Privatización dos terreos do peirao de San Diego (377.057 metros cadrados), propiedade pública dos de Batería e Calvo Sotelo, ademais da Solana, que suman apenas 89.220. Así se pode resumir o protocolo asinado este mércores na Coruña polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, o presidente de Portos do Estado, José Llorca, e o da Autoridade Portuaria, Enrique Losada. Un acordo que Núñez Feijoo destaca como unha “excelente nova para os coruñeses e para os galegos, que desfrutarán de máis espazos públicos", pero que na práctica pode significar a privatización do 80% dos terreos portuarios, unha parte importante do litoral coruñés.
A Xunta, ademais, entregaríalle 20 millóns de euros á Autoridade Portuaria para facerse co control do 51% dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Así mesmo, o pacto con Fomento dálle ao Goberno galego unha participación aínda sen definir na propiedade do peirao de San Diego a partir de 2027, unha vez que remate a actual concesión.
A Xunta, ademais, entregaríalle 20 millóns de euros á Autoridade Portuaria para facerse co control do 51% dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo
Da negociación e sinatura do protocolo, que tivo lugar na sede da Autoridade Portuaria, foron excluídos o propio Goberno municipal e a Deputación da Coruña. Mesmo así Núñez Feijoo convidou a estas dúas administracións a que se "sumen á propiedade pública destes terreos" e a que "achegasen ideas sobre os usos aos que se dedicarán as parcelas". O presidente da Xunta xustificou o feito de que Concello e Deputación non foran convocados ás opacas negociacións que deron lugar a este acordo en que estas administracións non contan con competencias portuarias. Na súa intervención, Núñez Feijoo recoñeceu que a Xunta tampouco "non ten competencias directas sobre os portos de interese xeral do Estado", invalidando o seu argumento.
Da negociación e sinatura do protocolo foron excluídos o propio Goberno municipal e a Deputación da Coruña
Xunta e Fomento tamén anunciaron que a conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira será licitada "na primeira metade de 2019" e que contará cun investimento de 140 millóns. Esta infraestrutura acumula case unha década de atraso.
O peirao de San Diego, o 80% do porto
O proxecto de Xunta e Goberno central para os terreos portuarios da Coruña non é moi diferente do convenio inicial de 2004, que prevía a venda dos peiraos de San Diego, Batería e Calvo Sotelo, uns 440.000 metros cadrados, nos que se construirían grandes superficies comerciais (en Calvo Sotelo e Batería) e unhas 4.000 vivendas (en San Diego). O peirao de San Diego sempre foi a clave, tanto pola súa extensión (o 80% do total) como porque da súa venda esperaba obter a Autoridade Portuaria máis beneficios (entre 85 e 250 millóns na estimación de 2004, hoxe imposible de cumprir).
A Autoridade Portuaria nunca desistiu da súa intención de privatizar o peirao de San Diego
A mobilización social na Coruña (cunha manifestación de 4.000 persoas o pasado mes de maio) e completa oposición de todos os grupos políticos agás o PP obrigaron a Xunta e Portos do Estado a enunciar a súa vontade de "negociar". En outubro José Llorca e Alberto Núñez Feijoo xa anunciaron a súa renuncia a privatizar os peiraos de Calvo Sotelo e Batería nunha xuntanza na que excluíron o Concello da Coruña. Porén, a Autoridade Portuaria nunca desistiu da súa intención de privatizar o peirao de San Diego, que xustifica pola necesidade que ten de reducir as súas débedas, xeradas pola construción do Porto Exterior (que o Goberno central se nega a financiar).
"Estase ninguneando á cidade da Coruña"
"Non estamos dispostos a que exclúan da operación Calvo Sotelo e Batería para pacificar a situación, porque saben que teñen á cidade en contra, coa esperanza de facer negocio despois no peirao de San Diego”, afirmara en outubro Ferreiro
Este mércores o alcalde Xulio Ferreiro rexeitou facer valoracións sobre o acordo de Xunta e Fomento, pois os seus asinantes nin sequera lle comunicaron ao Goberno local os seus detalles: "É moi difícil facer valoracións en base a declaracións á prensa, sen documentos e propostas concretas", sinalou. O que si criticou o rexedor foi o que cualificou de "ninguneo á cidade", en referencia á exclusión sufrida polo Concello e outras administracións e entidades. "Unha vez máis inténtase deseñar A Coruña sen contar con A Coruña", dixo. "Politicamente non é a maneira de facer as cousas, por respecto institucional e porque se un é convidado a sumarse a un proxecto, debería estar nese proxecto dende o comezo". "O futuro da cidade da Coruña ten que decidirse na Coruña", concluíu.
"Non estamos dispostos a que exclúan da operación Calvo Sotelo e Batería para pacificar a situación, porque saben que teñen á cidade en contra, coa esperanza de facer negocio despois no peirao de San Diego”, afirmara o pasado mes de outubro Ferreiro. Dende entón, semella que a situación non se moveu demasiado, co Concello apostando por un futuro público para os terreos portuarios, a través dun consorcio e seguindo o exemplo de Valencia ou Bilbao, e con Xunta e Goberno central pactando a privatización da súa meirande parte.
"O futuro da cidade da Coruña ten que decidirse na Coruña", concluíu o rexedor
Os días 27 e 28 de abril está convocado na Coruña o Foro Cidadán Tecendo Litoral, no que participarán 19 relatores e relatoras e representantes doutras cidades portuarias como Bilbao, Valencia, Barcelona, Saint Nazaire e Mallorca. No evento debaterase o futuro do litoral da cidade e presentaránse os resultados da primeira fase de investigación sobre os posibles usos da fachada atlántica, na que se realizaron 60 entrevistas a distintos axentes implicados na materia.