O PP avalía promover "consecuencias legais" contra o deputado do BNG que rachou unha foto do rei

Luís Bará, tras rachar a foto do rei no pleno do Parlamento durante o debate sobre a lei mordaza CC-BY-NC-SA BNG

O pasado mércores o BNG defendeu no Parlamento unha iniciativa coa que buscaba que a Cámara galega defendese a derrogación da vixente Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como 'lei mordaza', e mais a modificación dos tipos penais que permiten "unha interpretación represiva dos delitos de incitación ao odio e enaltecemento do terrorismo". Procuraba, ademais, que a Cámara "expresase o apoio aos integrantes do colectivo musical La Insurgencia", recentemente condenados pola Audiencia Nacional a dous anos de prisión baixo a acusación de terrorismo. Durante a súa intervención Bará rachou dúas fotografías do rei de España para simbolizar a necesidade de "respectar estes actos de discrepancia, como afirma o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos". Agora o PPdeG valora se promover que esta intervención teña "consecuencias legais" para o nacionalista.

"Non o podo queimar porque estamos nun recinto pechado, pero faríao non porque crea que haxa que facer estes actos, senón porque creo que hai que permitilos", expresou Bará no pleno. O deputado do Bloque foi increpado por membros do PP como os vicevoceiros Paula Prado e Miguel Tellado, pero quen presidía nese momento a sesión en ausencia do presidente da Cámara, o vicepresidente Diego Calvo, non o apercibiu. Tampouco o advertiu coa chamada á orde que contempla o Regulamento para ocasións en que os membros do lexislativo "vertan conceptos ofensivos ao decoro da Cámra ou dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade". Nese suposto quen dirixe o pleno debe "requirir o deputado para que retire as ofensas proferidas" e, se non o fai, pode derivar en sanción.

Bará rachou as fotos do monarca como mostra de rexeitamento á 'lei mordaza' e o vicepresidente Diego Calvo, que dirixía o pleno, non o apercibiu de ningún xeito

Dada a ausencia de apercibimento Bará continuou a súa intervención con normalidade, subliñando a necesidade de que o Estado Español "acate" a sentenza na que o TEDH o condenou por castigar xudicialmente a queima de fotos do monarca, acción que o ditame do tribunal encadrou no dereito á liberdade de expresión. O resto de grupos fixaron posición ao respecto -En Marea a prol do texto do Bloque e PSdeG e PP, en contra- e a única mención específica ás fotografías chegou pola banda dos conservadores, representados no debate por Alberto Pazos. O popular respondeu ao xesto de Bará rachando outra fotografía, na que aparecían varios cargos do Bloque co líder abertzale Arnaldo Otegi. Segundo Pazos, Bará é "un rebelde sen causa", o "James Dean do nacionalismo".

Horas despois do debate a Presidencia da Cámara anunciou o encargo dun informe xurídico e o traslado "dos feitos" á Mesa e á Xunta de Portavoces invocando o artigo que Calvo non aplicou

O asunto semellara quedar no tirapuxa do debate, pero non foi así. Horas despois de que Calvo non actuase de ningún xeito cando Bará rachou as fotos, o voceiro popular, Pedro Puy, reclamaba que dende a Cámara se estudase a posibilidade de lle aplicar as devanditas "consecuencias legais". Xa contra o serán do xoves a Presidencia do Parlamento emitía un comunicado no que o seu titular, Miguel Santalices, anunciaba que "tras consultar os Servizos Xurídicos da Cámara" se dispuña a "trasladar á Mesa e á Xunta de Portavoces do Parlamento os feitos protagonizados polo deputado do BNG Luís Bará". No escrito remitido aos medios o Parlamento citaba os artigos do Regulamento sobre as chamadas á orde, os que Calvo non aplicou, e consideraba "a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado" como "unha conduta digna de reproche en sede parlamentaria e impropia dun membro desta Cámara". Ambos órganos reuniranse este venres.

Feijóo acusa o deputado do Bloque de cometer un "acto de puro integrismo" e relaciónao con "repercusións de violencia"

Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal afirman que no seo dos conservadores existiu debate sobre a conveniencia ou non de actuar contra Bará. Sinalan as mesmas fontes que o episodio e a ausencia de reproche contra o nacionalista molestou especialmente na contorna do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cuxa intervención contribuíu a activar a maquinaria das posibles sancións. Este xoves, ao ser preguntado ao respecto, Feijóo asegurou que "o Parlamento actúa de forma absolutamente independente da Xunta" neste caso, se ben deu en considerarse "avergoñado" con esta "provocación", que acabou por ligar coa violencia.

Luís Bará, afirma o presidente do Goberno galego, cometeu "un acto de puro integrismo, puro sectarismo, que posteriormente ten unha serie de actuacións e de repercusións de violencia, illada, pero de episodios de violencia nalgunhas zonas de Galicia". O titular da Xunta foi cuestionado sobre os episodios violentos aos que se referira, tras o que se referiu a "queimas de bandeiras nalgunhas prazas" ou "actos reivindicativos reivindicando a independencia de Galicia, actos violentos que se producen en rúas galegas" de xeito "minoritario", a quen volveu atrbuír unha "actitude integrista". O acontecido, segundo o presidente, ten "impacto" na sociedade e por iso "os deputados deben reflexionar e propoñer as actuacións que correspondan de acordo co Regulamento e o resto do ordenamento xurídico".

Diego Calvo, vicepresidente da Cámara, dirixía o pleno durante o debate sobre a lei mordaza (na imaxe, noutra sesión parlamentaria) © Parlamento de Galicia
Dominio Público Imaxes tiradas do sinal institucional do Parlamento

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.