A Xunta convoca tres semanas despois o persoal de Xustiza en folga, que amosa a súa fortaleza

Rolda de prensa do comité de folga na Coruña CC-BY-SA CIG

Con aplausos e berros de "nin un paso atrás" rematou este luns na Coruña outra asemblea, das varias que se celebraron en Galicia, de traballadores da Administración da Xustiza en Galicia e que contou coa presenza do comité de folga. O persoal cumpre 69 días dun paro indefinido que comeza a súa 11ª semana, con máis de 18.000 xuízos suspendidos, adiamentos até 2020 e ningunha convocatoria oficial de reunión por parte do Goberno galego, ao que esixen que "sente a negociar" dunha vez logo de máis tres semanas sen facelo e dun seguimento aínda moi alto. "A obriga da Xunta é buscar unha solución", dixeron antes de que o Executivo anunciase unha nova xuntanza  para esta semana, pero aínda sen data nin hora. 

O comité de folga acusa a Xunta de usar "tácticas de desgaste" para pór fin ao conflito: "Iso non lles chega porque seguimos"

Así se manifestaron os portavoces do comité de folga nunha comparecencia tras a que se situaron uns 60 traballadores con cadansúas camisetas que reivindican "dignidade e resistencia". O persoal insiste en criticar a Xunta por, en coincidencia co manifestado polo fiscal Álvaro García Ortiz, intentar "dilatar" o conflito e empregar "tácticas de desgaste" para buscar a fin do conflito por cansazo e presión sobre os traballadores, que acumulan arredor de 4 millóns de euros perdidos en nóminas pola folga. "Pero iso non lles chega porque seguimos", advertiu Pablo Valeiras, un dos voceiros.

"Isto só acaba coa negociación; non van acabar coa folga sen un acordo satisfactorio", advertiu o comité en palabras ás que seguiron unha ovación dos presentes. A impresión e a denuncia é xeral entre o persoal: a Xunta négase a negociar, intenta alongar o conflito e busca unha solución por rendición e non por acordo.

"Isto só acaba coa negociación; non van acabar coa folga sen un acordo satisfactorio", advirten os representantes do persoal

"Non existiu negociación nunca; a Xunta chega, presenta a súa oferta e marcha para convocar a outra xuntanza quince días despois", lembra Valeiras. A última reunión foi o pasado 26 de marzo. O comité insistiu nun incremento salarial de 180 euros mensuais para cada traballador, mentres a Xunta teima en entre 133 e 105 dependendo da categoría. É a principal diferenza sobre as reclamacións do funcionariado, que denuncia a súa "discriminación" con outros traballadores do Estado ou dependentes desa Administración: no que ten que ver coas baixas, cos recortes sufridos ou coa amortización que levou a cabo a Administración. 

O comité insiste nos graves "prexuízos" que o conflito está a provocar na cidadanía, a principal "prexudicada", e reclama da Xunta unha reunión o máis axiña posible. Este mesmo luns foron suspendidas pola folga as comparecencias de peritos do caso do accidente ferroviario de Angrois previstas para este mércores.

Así, os representantes dos traballadores enviaron pola mañá á Xunta unha nova carta para que fixe unha data para outra xuntanza. Farano así "todos os días" ata que o Goberno responda. Ao tempo, insisten nas críticas á "prepotencia" de Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia e vicepresidente dun Goberno, ao que ven "deslexitimado" no conflito, logo de "utilizar a policía" para desaloxar ou non impedir a entrada dos representantes sindicais o pasado venres en San Caetano e por "non ter ningún tipo de intención negociadora". 

Case ao tempo, Rueda anunciaba que "esta mesma semana" volverá convocar os sindicatos "con toda a intención de pechar un acordo" aínda que sen poñer a data fixa. Xa que logo, as partes volveranse reunir máis de tres semanas despois da última xuntanza. O número dous do Goberno galego asegura que a Xunta "cumpre con todo o que pediron" os traballadores inicialmente e volve situar os funcionarios "por riba da media" na táboa salarial das comunidades. 

Rueda anuncia unha nova reunión esta semana e acusa "algún sindicato" de "non ter interese en que se peche o acordo"

"A Xunta nunca estivo pechada a iso e aí estamos outra vez", manifestou o vicepresidente, quen, en todo caso, reiterou unha vez máis que, ao seu xuízo, "hai algún sindicato que non ten interese en que se peche o acordo". "Digo algún e son sete", aclarou, antes de puntualizar que tamén está seguro de que "a maioría" si quere solucionar o conflito.

Desde o comité de folga, no entanto, insisten nas críticas a Rueda e en denunciar que o conflito da Xustiza se vexa "prexudicado" polas "loitas de poder e sucesión" no PPdeG. Así, aseguran que a intervención de altos funcionarios de Facenda nas negociacións e a non presenza do vicepresidente débese a un intento por promocionar o conselleiro de Economía, Francisco Conde, fronte ao actual número dous na suposta carreira para substituír a Feijóo, a quen os sindicatos censuran por ter lanzado contra o funcionariado a mileuristas, pensionistas ou parados.  

Mentres, o persoal de Xustiza mantense firme e, segundo aseguran os sindicatos, cun seguimento medio da folga dun 80% en Galicia. Este luns, segundo a Xunta, case 800 persoas secundaron o paro nunha xornada na que 775 cumpriron cos servizos mínimos e 179 causaron baixa xustificada dun cadro de persoal total de menos de 2.600. "O enfado coa actitude do Goberno galego inflúe tamén nesta resistencia", confesan traballadores que advirten de que tardarán "dous ou tres anos" en recuperar os cartos perdidos por este conflito mesmo conseguindo as actuais reivindicacións. 

 

"Feijóo é o responsable"

Desde a oposición, pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, cre que o "responsable" de que o conflito virase xa na "folga máis longa" na Administración pública ten "nomes e apelidos": Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de "agocharse" para "non dar a cara". Tamén acusou o Goberno galego de escudarse en "razóns orzamentarias" para non atender as reclamacións dos funcionarios, un argumento "débil", segundo advertiu. 

A oposición acusa a Feijóo de "agocharse" e "non dar a cara": "Que deixe de esconderse tras Rueda"

A voceira do BNG, Ana Pontón, lembrou que esta folga xa se estende máis de dous meses, "mentres Feijóo segue atrincheirado na súa posición, negándose a negociar e paralizando a Xustiza". Así, instou o presidente da Xunta a "saír do seu castelo" e "pisar a rúa", xa que "leva 20 días sen querer negociar". "Que dea a cara e deixe de esconderse detrás de Rueda, que demostrou a súa insolvencia para dar unha saída negociada ás lexítimas demandas dos funcionarios", concluíu.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o paro "dura demasiado" e "está a ocasionar un grave quebranto de todo o funcionamento do sistema xudicial", con consecuencias en "milleiros de cidadáns".

Todo, indicou, ante a "incapacidade da Xunta para atender de forma axeitada as reivindicacións dos traballadores". "Hai unha sensación de orfandade, de desleixo e distancia entre o poder e os traballadores", lamentou o socialista, quen chamou a "apurar a negociación sen horas, sen poñerse un horizonte".

Asemblea de traballadores de Xustiza en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.