0 Gardados para despois

"O máis grande de Galiza está até a cona": o BNG "dá a volta" ás mensaxes da Xunta para apoiar a folga feminista

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado novembro a Xunta abordou a súa acción institucional cara ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero coa campaña O máis grande de Galicia non se maltrata, cuxa vertente gráfica amosaba imaxes de grandes dimensións de varias mulleres ao carón de diversos edificios e monumentos galegos. En vésperas do 8 de marzo, Día da Muller que neste 2018 vén marcado pola convocatoria de folga feminista, o BNG apostou por "dar a volta" ás mensaxes daquela campaña e lanzar outra, "clara e provocadora, capaz de xerar debate remover conciencias": "O máis grande de Galiza está até a cona".

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou este martes xunto a outras representantes da formación soberanista unha acción de apoio á folga feminista que, resalta, "aposta por romper co politicamente correcto", porque "ante a desigualdade e a violencia contra as mulleres non caben medias tintas". "Nun momento no que se repiten actitudes neomachistas tanto dende o Goberno do Estado como dende o galego", afirma Pontón, cómpre "unha campaña directa e contundente" que, admite, tivo "dous detonantes claros": a resposta na que Mariano Rajoy chamaba a "non meterse" dende o Goberno no problema da fenda salarial entre homes e mulleres e "as campañas paternalistas e cousificadoras da Xunta".

Ana Pontón: "Ante a desigualdade, a violencia contra as mulleres e as actitudes neomachistas cómpre unha campaña directa e contundente; non caben medias tintas"

Ambos elementos, resalta a nacionalista, son "toda unha mostra do neomachismo que retrata a visión que o PP ten das mulleres" que merece un "retruque" coma este. "Dicimos ao PP e ao señor Feijóo, e estou segura de que o van entender, que o máis grande de Galiza está até a cona de cobrar menos salario polo mesmo traballo, de ver como as mulleres son maltratadas e asasinadas pola violencia machista, fartas de que a conciliación da vida familiar e laboral sexa unha carreira de obstáculos que recae sobre as nosas costas", "de que nos toque a peor parte polo simple feito de ser mulleres".

Trátase, ao cabo, sintetiza Ana Pontón, de "denunciar as desigualdades" mediante a apertura "dun debate sobre o que está pasando" e "dicir, alto e claro", que ante datas como a do 8 de marzo "non valen de nada as campañas rituais nin os lazos lila que veremos en moitas lapelas de señores do PP". "Tampouco valen de nada as palabras baleiras de contido que non se acompañan de feitos que realmente defendan a igualdade e os dereitos das mulleres.

O Bloque agarda que esta campaña axude a fomentar a participación nas mobilizacións convocadas no país cara ao 8M, a comezar pola manifestación unitaria do día 4 en Vigo e "seguindo pola folga laboral do 8M. Pontón agarda que esa chamada ao paro de mulleres "se note nos centros de traballo, no consumo e nas casas" porque "o mundo non pode funcionar sen as mulleres e as mulleres non queremos seguir funcionando con desigualdade".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.