Os primeiros dous treitos da Autovía do Morrazo, 7,3 quilómetros cun custo duns 56 millóns de euros que supoñen o desdobramento de dous a catro carrís do preexistente Corredor do Morrazo, veñen de ser inaugurados este venres día 11 de maio polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A nova infraestrutura entra en servizo sete anos despois da primeira licitación dunha autovía que neste tempo avanzou ou parou segundo os ritmos electorais.
O Goberno galego foi avanzando coa súa tramitación xusto antes de varias convocatorias electorais e anunciando as súas demoras e molestias para a cidadanía unha vez superados sucesivos comicios
O orixinario Corredor do Morrazo, dun carril en cada sentido, foi planificado nos tempos do popular Xosé Cuíña á fronte da Consellería de Política Territorial pero foi executado fundamentalmente cando o propio Feijóo ocupou ese departamento, entre 2003 e 2005. Pero non chegou a tempo para a súa inauguración, en decembro de 2005, pouco máis de catro meses despois da chegada do bipartito de PSdeG e BNG á Xunta e malia que en febreiro a súa consellería tentara rendibilizar a actuación cunha asistencia técnica de 67.000 euros para “estudos de comunicación e difusión da actuación Corredor do Morrazo”. Cinco anos despois, en 2010, o Corredor rexistrou 8 mortos en sucesivos accidentes, o que levou á Xunta novamente en mans do PP a axilizar a súa conversión en autovía, con dous carrís por sentido, pero aí empezaron os problemas e a curiosa relación dos seus trámites administrativos cos tempos electorais.
En plena crise e cos orzamentos autonómicos en retroceso, a Xunta dixo non ter cartos para acometer ela mesma a obra, que daquela valoraba en 87 millóns de euros, e decidiu encargar o desdobramento do corredor en autovía a través dunha concesión de peaxe en sombra que se fixese tamén cargo do mantemento do resto de estradas da península do Morrazo a cambio de 364 millóns a pagar durante 25 anos. Licitou por primeira vez o contrato xusto antes das eleccións municipais de maio de 2011, pero nun momento no que non só as administracións tiñan problemas para atopar financiamento senón tamén as empresas privadas, máis interesadas en obras de pagamento inmediato e que non requirisen de endebedamento.
A Xunta agardou a despois das xerais de 2011 para anular a primeira licitación tras mantela durante meses coa metade da mesa contratación imputada malia que na oposición Feijóo pedira a dimisión da socialista Caride por unha situación similar no Barbanza
A aquel primeiro concurso só se presentou unha oferta, liderada pola logo quebrada Isolux Corsan, e o Goberno galego dubidou desde o primeiro momento da súa capacidade para acometer os traballos. Así o contou El País o 14 de novembro daquel ano. Porén, non foi ata uns días despois das eleccións xerais do 20 de novembro que a Xunta fixo oficial a súa decisión de anular aquel primeiro concurso. Durante o tempo que durou aquel logo frustrado concurso a oposición afeou ao Goberno galego que tres dos seis membros da mesa de contratación estivesen imputados no caso Campeón de tráfico de influencias. Aquilo chegaba despois de que, durante o bipartito, unha situación similar da mesa de contratación da Autovía do Barbanza levase ao propio Feijóo a pedir a dimisión da daquela conselleira socialista María José Caride. Nos dous casos as imputacións acabaron arquivadas.
Durante os seguintes tres anos pouco máis se soubo da prometida Autovía do Morrazo. Ata que o 13 de abril de 2015, un mes antes das novas eleccións municipais do 24 de maio dese ano, a Xunta anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova licitación da construción do primeiro dos tres treitos en que decidiu fragmentar a obra para acometela agora máis lentamente con fondos propios. Do mesmo xeito, o segundo treito licitouno no DOG o 16 de decembro de 2015, catro días antes das eleccións xerais do 20 de decembro daquel ano.
A Xunta agardou a despois das autonómicas de 2016 para anunciar o primeiro dos sucesivos cortes de tráfico malia prometer inicialmente que as obras da autovía permitirían seguir circulando polo corredor
Ese inicio definitivo das obras non supuxo que estas avanzasen sen interrupción. O Goberno galego prometeu que os traballos de desdobramento serían compatibles coa circulación de vehículos polo corredor. Pero non foi así. A Xunta non tivo en conta no seu proxecto nin a afección ao castro de Montalegre que se viu obrigada a protexer mellor cun túnel non previsto inicialmente nin a inestabilidade dun noiro, actuacións que levaron ao Goberno galego a sucesivos cortes da circulación. O primeiro deses cortes de tráfico non sería comunicado de xeito público ata o 28 de outubro de 2016, un mes despois das eleccións autonómicas do 25 de setembro dese ano. O último e máis importante, que facilitou os traballos das construtoras e que puidesen cumprir os prazos comprometidos, prolongouse desde o pasado outubro ata a inauguración deste venres.
Feijóo presentou a modificación das obras á que a Xunta se viu obrigada polas protestas sociais para preservar o castro de Montalegre como unha “proba desa vontade de escoitar e de responder”
No acto de inauguración destes dous primeiros treitos (queda pendente un terceiro treito, doutros catro quilómetros e 15 millóns de euros cuxas obras rematarán o ano próximo) o presidente Feijóo quixo dar protagonismo a quen foi o conselleiro de Infraestruturas responsable da maior parte da longa tramitación da nova autovía, Agustín Hernández, á fronte xa da dirección xeral que planificou o Corredor anterior en época de Fraga. Hernández, hoxe portavoz do PP na oposición no Concello de Santiago, asistiu ao acto de inauguración, no que, pola contra, non participou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, do BNG, en protesta polas obras pendentes que restan no seu municipio e polo xeito en que se realizou a autovía. Na súa intervención Feijóo presentou a modificación das obras á que a Xunta se viu obrigada polas protestas sociais para preservar o castro como unha “proba desa vontade de escoitar e de responder”.