0 Gardados para despois

Feijóo auséntase do Día das Artes Galegas para esquivar o persoal de xustiza en folga

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A axenda oficial do presidente da Xunta incluía este sábado un único acto público. A asistencia contra as sete e media da tarde no teatro Principal de Pontevedra ao acto central do Día das Artes Galegas, dedicado neste 2018 pola Academia de Belas Artes ao arquitecto Alejandro de la Sota. O xefe do Goberno galego estaba na cidade dende últimas horas da mañá, xa que acudiu a mediodía a un acto do PP, e á hora anunciada dirixiuse ao teatro. Pero, cando estaba a apenas 200 metros, na contorna da Praza de España, decatouse de que ás portas do acto o agardaba unha vintena de representantes do persoal da Administración de Xustiza que leva máis de dous meses en folga. Como recolle Diario de Pontevedra, o presidente deu media volta e marchou para esquivar a protesta e non "boicotear" o evento, segundo recolle este xornal.

O conselleiro Román Rodríguez quedou como representante do Goberno galego nun acto ao que si asistiron con normalidade membros doutras forzas políticas e que se celebraba apenas vinte e catro horas despois de que a propia Xunta decidise non sentar, o pasado venres, á mesa de negociación que o comité de folga reclamaba retomar. O persoal pedía que a Vicepresidencia explicase o suposto aumento de 300 euros ao mes ao que aludiu en varias ocasións Alfonso Rueda e por iso acudiu á sede central da Xunta, en San Caetano. Pero o Goberno "non só non compareceu, senón que utilizou a Policía para botar fóra" a delegación sindical, denunciaron.

Membros do comité de folga ás portas do Teatro Principal de Pontevedra, onde conversaron co deputado do BNG Luís Bará

Con este pano de fondo e mentres o atasco de asuntos pendentes non deixa de medrar nos xulgados o comité rexistrou este sábado unha nova solicitude formal de negociación. "Tras dous meses de folga o comité continúa a ser avalado polas traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza para continuar coa negociación en defensa dos seus dereitos", sinala o escrito, no que os sete sindicatos dan "resposta ás declaracións da Administración realizadas en diversos medios estes últimos días", así como ao "escrito remitido pola Dirección Xeral de Xustiza" na que apenas dous días antes se "manifestaba vontade negociadora".

O comité de folga rexistrou unha nova solicitude formal de negociación tras ser expulsado da sede da Xunta

Aínda que esa vontade "non se correspondese coa posterior actuación, onde por parte da Xunta se impediu a entrada aos membros do comité de folga ao recinto de San Caetano", a represntación do persoal "solicita a inmediata convocatoria da mesa de negociación para retomar" as conversas que, lembran, foron "rotas por parte da Administración". O vicepresidente Rueda, pola súa banda, reiterou a preguntas da prensa tras o devandito acto de partido en Pontevedra que o seu departamento está a "facer todo o posible" para poñer "fin ao conflito".

Este último desencontro produciuse tras unha semana no que, alén de non retomar as negociacións, o Goberno galego apostou pola crítica frontal aos representantes do persoal. Así, despois de que o comité de folga trasladase as súas reivindicacións ao Congreso dos Deputados e llas fixese chegar ao ministro de Xustiza tras manter senllos encontros con En Marea e PSOE, o propio Feijóo instou a "todos os galegos" a "ver" que "esta folga deixou de ser unha reivindicación sindical" e que o persoal mobilizado "empeza a ter relación con determinados grupos políticos"

Mentres, calcúlase que os xuízos suspendidos poden superar xa os 20.000 e os salarios perdidos polo persoal en folga indefinida suma uns 3 millóns de euros dende o pasado 7 de febreiro. O atoamento pode ser aínda maior se finalmente se concretan os paros anunciados por membros da xudicatura e mais da fiscalía en reclamación de máis independencia xudicial e de melloras condicións laborais. Ao tempo, cunde entre o colectivo a sensación de que o Goberno galego apostou pola estratexia do esgotamento dos folguistas para buscar a fin do conflito.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.