ETA difunde a súa "declaración final" e confirma a súa disolución

Encabezamento do comunicado no que ETA anuncia a súa disolución Dominio Público Praza Pública

Cando o avogado surafricano Brian Currin e o seu equipo do Grupo Internacional de Contacto (GIC) aterraron en outubro pasado en Euskadi para ver de que maneira podían acompañar o final definitivo da organización terrorista ETA a condición básica que puxeron encima da mesa aos seus interlocutores era que a declaración fose clara e inequívoca. ETA tiña que anunciar con claridade que pechaba definitivamente o seu ciclo terrorista, que se estendeu durante os últimos 60 anos. A "declaración final" chegou este 3 de maio de 2018.

"Isto era algo que non estaba nada claro cando os do Grupo Internacional de Contacto estiveron en outubro pasado", apunta unha fonte coñecedora das reviravoltas do final de ETA que estivo durante todos estes meses en estreito contacto co equipo de Currin e que participou na organización da Conferencia Internacional de Aiete, en outubro de 2011.

A pesar de que o comunicado definitivo e o vídeo gravado por ETA -no que se recolle a súa declaración definitiva de disolución- se difundirá este xoves a través dun medio internacional (previsiblemente a BBC), os termos utilizados pola organización terrorista xa desarmada na súa carta do pasado 16 de abril -remitida a axentes políticos e sociais vascos e adiantada por eldiarionorte- son inequívocos. Os terroristas de ETA non só explican que disolven "completamente todas as súas estruturas", senón que afirman que co debate aberto en 2010 para finiquitar a súa actividade, a banda pecha "o seu ciclo histórico e a súa función".

O equipo do avogado surafricano Brian Currin mantivo a esixencia de que a declaración sobre a disolución da banda fose clara e inequívoca

Fontes coñecedoras do proceso do final da organización -que inclúe a celebración dunha Conferencia Internacional o vindeiro venres na localidade vascofrancesa de Cambo- apuntaban que a terminoloxía desta misiva é practicamente calcada á que empregará ETA no seu epitafio final. E así foi.

Desde entón, o equipo de Currin, xunto coas outras organizacións que prepararon o encontro internacional deste venres -o Foro Social Permanente e Bake Bidea- mantiveron esa esixencia, sabedores que a conferencia internacional debía ser o acompañamento a unha decisión clara, definitiva e sen interpretacións diversas por parte de ETA. Nese sentido, as fontes coñecedoras desas conversas explicaron a eldiarionorte.es que a declaración recollida na literalidade da carta reflicte e cumpre á perfección coa esixencia de Brian Currin.

A carta de ETA chega xusto nun momento no que os partidos vascos confirmaron en fervenza na xornada deste mércores a súa decisión de acudir ou non ao encontro internacional de Cambo. Os organizadores esperan finalmente un centenar de asistentes, entre eles, o líder do Sinn Fein Gerry Adams, Jonathan Powell, ex-xefe de gabinete de Tony Blair, e Bertie Ahern, o que fora primeiro ministro de Irlanda, aínda que non estarán outros dos líderes internacionais que si acudiron a Aiete como Kofi Annan, exsecretario xeral da ONU, e a norueguesa Gro Harlem Brundtland.

Tras o comunicado final celebrarase unha conferencia internacional na que se espera un cento de asistentes 

A semana pasada xa se descartou  a presenza do lehendakari, Íñigo Urkullu, e da presidenta de Navarra, Uxue Barkos. O portavoz do Executivo vasco, Josu Erkoreka, argumentou entón que "o acto non foi consensuado" e que non comparte "a orientación do mesmo" nin o seu "enfoque ético e político". Tamén se confirmou desde un primeiro momento a presenza do presidente da Mancomunidade do País Vascofrancés e alcalde de Bayona, Jean René Etchegaray.

Os populares vascos, liderados polo seu presidente Alfonso Alonso, foron os primeiros en criticar o acto e en rexeitar calquera presenza nun encontro que, ao seu xuízo, pretende 'branquear' o pasado terrorista de ETA. Os socialistas vascos de Idoia Mendia tamén anunciaron a súa intención de non acudir a Cambo. "Queremos evitar contribuír coa nosa presenza en calquera acto que poida ser utilizado para maquillar a historia de ETA ou buscar xustificación aos seus crimes", apuntaba o PSE-EE.

Os gobernos vasco e navarro non prevén acudir á conferencia, á que si asistirán o PNV, EH Bildu e sindicatos como LAB, ELA e UGT Euskadi

Por contra, o líder do PNV, Andoni Ortuzar e o de EH Bildu, Arnaldo Otegi, encabezarán as delegacións dos seus respectivos partidos na Conferencia na localidade vascofrancesa. Podemos Euskadi anunciou este mércores que enviará unha delegación, pero non acudirá o seu líder, Lander Martínez. A formación morada, que estará representada pola parlamentaria Eukene Arana, cre que debe estar presente en "todos os espazos que supoñan pasos para a consolidación de escenarios de paz e convivencia", aínda que tamén quixo resaltar que a súa presenza "non implica necesariamente a adhesión acrítica ao devandito acto".

No campo sindical, ademais das centrais LAB e ELA, estará presente o líder de UGT Euskadi, Raúl Arza. A central uxetista asiste para "certificar dunha vez por todas que a organización terrorista ETA desaparece definitivamente tras décadas de terror, acoso, extorsión e asasinatos ao conxunto da sociedade vasca e española e, en especial, aos nosos militantes e á nosa organización, que sufriu en primeira persoa a súa violencia de persecución e a súa negativa a recoñecer a pluralidade da sociedade vasca". No outro extremo, Comisións Obreiras argumenta que "a falta de información do acto e o respecto por nosa propia historia de confrontación fronte ao terrorismo, lévannos a tomar a decisión de non asistir ao acto".

Representantes das organizacións que participaron na verificación do desarme e disolución de ETA CC-BY-SA eldiarionorte

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.