Quinteiro defende que "debería empregarse un revogatorio" para decidir se segue como deputada de En Marea

Paula Quinteiro, durante un pleno recente no Parlamento © Parlamento de Galicia

A militancia inscrita no censo interno de En Marea está chamada a votar dende este 22 de maio e ata as dez da noite do día 23 na consulta impulsada dende a dirección da formación para decidir se a deputada Paula Quinteiro "debe dimitir do seu cargo de deputada no Parlamento galego polo uso da súa acta para un asunto particular", en referencia ao altercado coa Policía local de Santiago no que se viu implicada o pasado marzo. No inicio da votación a deputada afirmou ver "fundamentais as consultas ás bases", se ben considerou que, de ser o caso, a súa permanencia na Cámara galega debera ser sometida a un procedemento revogatorio e non a unha consulta coma esta.

"As consultas ás bases son fundamentais, pero penso que quen está incumprindo o mandato das bases é quen lanza esta consulta", sinalou este martes Quinteiro en declaracións á Nós TV. "O mecanismo que debería empregarse é un revogatorio, que é o que decidimos entre todas" e por iso, ao seu xuízo, "esta consulta está incumprindo o mandato das inscritas, resalta a tamén integrante de Podemos.

Quinteiro, que xa advertiu en días pasados que non contempla a dimisión, coida ademais que "a pregunta é moi tendenciosa" porque se "basea" na "suposta intención de beneficiame dalgún tipo de prebenda por ser deputada" e iso é "totalmente falso". No incidente en cuestión, debullou tamén este martes nunha entrevista na Radio Galega, "a Policía parou uns compañeiros para identificalos" por, segundo o atestado revelado en marzo pola axencia Europa Press e La Voz de Galicia, estaren supostamente relacionados coa ruptura de espellos de vehículos estacionados na rúa. "Eu -reitera Quinteiro- só tiven intención de mediar; estiven respectuosa" e "en ningún momento quixen facer valer a miña condición de deputada" para impedir a identificación, asegura.

Luís Villares: "Viñemos gobernar para a xente e escoitar á xente, por que non neste caso?"

Mentres se desenvolve a consulta membros de En Marea críticos coa actual dirección, así como integrantes de mareas locais, chaman a rexeitar a votación por medio da abstención, rexeitamento que condensaron nun manifesto titulado Coidando a unidade para o que recaban sinaturas. Dende a coordinadora, non obstante, chámase á participación da militancia como a maneira máis "positiva" de "resolver o conflito" e facelo de maneira "definitiva", en verbas do seu voceiro, Luís Villares.

"Sempre nos pareceu unha solución positiva preguntar ás bases", toda vez que "viñemos gobernar para a xente e escoitar á xente, por que non neste caso?", preguntábase este luns Villares en rolda de prensa. O tamén voceiro parlamentario de En Marea, partidario de que Quinteiro deixe a acta, coida que procesos como o que nestes días desenvolve tamén Podemos a respecto da compra dunha vivenda por parte do seu secretario xeral, Pablo Iglesias, e mais a súa voceira parlamentaria, Irene Montero, amosa que as consultas entre a militancia son unha "boa solución", porque implica tomar decisións a partir do que ditamina "o órgano que nunca se equivoca, que son as bases".

Paula Quinteiro, durante un pleno recente no Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.