0 Gardados para despois

A folga na Xustiza continúa tras fracasar unha nova negociación

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O paro indefinido na Xustiza galega continúa logo dun novo fracaso na última reunión, celebrada na mañá deste luns en Santiago. Malia rebaixaren os sindicatos dez euros o aumento salarial que reclaman --de 190 euros mensuais a 180--, o Goberno galego levantou da mesa e deu por rotas as negociacións ao considerar "inasumible" a contraproposta do comité de folga. 

Os representantes da Xunta deron por "rotas" as negociacións ao non aceptar a rebaixa de dez euros mensuais nas pretensións salariais do persoal

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, certificou ao rematar a xuntanza que as negociacións estaban "rotas" tras confirmar tamén que a Xunta non mudara a súa última oferta retributiva, que limitaba o aumento de 133 a 105 euros mensuais máis segundo o corpo. O responsable da Administración criticou que os sindicatos incorporasen novas demandas ás conversas. Segundo dixo, o comité de folga reclama que a suba pactada se concrete en dúas anualidades e non en tres e que neste 2018 se lles abone xa aos traballadores o 70% desta, deixando para 2019 o 30% restante. Tamén os acusou de reclamar agora cousas "que ninguén entende" como "recuperar mediante un plan de actuación os descontos que se lles fan e seguirán facendo a quen secunde a folga". 

Ademais, e tal e como fixera hai uns días, Martín reinterpretou a votación na que o persoal de Xustiza facultaba o comité de folga a rebaixar as pretensións económicas dos 190 euros mensuais nas negociacións e acusou os sindicatos de "non entender a mensaxe que lles mandaron os traballadores".

O director xeral de Xustiza acusa os sindicatos de "non entender a mensaxe que lles mandaron os traballadores"

Desde o comité de folga aseguran, no entanto, que eles non deron por "rotas" as negociacións porque foi a Xunta "quen levantou da mesa". "Nós polo menos tivemos o talante de traer unha nova proposta, algo que eles non fixeron", quéixanse. Ademais, os sindicatos consideran que esta nova ruptura foi causada polo "inmobilismo" do Goberno, segundo dixo Enrique Araújo, do STAJ. "Levamos escoitando a palabra inasumible desde hai moito tempo; os 180 euros que pedimos son asumibles e asumíronos outras comunidades. Dámoslles dous anos para asumila", engadiu, antes de subliñar que Administración e persoal de Xustiza están aínda "moi lonxe" no plano económico, no que os representantes do persoal tamén apostan por incluír cláusulas de revisión anual que lles garantan non descender na posición na que queden con respecto ao funcionariado doutras comunidades autónomas. 

"Tócalles mover ficha", instou o representante sindical, quen puntualizou que tampouco hai acordo no que respecta ás amortizacións. Aínda que con matices, posto que a Xunta dá por feito que son cuestións xa pechadas e o comité non, si hai coincidencia en que as posturas se aproximaron no que respecta ás baixas por incapacidade temporal, ás substitucións e, logo destas últimas conversas, tamén nos reforzos.

A folga indefinida cumpriu este luns o seu 48º día e con ela acumúlanse máis de 15.000 xuízos suspendidos e milleiros de trámites adiados. O seguimento do paro continúa a ser moi importante e desde o comité entenden que as lóxicas "queixas" dos cidadáns son "queixas ao Goberno". "Nós explicamos a nosa situación e a cidadanía entende que ninguén estaría de acordo en facer o mesmo traballo que un compañeiro cobrando menos; a xente está enfadada co Goberno por non poñer fin a esta discriminación", di Pablo Valeiras, de Alternativas na Xustiza-CUT. 

Ademais, a Xunta de Galicia aclarou nunha instrución os trámites que están incluídos dentro dos servizos mínimos fixados debido á folga na Administración de Xustiza. "A medida ten como obxectivo garantir que os cidadáns poidan facer as xestións que están amparadas polo decreto actual pero que non se están tramitando", di Vicepresidencia, que asegurou que o seguimento da folga foi este luns do 37% e asume que secundaron o paro 1.015 persoas, máis que a semana pasada. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.