A Autovía do Cantábrico (A-8) non terá unha solución para os reiterados cortes de tráfico pola néboa que rexistra nos meses centrais do ano ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, ata polo menos 2020, seis anos despois da inauguración do que foi o último treito en rematarse en Galicia desa infraestrutura. O Ministerio de Fomento vén de licitar aínda agora, no Boletín Oficial del Estado (BOE) deste xoves e por 7,2 millóns de euros, as probas dos diversos inventos que lle ofreceron empresas e particulares para desviar ou paliar os efectos da néboa. Pero os prazos de adxudicación do contrato e os períodos en que se debe probar a efectividade dos inventos na propia zona afectada impedirán que a solución definitiva que se escolla poida estar operativa ata polo menos dentro de dous anos.
Fomento licita aínda agora as probas dos inventos contra a nubosidade que lle ofreceron empresas e particulares, cuxos prazos de contratación e períodos en que se deben testar condicionan o proceso
O último treito en rematarse da A-8 en Galicia, o que discorre polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, inaugurouse en febreiro de 2014 e en xullo dese mesmo ano, nunha xornada de forte néboa, produciuse nel un accidente múltiple cunha falecida e ducias de vehículos afectados. Desde entón, e malia o reforzo progresivo da sinalización luminosa da estrada que se foi implantando, a DGT, nunha decisión que non foi ben acollida no máis alto nivel de Fomento, obriga a pechar ese treito ao tráfico e desviar os vehículos pola vella estrada nacional en canto aparecen problemas de visibilidade. Uns problemas de visibilidade que son máis habituais, como saben os habitantes da zona e ratifican os meteorólogos, nos meses centrais do ano, na primavera e o verán, cando as altas presións fan que sopre vento do nordés que chega a esta zona logo de cargarse de humidade no Cantábrico. Ao chocar contra as montañas, esa humidade convértese nas nubes ou néboas que obrigan a pechar ao tráfico o treito en cuestión.
Hai dous anos que Fomento deu por rematado o proceso de preselección dos inventos pero non adxudicará as súas probas ata polo menos o próximo verán
Tras o accidente de 2014 o ministerio de Fomento decidiu aplicar ao problema da A-8 un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade. Esa consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre xullo de 2015 e abril de 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas. Porén, nos dous anos que pasaron desde aquel momento o Goberno pouco máis avances deu que asinar un convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses inventos con cargo a fondos europeos e comprobar cal funciona mellor. E é aínda agora cando saca a concurso esas probas.
Segundo os prazos indicados no BOE deste xoves, as ofertas económicas das empresas candidatas non se abrirán ata o 11 de xullo, e despois aínda haberá que adxudicar e formalizar o contrato e demostrar a viabilidade técnica e económica dos prototipos. Isto impedirá que os inventos que pasen á seguinte fase, de instalación in situ, poidan ser probados xunto á A-8 no período de máis néboa dos meses centrais deste ano. Ao ter que analizarse o seu funcionamento durante 2019, o invento ou os inventos que finalmente resulten elixidos, que despois aínda deberán ser contratados e despregados de xeito xeral no treito, non poderán estar dispoñibles ata, polo menos, o período de máxima intensidade de néboas de 2020.