Este mércores ETA anunciou por carta a disolución de "todas as súas estruturas", unha declaración que precede ao acto que terá lugar este venres na localidade de Cambo, no País Vasco francés. Unha vez consumada a disolución da banda terrorista, quedará sobre a mesa a situación dos case 300 presos e presas relacionadas co grupo, uns 233 recluídos e recluídas en cárceres do Estado español e o resto en Francia, segundo datos da rede Etxerat. Francia xa anunciou que estudará o achegamento a prisións vascas dos presos e presas con menos de tres anos de condena por diante. De momento, o Goberno español amósase completamente inflexible con respecto a aprobar medidas semellantes.
10 están en Teixeiro, 8 na Lama e 4 en Monterroso
Dos 233 presos e presas en prisións españolas, só dous están no País Vasco e o resto repártense por todos os territorios, especialmente en comunidades moi afastadas de Euskadi, como Andalucía (87), Comunidade Valenciana (48) e Galicia (22), o terceiro territorio con máis presos e presas vinculadas a ETA, por diante de Murcia (18). De media, os e as reclusas están a 710 quilómetros de Euskadi, unha dispersión denunciada decote por Etxerat e outros colectivos de presos, presas e familiares.
De media, os e as reclusas están a 710 quilómetros de Euskadi
Desas 22 persoas que permanecen en cárceres galegos, 10 están en Teixeiro, 8 na Lama e 4 en Monterroso. Zigor Blanco Santisteban, Joseba Borde Gaztelumendi, Zigor Bravo Saez de Urabain, Gregorio Eskudero Balerdi, Jesús María Gómez Ezkerro, Alberto López de La Calle Gauna, Luis Mariñelarena Garziandia, Andoni Murga Zenarruzabeitia, Emilio Salaberria Etxebeste e Oskarbi Jauregi Amundarain son os recluídos en Teixeiro. En Monterroso están Ibai Aiensa Laborda, Mikel Aiensa Laborda, Endika Lejarzegi Olabarrieta e Juan Ignacio Otaño Labaka. Finalmente, Fernando Alonso Abad, Eneko Goiaskoetxea Arronategi, Aitor Herrera Vieites, Hodei Ijurko Iroz, Xabier Makazaga Azurmendi, Gorka Martínez Ahedo, Lierni Armendariz G.Langarika e Idoia Martínez García están na Lama.