando un uso irregular como piso turístico. Entendemos que un alugueiro de 600 euros por un piso de tres dormitorios no casco histórico é razoable", di Jorge Duarte, que subliña que "queremos facilitar o alugueiro para aquelas persoas que queiran facer do casco histórico o seu lugar de residencia, porque para manter a vitalidade da cidade histórica é fundamental que haxa residentes".
"É o momento de conseguir que non se convirta nun decorado cheo de turistas. Debemos conseguir manter a súa vitalidade. Debemos manter un barrio de residentes, para que a cidade histórica non se limite a ser un escenario ou un aloxamento para visitantes"
A proliferación de apartamentos turísticos é un problema de futuro ou está xa a crear prexuízos aos e ás residentes na cidade? "500 vivendas turísticas son un grave problema, porque hai unha saturación. Esta saturación é máis importante na améndoa, na zona interior das murallas, pero esténdese a outros barrios exteriores", destaca Jorge Duarte, que lembra que "o fenómeno turístico de Compostela está en expansión, está explotando agora sobre todo a nivel internacional". "Se non o regulamos agora, chegará un momento no que ningún compostelán poida residir na cidade histórica porque os prezos do alugueiro serán imposibles de ser pagados por un veciño, competindo cun prezo de alugueiro turístico. É un proceso que está crecendo e que hai regulalo canto antes", conclúe. "É o momento de conseguir que non se convirta nun decorado cheo de turistas. Debemos conseguir manter a súa vitalidade. Debemos manter un barrio de residentes, para que a cidade histórica non se limite a ser un escenario ou un aloxamento para visitantes", resume.
Un turismo desestacionalizado, descentralizado e sustentable
O turismo é un activo económico moi importante para Santiago de Compostela, pero da forma en que se xestione dependerá que os seus retornos xeren beneficios na cidade e na súa poboación. Hai dúas semanas a concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou as principais liñas de actuación do novo Plan Estratéxico do Turismo, que define os grandes obxectivos, retos e propostas para transformar o actual modelo turístico da cidade dende este ano e ata o 2022. "O turismo ten retornos de tipo económico, moi importantes, e tamén no emprego, e tamén axuda a conformar unha cidade máis aberta e cosmopolita. Pero, ao igual que está sucedendo nos últimos anos noutros destinos turísticos maduros de tipo cultural, os impactos positivos tamén van acompañados de posibles impactos negativos e de retos que hai que afrontar. Por exemplo os efectos de sobrecarga e saturación en determinados lugares de cidade (nomeadamente o casco histórico), a chamada turistificación", destaca Marta Lois en conversa con Praza.
"O turismo ten retornos de tipo económico, moi importantes, e tamén no emprego. Pero os impactos positivos tamén van acompañados de posibles impactos negativos e de retos que hai que afrontar"
Ademais da xa comentada loita contra a xentrificación e a perda de poboación do centro histórico, unha das grandes apostas deste Plan é a aposta pola desestacionalización, para que os turistas que chegan a Compostela non se concentren só en tempada alta. "Seguimos crecendo no verán, o que é moi bo noticia, pero cada vez hai máis turistas que escollen setembro, outubro ou novembro para visitar a cidade", sinala. Outra é a descentralización, buscando que as grandes masas de visitantes percorran distintos lugares da cidade e non queden só na chamada zona cero, a Catedral e as rúas que a rodean. "Santiago ten un patrimonio cultural indubidable, pero tamén un gran patrimonio natural e todo isto excede á améndoa do casco histórico. Por iso impulsamos políticas que promovan esta descentralización; o ano pasado comezou unha dobre liña de tren turístico para coñecer todos os espazos verdes, pois Compostela é unha das cidades do Estado con máis superficie de zonas verdes por habitante. Tamén roteiros para ver espazos fóra do casco histórico, o fomento dos museos...", comenta.