O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeita identificar quen foi o delegado do Goberno que, segundo revelou na súa entrevista no programa Salvados de La Sexta, o informou en 2004 da existencia das fotos coas que El País sacou á luz en 2013 a súa amizade de anos co contrabandista Marcial Dorado. Feijóo restou este xoves importancia á filtración e replicou dicindo que esas fotos “as tiña moita xente” e revelando agora que “un partido” ameazouno con facelas públicas nunha campaña electoral.
O presidente rexeita identificar o autor da filtración en 2004 que revelou na súa entrevista en 'Salvados' e deita así sospeitas sobre os tres que houbo ese ano
Na entrevista en Salvados o propio Feijóo explicou que “sabía que existían” as fotos antes de que El País as publicase porque foran recollidas dunha vivenda de Dorado nun rexistro da “Axencia Tributaria”. Ante esa afirmación, o xornalista de La Sexta preguntoulle cando e quen o avisou desa circunstancia. “Creo que foi o delegado do Goberno da época”, dixo na entrevista, para engadir máis adiante que cría que fora “como no 2004 ou por aí”, datos ambos os dous que non se coñeceran ata o de agora.
En 2004, cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial con Manuel Fraga, o 14 de marzo celebráronse as eleccións xerais que substituirían o PP polo PSOE á fronte do Goberno central. Iso fixo que ese ano houbese tres delegados do Goberno en Galicia. O primeiro era quen logo sería director xeral da Guardia Civil, o popular Arsenio Fernández de Mesa, que deixou o cargo o 1 de febreiro para poder presentarse como candidato a deputado. Substituíuno como delegado en funcións o ata daquela subdelegado José Manuel Pérez Díaz, que estaría no cargo ata que a mediados de abril foi nomeado polo novo Goberno o socialista Manuel Ameijeiras.
"Polo que se veu esas fotos as tiña moita xente había moito tempo. Incluso algún partido político nunha campaña electoral ameazou con sacar esas fotos se seguiamos criticando a determinados líderes dese partido", di Feijóo
Este diario preguntou este xoves a Feijóo, na súa rolda de prensa semanal posterior ás reunións do seu executivo, se considera adecuada esa filtración por parte dun delegado do Goberno, con independencia de que el non estivese investigado, e cal dos tres que houbo aquel ano fora o autor, para non salpicar aos outros dous. A súa resposta foi a seguinte: “Esas fotos dáme a sensación de que as tiña moita xente. Non sei como se concretaba pero vamos, a min ameazoume un partido político con facer públicas esas fotos. Como se pode vostede imaxinar, esa pregunta non podería contestarlla. O que si sei é que polo que se veu esas fotos as tiña moita xente había moito tempo. Incluso algún partido político nunha campaña electoral ameazou con sacar esas fotos se seguiamos criticando a determinados líderes dese partido político. Como poderá comprobar, nós seguimos facendo a nosa campaña e seguimos traballando por Galicia. Se o que se quere é seguir falando diso, non conte vostede comigo. Todas as explicacións parlamentarias e extraparlamentarias xa as din”.
"Que eu saiba nunca tiven que ver cun sumario en relación con esas fotos polo tanto non parece que houbera ningunha ruptura dun secreto sumarial”
Ante esa resposta, a Feijóo fíxoselle ver que era unha novidade revelada por el mesmo en Salvados o feito de que o informara das fotos un delegado do Goberno. “Creo que lle acabo de contestar”, respondeu o presidente, para engadir que “esas fotos as tiña moita xente, esas fotos as tiña, polo que se di, desde partidos políticos a outras forzas e corpos de seguridade e eu que eu saiba nunca tiven que ver cun sumario en relación con esas fotos polo tanto non parece que houbera ningunha ruptura dun secreto sumarial”, cuestión esta última que xa se sinalaba na pregunta.
Preguntóuselle a continuación a Feijóo se considera adecuado que un delegado do Goberno poida transmitirlle a un cargo político a existencia desas fotos. A súa resposta foi explicitar que non ten intención de responder a esa pregunta: “Intentei non contestarlle á primeira pregunta, non vou contestarlle á cuarta, simplemente me parecería entrar vostede e eu nunha conversa interesante pero máis propia dunha tertulia que dunha rolda de prensa”, dixo. E malia que outro xornalista repreguntou a continuación polo nome do delegado do Goberno que o informara, o presidente pechou a cuestión: “Sería unha falta de respecto darlle a vostede unha resposta que non din ao seu compañeiro”, concluíu.
En 2013 Feijóo dixera que alguén, que non identificou, tentara "amedrentalo" coas fotos, pero agora apunta expresamente a "un partido político" que non quere identificar
En 2013, despois de que El País revelase os anos de amizade de Feijóo con Dorado, na súa comparecencia en rolda de prensa no Parlamento de Galicia para dar explicacións o presidente xa dixera que durante todos eses anos alguén, que non identificou, tentara “amedrentalo” coas fotos. Porén, agora apunta expresamente a “un partido político” que non quere identificar.