As artimañas dos Franco para quedar co Pazo de Meirás

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

"Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio, que le ofreció la sangre de sus hijos y el tesoro de sus entrañas [...] asocia para siempre el nombre de Franco a su solar, en tierras del Señor San Yago, como una gloria más que añadir a su Historia". Así certificaba nun documento a Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo a doazón ao xeneral fascista do Pazo de Meirás. Era o 31 de marzo de 1938, en plena guerra civil, pouco despois de que o exército franquista iniciase os sanguentos bombardeos sobre Barcelona e con milleiros de asasinados xa entre a poboación galega pola represión. Nese mesmo día, o Concello da Coruña dá conta da "adquisición" do inmoble "para ofrecerlo como residencia veraniega a nuestro invicto Generalísimo y Glorioso Caudillo" e o gobernador civil envía un telegrama ao ministro Serrano Suñer para comunicarlle, "en nombre de esta ciudad y provincia", que as Torres viñan de ser "adquiridas por el pueblo coruñés para donarlo a nuestro Caudillo S. E. Jefe del Estado". 

O 31 de marzo de 1938, a Junta Pro-Pazo, o Concello da Coruña e o gobernador civil dan conta da compra de Meirás para doarllo a Franco

Tan só uns meses despois, o 5 de decembro, o propio Franco confirma a doazón coa estampaxe da palabra "acepto" e a súa sinatura no documento da Junta Pro-Pazo, na que se integraban o Goberno Civil, o Concello da Coruña e a Deputación. Este organismo cedía ao xeneral, na súa condición de Xefe de Estado, o Pazo de Meirás que antes fora adquirido a Manuela Esteban-Collantes y Sandoval, lexítima herdeira da filla de Emilia Pardo Bazán, antiga propietaria das Torres.

Para logralo, o alcalde da cidade, Álvarez de Sotomayor, viaxara a San Sebastián e acordar alí unha venda á que os donos accederon por un  prezo aproximado de 400.000 pesetas. Así o recoñecía un tenente coronel do exército fascista nun informe reservado no que aludía á "rapidez" coa que se levaran a cabo as negociacións para evitar que se lles "adiantasen" outras provincias coa "mesma idea". Recólleo o profesor da USC Xavier Ferreira Fernández no informe histórico-xurídico que, xunto a Emilio Grandío, Manuel Pérez Lorenzo e Miguel Ángel Rodríguez realizaron por encargo da Deputación da Coruña

O alcalde da Coruña viaxou a San Sebastián para mercarlle o Pazo aos herdeiros de Pardo Bazán e "adiantarse" a outros territorios que procuraban unha residencia para o ditador

Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco aceptando a doazón e as declaracións, comunicacións e textos analizados daquel 1938 nos que se documenta a doazón do Pazo, a cesión non se elevou a escritura pública. Mesmo o ditador recibiu nun solemne acto en Compostela o devandito pergamiño en decembro de 1939. "Acepto gustoso y exclusivamente por ser un obsequio de mis queridos paisanos", dicía respecto do agasallo do Pazo. 

"A pesar das evidencias relatadas, non consta elevada a escritura pública nin a eventual adquisición do ben pola Junta Pro-Pazo aos seus propietarios, nin tampouco a doazón efectuada a favor de Francisco Franco", lembra o informe. A propia Deputación da Coruña, en 2009, denunciou ante a Fiscalía a "desaparición" dun documento orixinal de cesión, advertindo de que a última data na que se tiña constancia da súa localización fora en 2003 no arquivo provincial, do que foi substraído. 

A doazón do Pazo non foi elevada a escritura pública e a Deputación denunciou en 2009 a desaparición do documento orixinal do arquivo provincial

Concluída a guerra e instaurado xa en toda España o réxime ditatorial, o BOE publica o 8 de marzo de 1940 a Lei do Patrimonio Nacional, na que se regulaba o patrimonio adscrito ao uso e servizo do Xefe de Estado, que pasaba a formar parte do ben público. Daquela, Franco xa fixera uso do Pazo de Meirás, mesmo antes de ter aceptado a doazón dunha Junta Pro-Pazo que levaba tempo recollendo achegas económicas, tanto de administracións, a través de fondos públicos, como de retencións de salarios de funcionarios ou de doazóns de particulares, con patrullas de falanxistas acudindo ás casas en plena época de represión e guerra.

Aquelas achegas empregaríanse, segundo sinala o informe, "na compra inicial (supostamente), así como noutras posteriores de leiras e edificacións lindeiras, ademais de en varias obras realizadas na cotorna da edificación principal". Ademais, tanto a súa "inicial adquisición" como a "ampliación, mantemento, adecuación e conservación", entre 1938 e 1975, levouse acabo, na súa meirande parte, "con fondos públicos". O seu uso como "residencia temporal do Xefe de Estado" e a súa cesión en favor desta figura é o que leva aos expertos a sinalar que nos atopamos "ante un ben de titularidade pública que, como tal, formaría parte do Patrimonio Nacional"

En maio de 1941 outórgase unha escritura de compravenda do Pazo entre os herdeiros de Pardo Bazán e Franco, como se non tivese sido adquirido antes pola Junta Pro-Pazo

Pero esa evidencia era precisamente a que os Franco querían agochar e borrar da Historia. Foi así como o 24 de maio de 1941, outorgouse en Madrid e ante notario unha escritura de compravenda da finca urbana Torres de Meirás, insicrita no Rexistro Civil de Betanzos xusto medio ano despois. Nela, reflécitese unha compravenda directa do inmoble entre os herdeiros da familia Pardo Bazán, como vendedores, e Francisco Franco Baamonde, como comprador a título persoal, representado por Pedro Barrié de la Maza, membro da Junta Pro-Pazo e posteriormente Conde de Fenosa. 

Quen xa non era lexítimo propietario do Pazo asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda"

Era un "contrato simulado" e "sen causa", como di o informe que avala a nulidade da transmisión do inmoble. En definitiva, quen xa non era lexítimo propietario do Pazo --xa fora vendido o 31 de marzo de 1938-- asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda" na que o comprador foi representado "a título exclusivamente particular".

"Atopámonos diante dunha venda efectuada por quen non era propietario e diante dunha compra realizada por quen, a título de xefe de Estado, xa tiña aceptado o ben mediante  unha doazón previa, e todo iso artellado coa finalidade de eludir a incorporación do ben obxecto da compravenda ao Patrimonio Nacional, incorporándoo así ao seu patrimonio particular", destaca o informe. Esta é a base da demanda que a Xunta Pro-Devolución do Pazo fará a todos os grupos da Deputación e do Parlamento galego para que insten a Patrimonio Nacional a reclamar a devolución do inmoble, que pasaría a ser un ben público do Estado. 

Carmen Franco, cos seus pais nunha imaxe propagandística de 1938 CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.