Hermida asume "provisionalmente" a acta de deputado de En Marea e liga a súa renuncia formal á de Quinteiro

Hermida, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Unha "situación o máis provisional posible". Quen fora número 6 da lista de En Marea pola provincia de Pontevedra nas eleccións de 2016, Xoán Hermida, remitiu este xoves un escrito á Mesa do Parlamento para comunicar a súa intención de asumir provisionalmente a acta de deputado que por quenda lle correspondería tras a dimisión de Juan Merlo. Pero de xeito provisional e con vistas a unha renuncia que o formalmente parlamentario electo liga ao futuro doutra deputada, Paula Quinteiro, de quen reclama a súa dimisión por mor do altercado coa policía local de Santiago no que se viu implicada.

Hermida avanzara que deixaría o seu posto á seguinte persoa da candidatura -Julia Torregrosa, número 7- ante unha eventual dimisión de Quinteiro co obxectivo de "elevar o listón ético" e "entre comiñas, meter máis presión para que Paula Quinteiro meditase sobre a súa situación persoal". No entanto, a dimisión de Merlo tras admitir que incluíra no seu currículo unha formación universitaria que non chegou a rematar precipitou os acontecementos. Merlo fora tamén candidato por Pontevedra e Hermida debía renunciar a todos os efectos ou tomar posesión para non ser enviado automaticamente ao Grupo Mixto, o que provocaría que En Marea perdese a súa condición de segunda forza da Cámara.

"Non vou coller a acta, pero non vou renunciar a ela" ata que Quinteiro non dimita, advertiu Hermida, quen admite que a situación mudaría se unha consulta interna apostase pola permanencia da deputada na Cámara

"Eu non vou ser, obviamente, deputado do Grupo Mixto", sinalou Hermida en rolda de prensa, e por iso remitiu "un escrito á Mesa" que foi "decidido conxuntamente con Luís Villares" no que "indico que mentres non renuncie definitivamente, estou adscrito ao grupo de En Marea", se ben "tamén digo que renuncio a todas as miñas prerrogativas da miña acta de deputado; ao salario e á inmunidade parlamentaria", condicións que en calquera caso perdería cando se celebren dous plenos máis e, en aplicación do Regulamento, perda os dereitos de deputado por non tomar posesión da acta.

"Non vou coller a acta, pero non vou renunciar a ela" ata que Quinteiro non dimita, advertiu. "Na súa man está dimititir e facilitar que entren dous deputados novos no Parlamento de Galicia", isto é, Torregrosa e o seguinte integrante da lista, Mariano Abalo. "Se ela non dá o paso que debe dar, deben ser os membros de En Marea quen sitúen a cadaquén no seu sitio e a partir de aí eu tomarei as decisións oportunas", agregou, en referencia á posible celebración dunha consulta entre a militancia do partido instrumental, posibilidade que o Consello das Mareas, valorará este sábado. Se a consulta se celebrase e ditaminase que "non ten que dimitir", admite, si renunciaría aínda que Quinteiro permanecese.

Villares admite a necesidade de resolver a "interinidade" do grupo e Antón Sánchez considera o movemento de Hermida "unha chantaxe" e unha "fraude"

Este movemento de Hermida resolve de xeito transitorio a perda formal dun escano por parte de En Marea, pero mantén vivo o conflito interno. Non en van, a súa decisión de non tomar posesión do escano pero tampouco renunciar a el contrariou a boa parte do grupo parlamentario, que nunha votación interna xa decidira ademais hai semanas apoiar a permanencia de Quinteiro. Neste sentido, o vicevoceiro, Antón Sánchez, cualifica a decisión como unha "chantaxe" e unha "fraude", dixo en declaracións á Cadena SER.

Mentres, a coordinadora de En Marea e o propio Villares seguen a considerar necesaria a dimisión da deputada por mor do devandito altercado. Neste contexto, Villares admitía este xoves a necesidade de resolver o antes posible a "interinidade" na que se atopa o grupo e advertía de que "é o Consello das Mareas" o órgano que ten as competencias para tomar decisións ao respecto.

Hermida, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.