Ribera Salud ten un mes de prazo para mercar o Centro Gallego de Bos Aires e evitar a súa liquidación

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires Dominio Público Praza Pública

Un ultimato dun mes. É o que os socios do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) veñen de darlle á intervención da histórica institución da emigración galega para que presente de vez unha oferta formal de compra sobre o inmoble e os seus servizos sanitarios que liquide a súa importante débeda, manteña as prestacións para os asociados e permita salvar o importante patrimonio histórico e cultural que garda a entidade.

 Os socios danlle un mes ao interventor do CGBA para que presente a oferta formal de compra e recupera as prestacións sanitarias

Na anterior asemblea, os socios aceptaron a solicitude de intervención do CGBA dun novo aprazamento, ata este pasado martes, para poder así pechar as negociacións que mantén coa Facenda arxentina e conseguir as quitas necesarias que garantisen que a operación de venda deixase libre de débedas tanto aos compradores --o grupo investidor formado por Ribera Salud e a Fundación Favaloro-- como ao vendedor, o Centro, que quedaría como unha asociación mutual máis da Arxentina, reducida case en exclusiva á actividade cultural e á salvagarda do seu enorme legado. 

Desta vez, os representantes dos arredor de 5.000 socios cos que aínda conta o CGBA instaron o interventor, Martín Moyano, a que presente a entidade a concurso de acredores se nos próximos 30 días non se restablecen as prestacións sanitarias e non se presenta nese prazo unha oferta asinada polo grupo investidor (Ribera Salud e Favaloro) para adquirir o edificio e a súa xestión sanitaria. 

Na asemblea deste martes, os representantes dos socios rexeitaron unha nova prórroga ata o 8 de xuño, como pedía a intervención, e advertiron de que unicamente os volvan convocar cando se teña xa esa oferta asinada e formal por parte dos investidores e o Centro estea prestando a asistencia sanitaria a todos os seus asociados. Ao tempo, deron de prazo ese mes para que se certifiquen tanto a oferta como a prestación.  

"De non reunirse eses requirimentos, abstéñase de convocarnos", advirten os representante dos asociados

"De non reunirse eses requirimentos, abstéñase de convocarnos", advertiu Carmen Hermida, portavoz de todas as agrupacións de socios, que leu a resposta conxunta dos asociados á proposta da intervención. Así, insistiron en que, de non cumprirse esas dúas condicións, "que quede constancia debida en acta que esta asemblea faculta expresamente ao señor interventor para a presentación en concurso preventivo xudicial ao Centro Gallego de Bos Aires". 

Os asociados recriminaron á intervención que non fixo caso da súa petición de recuperar as prestacións sanitarias, "que non só non se puxo en práctica, senón todo o contrario", ademais de lembrar que á hora de pedir cita para consulta, moitos doentes atoparon un Centro "totalmente desprovisto de materiais para brindar unha asistencia aceptable". Ademais, os traballadores do hospital acumulan meses sen cobrar e devecen tamén por unha solución entre protestas.  

O interventor advirte das "condicións macroeconómicas" que dificultan o proceso de venda, tamén polas "variacións no valor do dólar"

Ademais, os asociados lembraron que aínda non houbo "ningunha oferta seria e formal da compradora" e que, malia que Moyano avanzou un acordo coa Facenda arxentina para reducir as débedas, actualmente só é "unha mera expectativa". Precisamente, o interventor alertou dos problemas que "as condicións macroeconómicas" que vive o país a tal hora están provocando, tamén porque "nos últimos quince días as variacións no valor do dólar" foron importantes, razóns polas que se vería obrigado a solicitar ese novo adiamento para poder "poñerse de acordo na forma e nas condicións nas que se faría a venda, que se realizará en moeda estranxeira". 

Representantes de Ribera Salud viaxarán a vindeira semana a Bos Aires para tratar de pechar un acordo

Ademais, Moyano informou que representantes de Ribera Salud viaxarán na semana seguinte á Arxentina, momento no que "se avanzará persoalmente na forma de pechar a venda". Os asociados lembráronlle que as débedas do CGBA multiplicáronse desde que foi intervido polo Estado arxentino en 2012 e que a oferta de compra que notificou xa hai meses "propón ceder a xestión sanitaria e a venda do inmoble a un grupo investidor para que o importe poida ser utilizado para a cancelación do pasivo da mutual; a outra opción é a quebra". 

 

"Vendemos a casa para pagar ao Estado unha débeda que xeraron os seus xestores"

Os asociados tamén lembraron que a 30 de abril de 2017, uns 35 millóns de euros de débeda, o 73% do pasivo total da mutual, corresponde ao Estado por achegas e contribucións de xubilación e de obra social. Xa que logo, os socios galegos ou descendentes de galegos, advertiron de que "venden a súa casa para pagar ao Estado nacional unha débeda que os seus xestores xeraron nestes últimos anos a través de sucesivas intervencións que demostraron, cando menos, unha notable incapacidade de xestión". "Decidimos non tolerar máis as actitudes e condutas do interventor", remataron. 

A débeda do Centro Gallego sitúase entre os 50 e os 70 millóns de euros

No fondo, o futuro da histórica emigración galega, que ve como única solución e mal menor na actualidade a súa venda para poder garantir a asistencia sanitaria dos 5.000 socios que quedan --chegaron a ser 120.000 hai décadas-- e salvagardar o legado histórico e cultural. A débeda actual, malia non haber datos totalmente documentados, sitúase entre os 50 e os 70 millóns de euros, mentres que a oferta que presentarían Ribera Salud e Favaloro estaría sobre os 50 millóns de euros. Das quitas que poida aplicar a Facenda arxentina dependerá que o importe cancele todo o pasivo, condición que esixen tanto os investidores como os asociados. 

Ribera Salud e Favaloro están dispostos a outorgar un espazo de 2.000 metros cadrados para o legado cultural da emigración galega

O CGBA é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Todo iso estaría tamén en risco se a imposibilidade dun acordo supuxese a liquidación dunha entidade con 111 anos de historia.

Ribera Salud e Favaloro están dispostos a outorgar un espazo de 2.000 metros cadrados para o legado cultural da emigración galega. Sería un lugar para que o Centro Gallego poida seguir actuando como mutualidade e onde se albergaría a pinacoteca, a enorme biblioteca e o local para os aínda socios, que terían acceso á atención médica no novo hospital que as firmas compradoras crearían ao pé do actual, que sería reformado no futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.