“O obxectivo do Goberno é gobernar con previsión”. Así presentou este xoves o presidente Feijóo a planificación de leis e decretos que o seu executivo prevé aprobar ao longo deste ano 2018. Fíxoo cando xa case pasou un trimestre do exercicio e anunciando 12 novas leis, cinco das cales xa prometera na súa planificación para 2017 sen ser quen de cumprila.
O Goberno galego presenta a súa planificación de normas para este ano a finais de marzo, cun trimestre xa superado, e despois de que o pasado ano deixase sen aprobar a metade das leis e decretos que prometera
O ano pasado a Xunta divulgou o seu Plan Anual Normativo, unha obriga establecida pola lexislación estatal, a finais de maio. Nel comprometía a aprobación en 2017 de 11 leis, pero na actualidade están aínda sen remitir ao Parlamento para o seu debate e validación cinco delas: as leis de patrimonio de Galicia, emprego, administración dixital, patrimonio natural e ordenación farmacéutica. Este xoves o propio Feijóo admitiu que as dúas primeiras están “atrasadas”.
Ademais de volver comprometer para este 2018 esas cinco leis non aprobadas en 2017, Feijóo enumerou este xoves as outras leis que a Xunta prevé remitir este ano ao Parlamento para o seu debate e aprobación: Orzamentos de 2019, xogos e apostas, calidade das augas durante as secas, rehabilitación urbana, uso lúdico de augas termais e impulso demográfico, ademais dun decreto lexislativo para obter un texto refundido da lei de cooperativas.
Entre os decretos novamente prometidos agora está o que regulará a Risga, que chegará con máis de tres anos de atraso
O incumprimento do Goberno galego das súas propias previsións normativas foi criticado a finais do pasado ano polo PSdeG cun exhaustivo informe que, ademais das leis, indicaba que en 2017 tamén quedaran sen aprobar 35 dos 69 decretos comprometidos pola Xunta. Agora, ademais das leis que compromete para este ano, o Goberno galego anuncia 70 novos decretos e 25 regulamentos. Entre esas normas de rango inferior ás leis, a Xunta volve prometer, entre outros, o decreto que debe desenvolver o regulamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), cuxa tramitación vén de iniciar con tres anos e medio de atraso tras a aprobación a finais de 2013 da Lei de Inclusión Social de Galicia.