Os deputados do goberno da Deputación de Lugo, encabezados polo seu portavoz, o socialista Álvaro Santos, veñen de emitir un comunicado no que denuncian “unha trama política organizada polo PP” para impedir a apertura de varias residencias de maiores cuxo funcionamento o ente provincial quere conveniar cos concellos tras a negativa da Xunta a participar no seu funcionamento.
O goberno do ente provincial acusa á Xunta de dificultar os seus acordos bilaterais cos concellos nos que se emprazan as residencias
A Deputación quere que as residencias, construídas no seu momento con máis de 10 millóns de euros achegados por ela mesma, presten servizo de xeito preferente aos concellos nos que se atopan, despois ás súas comarcas e aos lucenses en xeral. Para iso, a Deputación quere conveniar o funcionamento de cada centro con cada concello (A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Trabda, Pedrafita e Ribadeo, nunha primeira fase). Porén, os criterios da Xunta para asignar esas prazas serían distintos, de xeito que poderían ir destinadas a persoas doutros puntos de Galicia, polo que se nega a participar no modelo proposto pola Deputación.
“Que os centros de maiores construídos cos fondos públicos de todos os lucenses na Deputación e nos Concellos sexan, por xustiza, para todos os veciños da provincia”, di a Deputación. Pola contra, a Xunta vén optando por subvencionar prazas en residencias privadas que lle supoñen un maior custo e que en ocasións obrigan a que os sus usuarios acaben internados a centos de quilómetros do seu anterior domicilio en vez de por construír novas residencias públicas.
A Deputación acusa ao Goberno galego de seguir ditando actos administrativos en favor da empresa pública Suplusa, dependente do ente provincial pero á que este retirou as competencias, para obstaculizar o plan de aperturas individualizadas das residencias que ten en marcha a propia Deputación. Suplusa está dirixida por Manuel Martínez, alcalde socialista de Becerreá e vicepresidente da Deputación. O seu voto conxunto co PP impediu que a aprobación dos convenios para a apertura destes centros transcorrese pola canle prevista polo resto do goberno da Deputación.