José González Vázquez, portavoz do PP en materia de montes, foi o pasado venres o terceiro dos participantes nos faladoiros cos catro grupos parlamentarios sobre a nova lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e a ordenación dos montes en xeral que organizou o Instituto de Estudos Miñoráns. Praza Pública colaborou moderando as intervencións dos asistentes e formulando preguntas aos participantes, cuxas respostas sintetizamos na semana seguinte a cada faladoiro en pezas informativas acompañadas de extractos audiovisuais.
"O Plan Forestal de 1992 facía recomendacións, o que se pretende coa revisión actual é que sexa vinculante"
A comisión de estudo sobre os incendios creada no Parlamento de Galicia, da que vostede forma parte, está tamén a realizar propostas para un novo Plan Forestal. Pero o actual, aprobado en 1992, e que o Consello de Contas di que non se está a cumprir, remataba en 2032. É necesario un novo plan cando aínda quedaban 15 anos do anterior ou bastaría con cumprir o que xa hai?
Por unha banda, o plan o que marca é a senda cara a onde ten que ir o forestal, pero agora o que se plantexa é un monte multifuncional, con castiñeiros, cogumelos, etc. Por outra, o plan de 1992 facía recomendacións, sen carácter vinculante. O que se pretende facer agora é esa revisión e darlle carácter vinculante.
"Máis alá de fiscalidade ou subvencións, o que temos que intentar é xerar actividade no monte e no rural no seu conxunto, porque se é atractivo, máis xente quererá vivir no rural"
Dúas das reivindicacións que veñen facendo as comunidades de montes son que se respecte o seu carácter de propiedade comunitaria e a esixencia dunha fiscalidade específica.
A actual propiedade privada colectiva dos montes comunais está fora de toda dúbida. Téñense plantexado no Parlamento iniciativas para variar esa situación, e eu o que digo é que se hai algún informe xurídico que poña en dúbida iso, nós estamos abertos a recollelo, pero ningún experto no ámbito xurídico ten ningunha dúbida de que coa lexislación actual as comunidades de montes están protexidas e teñen carácter colectivo. Canto á fiscalidade, a miña opinión é que as comunidades son un elemento esencial para regular o monte en Galicia, por unha razón de pura lóxica, que é que son grandes propietarios nun país minifundista. Falamos de 2.800 comunidades de montes que son propietarias de 700.000 hectáreas. Dentro da dificultade que temos para coñecer a propiedade de moitos montes, as comunidades teñen a vantaxe de que se sabe cal é o seu terreo. E probablemente para animar o traballo das comunidades de montes haxa que ir cara a unha fiscalidade específica. Máis alá de fiscalidade ou subvencións, o que temos que intentar é xerar actividade no monte e no rural no seu conxunto, porque se é atractivo, máis xente quererá vivir no rural.
"Hai que limpar as franxas de protección, pero logo teremos que darlles algunha actividade, a que sempre houbo nelas, agrícola, gandeira ou árbores de froita, hai que pólas en produción"
Para acadar esa rendibilidade, nese e noutros sectores, adoita salientarse a necesidade dunha seguridade xurídica. Pero a Lei de Montes actual, aprobada en 2012, mudou seis veces nestes seis anos. Non é unha eiva para a seguridade xurídica e a rendibilidade?
A seguridade xurídica é imprescindible en calquera ámbito. Os cambios que foron introducidos na lei teñen que ver fundamentalmente coas franxas de protección contra o lume ao redor dos núcleos de poboación. Podemos discutir se deben ser máis ou menos metros, pero o fundamental é que se manteñan eses espazos limpos. E o que había era pouca seguridade xurídica para que os concellos puidesen entrar nesa franxa a limpar. Había casos nos que unha finca que aparentemente non tiña propietario non se limpaba nunca, pero cando o Concello empezaba a limpar o propietario aparecía e denunciaba. O cambio que se fai na lei, e nesa parte co consenso de todos os grupos parlamentarios, é dotar de seguridade xurídica aos concellos para que poidan entrar nesas fincas. Pero aínda que haxa moita vontade por parte dos concellos, segue a ser complicado pola gran cantidade de fincas con propietarios difíciles de localizar. E logo está o que custa limpar arredor dos 30.000 núcleos de poboación que hai en Galicia. Eu fago unha estimación e non chegan cen millóns de euros ao ano. Non podemos asumir como país ese custo. Agora haberá que limpar, pero logo teremos que darlle a esas franxas algunha actividade, a que sempre houbo nelas, agrícola, gandeira ou árbores de froita. Hai que pólas en produción.
"Hai que agrupar as propiedades e un dos instrumentos, creado polo bipartito pero que é bo e que nós mantemos, é o Banco de Terras, que como axencia pública poida facilitar a explotación de parcelas das que non aparecen os propietarios"
Di que limpar todas esas franxas custaría uns cen millóns de euros. Iso é o que gastamos todos os anos en loita contra o lume, fronte a 50 millóns en xestión forestal, segundo di o Consello de Contas, que lembra que tería que ser ao revés. Como revertemos a situación?
A todos nos gustaría que se gastara moito menos na loita contra o lume, pero o que non podemos facer é desmantelala. Reverter a situación significa introducir reformas estruturais que afecten a todo o rural. Niso se está a traballar na comisión do Parlamento. Temos un problema que é a propiedade da terra. Temos que actuar na estrutura da propiedade. A clave que pode mellorar a loita contra o lume, na miña opinión, é a ordenación forestal dentro do monte, e para iso temos que ser quen de darlle a quen queira traballar no monte unha superficie suficiente. Temos que traballar en figuras que permitan agrupar propiedade dentro do monte sen que iso signifique que se perda a propiedade. Un dos instrumentos que temos, que foi creado polo bipartito pero que é un bo instrumento, e que nós mantemos na lexislación, é o Banco de Terras, que como axencia pública poida facilitar a explotación de parcelas das que non aparecen os propietarios.
"A loita contra a eucaliptización faise con ordenación forestal: co Plan Forestal que fixe uns límites, con lexislación que impida que o eucalipto se plante en calquera lado e con diversidade de especies"
A lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais facilita a corta de eucalipto, piñeiro e acacia, presentando só unha declaración responsable previa e sen ter que pedir permiso, que si se mantén para as frondosas autóctonas. Esta medida que algúns consideran positiva para loitar contra a eucaliptización é vista por outros como un perigo para os xacementos arqueolóxicos dos montes, que poden verse afectados por cortas sen control. Que opina?
A loita contra a eucaliptización faise con ordenación forestal: co Plan Forestal que fixe uns límites, con lexislación que impida que o eucalipto se plante en calquera lado e con diversidade de especies. É o que defende o PP, non defende para nada ningún monocultivo, escóitese o que se escoite. Para as cortas estabamos a atopar supostos nos que se podía tardar ata 14 meses en ter autorización se no sitio onde se ía cortar había varias cautelas á vez como as de patrimonio ou hidrográfica. A lei o que pretende é quitar esa burocracia onde non existan esas proteccións. Está en tramitación unha plataforma informática que permitirá saber que organismos teñen que informar dunha corta en cada lugar. Se a parcela está preto dun ben protexido, xa non terá ningunha dúbida de que ten que pedir autorización. Naquelas que non estean afectadas por proteccións poderase facer a corta cunha declaración responsable.
Pero por que se tardan 14 meses en dar os permisos? No servizo de Patrimonio da provincia de Pontevedra hai só dous arqueólogos.
Probablemente non sexan demasiados.
"A lei de implantación empresarial pretende eliminar burocracia, non garantías; aí ao lado Portugal está sendo moi áxil e non está para nada buscando destrozar o seu territorio"
Unha das críticas que se fai á lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais é que elimina controis, mentres que vostedes defenden que o que elimina son trabas. Cal é a realidade?
Pretende eliminar burocracia pero sen eliminar garantías. Aí ao lado, en Portugal, temos un país que nisto está sendo moi áxil e non está para nada buscando destrozar o seu territorio, está buscando facilitar a implantación empresarial. Hai que ir a un sistema de ventá única.
Unha das cousas que se di desta lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais é que a Consellería de Industria adquire máis peso sobre outros departamentos. Supón isto unha aposta polo seu titular, Francisco Conde, como sucesor de Feijóo?
(Ri). Só podo contestar que non é unha pregunta que teña que ver co meu ámbito, o medio rural.