Todos os grupos, tamén o PP, presentaron este venres na Deputación da Coruña a moción aprobada por unanimidade e que irá ao vindeiro pleno do 23 de marzo no que a institución provincial instará o Estado a recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público. Farao baseándose no informe que a mesma entidade encargou e na que se certifica a nulidade da transimisión do inmoble á familia Franco.
A Deputación trasladará o informe histórico-xurídico ao Parlamento, Xunta, Goberno de Estado, Cortes e grupos parlamentarios
O texto da moción amosa a unión das vontades para a recuperación do Pazo de Meirás para patrimonio público e insta o Estado a "exercitar as accións administrativas e xudiciais oportunas para os efectos da recuperación" deste inmoble. Ademais, a Deputación trasladará á Xunta, Parlamento de Galicia, Goberno do Estado, Cortes do Estado, grupos parlamentarios e todas as instituciórns e organismos que corresponder o informe histórico-xurídico e "procurará a socialización do seu contido".
Tal e como aunciaron todos os grupos hoxe, a moción será apoiada por unanimidade por todos eles, polo que votarán a favor PSdeG e BNG, membros do goberno, ademais de PP, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños (AV). Na rolda de prensa, con representantes de todos os grupos –agás AV que xustificou a súa ausencia por motivos de axenda- serviu para escenificar a unidade de que se parabenizaron en todas as intervencións.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “gran paso que significa o acordo de todos os grupos políticos” de cara a mostrar a “conciencia xeneralizada” para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público. González Formoso lembrou tamén que o contido da moción segue as directrices deseñadas desde a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e os informes histórico e xurídico encargados pola propia Deputación.
“Que todas as forzas políticas naveguen na mesma dirección supón un antes e un despois que responde ao clamor social para recuperar o Pazo", di Goretti Sanmartín
Para a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, a unanimidade é "un motivo de felicitación colectiva" porque, supón subir un chanzo no proceso que se iniciou cos informes que abren unha "vía factible" á recuperación do inmoble na man da familia Franco. “Que todas as forzas políticas naveguen na mesma dirección supón un antes e un despois que responde ao clamor social para recuperar o Pazo de Meirás para o dominio público”, sinalou na súa intervención.
O portavoz do PP, Agustín Hernández manifestou que tanto o grupo provincial como o propio partido “están a favor da recuperación de Meirás para uso público sen custos para as administracións” e defendeu que, no tema, ten que primar “o interese xeral e non o particular”. Avogou tamén por coordinar esforzos coa comisión creada no Parlamento galego posto que, segundo dixo, son conscientes de que “esta é unha demanda lóxica e lexítima pero ten que levarse con prudencia e firmeza e con seguridade xurídica para acadar o seu obxectivo”.
O PP únese á iniciativa por ser "unha demanda lóxica e lestíma" pero advirte de levala a cabo "con seguridade xurídica"
A Deputación, con esta iniciativa, colle a dianteira no impulso para recuperar este BIC, xa que o Goberno galego está aínda á espera do ditame do colectivo de expertos destinados para esa función.
Pola súa banda, o portavoz de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío apuntou que se está a abrir “un proceso de reparación e recuperación da memoria histórica na nosa comarca” e destacou que Meirás se conseguiu con “achegas de natureza coactiva” non só no Concello de Sada senón tamén noutros da propia comarca.
Finalmente, o representante de Compostela Aberta, Manuel Dios Diz, destacou a importancia do acordo e citou tamén a demanda do Concello de Santiago de Compostela para a recuperación das dúas pezas de Mestre Mateo que están en mans da familia Franco, a Casa de Cornide na Coruña ou a finca de Bastiagueiro para lembrar “unha verdade incómoda, que o réxime franquista foi extremadamente corrupto e unha elite encabezada polo propio Franco empregou os resortes do poder para se lucrar”. “Esta moción é unha mensaxe clara de que a democracia e a legalidade deben ser incompatíbles con calquera tipo e corrupción, pasada, presente ou futura”, dixo.
O informe encargado pola Deputación, e no que se basea toda a argumentación para a recuperación do Pazo, aclara que a súa transmisión á familia Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando o ditador levaba utilizando o inmoble desde 1938 e para evitar queu pasase a ser parte do patrimonio do Estado. Quen xa non era lexítimo propietario do inmoble asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda", tal e como se aclara nun texto que debulla as artimañas do xeneral fascista e dos seus familiares para quedar coas Torres de Meirás.