En Marea consultará ás bases se Quinteiro debe dimitir, pero o resultado non será vinculante

Luís Villares, voceiro de En Marea CC-BY-SA En Marea

O Consello das Mareas, máximo órgano de decisión da formación entre os seus plenarios, aprobou este sábado a celebración dunha consulta ás súas bases sobre se a deputada autonómica Paula Quinteiro debe dimitir tras o altercado coa policía local de Santiago no que se viu implicada. Porén, o resultado desa consulta, tal e como determinara previamente a Comisión de Garantías da formación, non será vinculante.

O Consello das Mareas aproba preguntar ás bases da formación e os críticos consideran que o proceso non ten garantías

A consulta ás bases, segundo informaron membros da dirección de En Marea, podería celebrarse en dúas ou tres semanas, prolongando así no tempo unha polémica política tanto no seo do partido instrumental como co resto de formacións políticas que se iniciou cando o 20 de marzo saíu á luz a implicación de Quinteiro no altercado. Unha consulta que os críticos coa dirección de En Marea xa valoraron como carente de garantías.

A decisión de convocar unha consulta sobre o futuro de Quinteiro prodúcese mentres neste tempo desde que xurdiu a polémica outro deputado de En Marea, tamén pola provincia de Pontevedra, Juan Merlo, dimitiu por atribuírse no currículum unha enxeñaría que non ten. O seguinte na lista electoral por esa provincia é Xoán Hermida, que tamén tivo un enfrontamento coa policía local de Pontevedra que o levou inicialmente a anunciar a súa renuncia a entrar na Cámara e posteriormente a ligar a súa decisión final á saída tamén de Quinteiro. Porén, esta semana, de acordo co portavoz de En Marea, Luís Villares, Hermida decidiu asumir o posto que deixou Merlo ata que se resolva a situación de Quinteiro, pero renunciando ao soldo e prerrogativas.  Do contrario Hermida sería adscrito ao Grupo Mixto e En Marea perdería un deputado e deixaría de ser a primeira forza da oposición, superada polo PSdeG.

Se finalmente Quinteiro e Hermida deixan os seus escanos, os seguintes na lista por Pontevedra son Julia Torregrosa e Mariano Abalo.

Paula Quinteiro, nunha intervención no Parlamento de Galicia Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.