“Vostede non está á altura de ser un deputado desta cámara” e “se alguén ten que dimitir, é vostede”. Así respondeu este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento respectivamente aos portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón. Os dous pedíanlle explicacións sobre o tipo de análise elaborado pola consultora KPMG sobre as caixas galegas co que o Goberno galego impulsou a súa fusión, pero o presidente evitou reiteradamente contestar e optou por menosprezar os seus interlocutores: “Vostede disto toca de oído, espero que toque mellor a zanfona”, díxolle a Villares, ao tempo que sobre Pontón considerou que “nunca unha dirixente do BNG caeu tan baixo”.
O presidente menospreza os portavoces de En Marea e BNG por preguntarlle polo tipo de análise que encargou a KPMG e dilles que “unha auditoría e unha due dilligence en termos contables son sinónimos”
Hai dúas semanas un alto directivo da consultora KPMG reiterou no Congreso dos Deputados, na comisión de investigación alí aberta sobre a crise do sistema financeiro, como xa o fixera a empresa en 2013 ante o Parlamento de Galicia, que o estudo que realizou sobre as caixas galegas no que se amparou a Xunta para impulsar a súa fusión non fora unha auditoría, como argumentara daquela o propio Feijóo. “O noso informe non recomendaba a fusión”, dixo o directivo de KPMG, que limitou o alcance da súa análise a un estudo previo que contaría cunha segunda fase que non se chegou a realizar.
Este mércores, na sesión de control ao Goberno no Parlamento, Villares e Pontón pedíronlle explicacións a Feijóo polo que consideraron “mentiras” para impulsar a fusión das caixas. “Pensa que pode seguir como presidente tras mentir aos galegos?”, preguntoulle Pontón, que engadiu que “se tivera un pouco de pudor dimitiría, porque os galegos e as galegas non merecen un presidente que lles minte”. A nacionalista tamén dixo que “agora entendemos por que algún ex-directivo das caixas di no Congreso que non lembra se lle condonaron ao seu partido 1,8 millóns de euros de débeda”, en referencia ao declarado por José Luis Méndez, antigo director xeral de Caixa Galicia.
“Tiña vostede a competencia para velar polas caixas de aforro, pero en vez de exercer a competencia exerceu a incompetencia”, díxolle Villares a Feijóo, ao tempo que reclamaba que o presidente “presente nesta cámara a carta de encargo que a Xunta lle fixo a KPMG, e saímos de dúbidas” sobre que tipo de análise realizou a consultora sobre as caixas.
“Nunca mentín ao meu país, nunca terxiversei ningún informe”, sentenciou Feijóo
Feijóo, ademais de menosprezar os dous portavoces e pedirlles que deixen os seus postos, escudouse na existencia doutros varios informes doutras consultoras e do Banco de España para restar importancia ao de KPMG, que foi co que o seu Goberno impulsou o proceso político cara á fusión. E malia que o directivo de KPMG limitou ao máximo o alcance do "diagnóstico acelerado" que a consultora realizou sobre as caixas galegas, Feijóo asegurou este mércores que “unha auditoría e unha due dilligence en termos contables son sinónimos”. “Nunca mentín ao meu país, nunca terxiversei ningún informe”, sentenciou Feijóo.
Leiceaga afea a situación da sanidade
Feijóo volve recorrer á herdanza recibida do bipartito ante as críticas de Leiceaga pola situación da sanidade
Na sesión de control deste mércores o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, preguntou a Feijóo polas valoracións negativas que fai a cidadanía do funcionamento do sistema sanitario galego no último barómetro feito público polo Ministerio de Sanidade. O presidente respondeu que a valoración era aínda peor co goberno de PSdeG e BNG que deixou a Xunta hai nove anos, do que volveu criticar a herdanza que recibiu.