A Delegación do Goberno en Galicia, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e ENCE. Foron as tres únicas entidades citadas á comisión de estudo sobre política forestal e incendios creada no Parlamento de Galicia que se negaron a comparecer. O Goberno de Rajoy e a empresa celulosa foron os únicos ausentes dunha mesa de estudo pola que pasaron durante varias semanas máis de 60 intervenientes. Membros do Executivo galego, do goberno bipartito, brigadistas, expertos universitarios, cargos públicos... Todos menos os representantes do Estado e da compañía con maior influencia económica e na ordenación no monte galego.
Só o Goberno de Rajoy e ENCE se negaron a comparecer de entre os máis de 60 relatores chamados á comisión de estudo
A negativa de ENCE chegou hai uns días e uniuse ás xa sabidas do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que comunicou a súa ausencia neste mesma semana, e á da UME, que anunciou hai xa máis de dez días que non enviaría representante ningún á comisión creada polo Parlamento galego.
No caso da empresa celulosa, a xustificación enviada á Cámara argumentaba que o relator previsto para a súa comparecencia hai dúas semanas estaba enfermo, pero nin optou por ofrecer outro candidato nin fixo nada máis por presentarse ante os deputados, que interpretan, segundo fontes parlamentarias, que foi "unha escusa, unha forma de sacarse de enriba algo que non querían facer". As críticas chegaron dos representantes de todos os grupos políticos, tamén do PP, e mesmo da Xunta.
En Marea e BNG amosaron o seu "malestar" pola negativa de ENCE, UME e Delegación do Goberno a acudir á comisión
"Despois de dous meses seguidos de traballo con máis de 60 comparecentes, hai tres que se negaron a pasar polo Parlamento a expoñer o seu parecer e escoitar as críticas da oposición: delegado do Goberno en Galiza, UME e ENCE. Agora...que cadaquén saque as súas conclusións", expresou este mércores o deputado de En Marea e un dos presentes na comisión, Davide Rodríguez. Durante a intervención da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, o parlamentario do BNG, Xosé Luís Rivas, Mini, quixo "deixar patente o malestar do BNG pola negativa de vir aquí dalgunha xente, polo desprezo a este Parlamento". "Non todos comparecen aquí", advertiu.
O PP dixo unirse ao "malestar" da oposición e a conselleira do Medio Rural expresa "lástima" polos que "non estiveron e estaban citados"
As queixas mesmo chegaron do PP. O seu deputado, José González, dixo "unirse ao malestar co delegado do Goberno e a UME" por non acudiren á comisión todos os citados. A propia conselleira tamén foi clara e aclarou sentir "lástima dos que non estiveron e estaban citados". "O Parlamento é o lugar onde debemos acudir e discutir porque a sociedade nos fai unha encomenda e non podemos fallar nela", engadiu.
Xa o pasado martes, o voceiro do grupo do PP no Parlamento advertiu de que, logo dun acordo na xunta de portavoces, acordarase elevar unha solicitude ao presidente da Cámara para que se dirixise ás tres entidades ausentes lembrándollesque “todas as administracións teñen un deber xenérico de colaboración” para que acepten a súa comparecencia comisión. “O lóxico é que comparezan nesta comisión de estudo, que non trata de controlar á Administración xeral do Estado”, destacou Puy.
O delegado do Goberno, Santiago Villanueva --funcionario autonómico de carreira e director xeral de Emerxencias da Xunta entre 2009 e 2014-- argumentou para xustificar a súa ausencia de maneira moi semellante ao Ministerio de Defensa. Ampárase en que a competencia para controlar o seu traballo correspondería ao Congreso dos Deputados e non a unha cámara autonómica. Ademais, remitiuse aos artigos 66 e 108 da Constitución, pero estes só indican que o Congreso debe controlar o Goberno e que o Goberno debe responder das súas actuacións ante o Congreso, sen impedir que ningún representante do Executivo poida comparecer ante un parlamento autonómico. A súa carta de rexeitamento, ademais, chegou ao Parlamento o mesmo día en que si compareceu nesa mesma comisión o fiscal superior de Galicia.
Carta do delegado do Goberno ao Parlamento rexeitando comparecer na comisión de incendios
No caso de Defensa, na negativa a acudir incluíuse unha carta asinada por Miguel Alcañiz Comas, tenente xeneral xefe da UME. Nela acusa recibo da "comunicación" na que o lexislativo galego "convidaba a comparecer a un membro desta Unidade" ante a comisión de estudo -non de investigación- sobre os incendios forestais, a política forestal e a prevención e extinción do lume. "Dende esta Unidade e dende todas as Forzas Armadas", di a carta, "temos o maior dos respectos polos labores dos parlamentos autonómicos e as súas comisións de estudo", declara. No entanto, di, "por motivos obvios" de "ámbito competencial e de dependencia e suxeición administrativa, lamento ter que declinar o ofrecemento".
Carta remitida da UME remitida polo Ministerio de Defensa ao Parlamento anunciando a negativa a comparecer
Na última década, o Ministerio de Defensa recibiu case seis millóns de euros do Goberno galego para a prevención de incendios. O convenio máis recente, o de 2017, tivo un financiamento inicial de case 570.000 euros públicos procedentes da Consellería de Medio Rural, e implica o "despregamento operativo de patrullas terrestres" do Exército nos montes galegos coa "misión de vixilancia e disuasión, compostas por militares sobre vehículo e medios aéreos" que contan ademais con instrumental achegado pola Xunta.