O principal debate parlamentario no día previo ás mobilizacións polo 8M converteuse este mércores no Parlamento de Galicia nunha lameira de acusacións mutuas de machismo entre o presidente da Xunta e os portavoces dos tres grupos da oposición que rematou con dous deputados chamados á orde e Feijóo retirando do diario de sesión da Cámara verbas súas que os voceiros de PSdeG e BNG consideraron ofensivas. Ao tempo, na véspera do 8M, o presidente anunciou un plan de conciliación e outro de igualdade cunhas características que aos poucos minutos tiveron que ser matizadas polo seu gabinete.
O presidente despreza todas as propostas en materia de igualdade que lle formula a oposición entre acusacións mutuas de machismo que o levan a retirar alusións a Leiceaga e Pontón que estes consideraron ofensivas
Nunha sesión de control ao Goberno galego que os tres grupos da oposición centraron na igualdade da muller, o presidente salientou que “este goberno fixo máis en políticas de igualdade que calquera outro goberno”. Feijóo, que nestas sesións dos mércores adoita anunciar plans ou decisións que o seu Goberno aproba nas súas reunións do día seguinte, avanzou desta volta que non este xoves senón “neste mes de marzo imos aprobar o primeiro plan de conciliación na administración autonómica galega de todas as administracións de España”. Un anuncio que aos poucos minutos foi matizado polo seu gabinete sinalando que non se limitará aos traballadores da Xunta senón que se estenderá a toda a sociedade. Igualmente, o Goberno galego tamén anunciou a renovación antes de fin de ano do plan de igualdade actualmente vixente.
“Este goberno fixo máis en políticas de igualdade que calquera outro goberno”, asegurou Feijóo
Eses anuncios, realizados na véspera do 8M, foron acompañados por acusacións máis ou menos veladas de machismo do presidente aos grupos da oposición. Á portavoz do BNG, Ana Pontón, Feijóo criticoulle o cartel no que a súa formación di que as mulleres están “até a cona” argumentando que “utiliza o corpo das mulleres para saír nun periódico ou nunha radio”. Ao portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, díxolle que "a oposición está onde está por non respectar a sensibilidade das mulleres" tanto como o PP -“a maioría das mulleres de Galicia me deron a súa confianza”, chegou a dicir Feijóo, atribuíndose a capacidade de coñecer o voto secreto en urna nas eleccións autonómicas-. E ao portavoz de En Marea, Luís Villares, atacouno lembrando diversas expresións machistas lanzadas polo líder de Podemos, Pablo Iglesias, que transcenderon nos últimos anos.
Ante as protestas de Pontón e Leiceaga, que consideraron ofensivas esas alusións, Feijóo acabou retirándoas do diario de sesións da Cámara. Fíxoo ao tempo que o presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices, chamaba á orde a Villares e ao deputado do BNG Xosé Luís Rivas Mini pola súa vehemencia á hora de protestar contra a actitude de Feijóo. Mentres, a conta de Twitter do PP galego emitía un chío no que daba "ánimo" a Pontón ata que dentro de dúas semanas leve "outro repaso parlamentario".
“A súa grande achega á igualdade esta semana é dicir que todas as galegas e todos os galegos somos contrabandistas”, criticou Villares
Desde En Marea, Villares centrou parte da súa intervención en lembrar a entrevista televisiva de Feijóo do pasado domingo e criticou que nela “a súa grande achega á igualdade esta semana é dicir que todas as galegas e todos os galegos somos contrabandistas”. “Talvez viva vostede tan rodeado de xente delincuente que pense que todos son contrabandistas”, engadiu Villares. A reposta de Feijóo foi dicir que “os de Podemos” están “rabiosos” porque el estivese “nun programa de La Sexta” pero que “non pasa nada porque nesa televisión haxa durante unha hora alguén do PP”, engadindo que “se chegan a emitir as catro horas de preguntas e respostas gravadas dálle algo”.