A Xunta protexe a subvención a colexios que segregan nenos e nenas dunha eventual derrogación da LOMCE

Acto de inicio de curso do colexio feminino vigués 'Aloya' © Colexio Aloya

O Tribunal Constitucional certificou este martes o seu avanzado rexeitamento do recurso do PSOE contra a LOMCE, a reforma educativa alcumada como 'Lei Wert'. Por 8 votos a 4 a maioría conservadora do tribunal de garantías avalou o encaixe na Constitución de varios polémicos preceptos da norma, entre eles a blindaxe das subvencións a centros educativos que segregan nenas e nenos para poder seren centros concertados. O ditame do TC non impide, así e todo, que unha eventual derrogación da LOMCE -trámite con escasísimos avances no Congreso malia existir unha maioría favorable a tombala- poida limitar as achegas económicas a estes colexios. No hipotético caso de que isto sucedese estes colexios contarían, no caso galego, cunha blindaxe adicional da man da Xunta.

En marzo de 2017 o Goberno galego puxo en marcha a nova orde para financiar colexios concertados e, na liña da LOMCE, eliminou nela a preferencia da educación en igualdade entre mulleres e homes como criterio para asignar fondos públicos. Tamén en consonancia coa 'Lei Wert' esta orde ampliou os concertos de Educación Primaria de catro a seis anos. No entanto, fíxoo tamén en niveis educativos nos que a ampliación non era obrigatoria: ESO, Educación Especial e Formación Profesional. Isto implicou que todos os concertos concedidos poidan prolongarse ata o 31 de agosto de 2023 ou, o que é o mesmo, ata o treito final das vindeiras lexislaturas galega e estatal, con independencia da cor política de cada goberno.

Os 58 concertos asignados pola Xunta aos colexios que segregan nenos e nenas esténdense ata o 31 de agosto de 2023

Cando, en agosto do pasado ano, chegou o resultado do novo reparto os cinco colexios que en Galicia segregan nenos e nenas -catro deles, dunha empresa ligada ao Opus Dei- obtiveron un total de 58 concertos. Os colexios coruñeses Montespiño e Peñarredonda -feminino e masculino, respectivamente- lograron cadansúas 6 unidades de Primaria e 4 da ESO. En Vigo Las Acacias -feminino- e Montecastelo -masculino- tamén obtiveron 6 concertos en Primaria e 4 na ESO para cada un, e este último agregou ademais catro unidades de FP. O quinto centro, o tamén vigués Aloya, logrou financiamento público de 12 unidades de Formación Profesional.

O Goberno galego financiou estes centros tamén cando era contrario a lei, segundo sentenciou o Supremo

Este 58 concertos son oito máis que as repartidas polo Goberno galego do PP en 2013, cando formalmente a educación en igualdade aínda era un criterio de preferencia para asignar concertos educativos. Daquela a Consellería concertou unidades nestes colexios aínda que o seu financiamento era contrario á lei educativa vixente nese momento, a impulsada polo Goberno de Zapatero en 2006. Esta irregularidade da Xunta mesmo fora constatada polo Tribunal Supremo, aínda que a sentenza non tivo consecuencias prácticas para os cinco colexios segregacionistas galegos.

A situación sería semellante á atopada por PSdeG e BNG ao chegaren á Xunta, con concertos asinados polo Goberno de Fraga dúas semanas antes de deixar o poder

Neste escenario, unha eventual derrogación da LOMCE ou un hipotético cambio de Goberno en España ou en Galicia non traería consigo de xeito automático a fin do financiamento público a estes colexios aínda que houbese unha maioría política partidaria de facelo. A situación sería semellante á vivida polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que ao chegar a San Caetano atopou os concertos educativos asinados polo Executivo de Fraga dúas semanas antes de ter que abandonar o poder. Aquela decisión do Goberno de Fraga en funcións tivo efectos ata o ano 2009, cando socialistas e nacionalistas promulgaron unha orde de seu que limitaba os concertos cos segregacionistas, pero que non tiveron tempo a aplicar por mor da derrota electoral. Pouco despois de retornar á Xunta o PP emendou a decisión da esquerda e repuxo os cartos públicos nestes colexios.

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.