O PPdeG declárase vítima do "acoso" da esquerda tras vetar a comparecencia de Feijóo pola Gürtel

Membros do PP aplauden a Feijóo no último debate de política xeral CC-BY-SA PPdeG

Un "acoso ao PP" encadrado nun "intento de derrubo do sistema do ano 78". É o que o PP galego di estar a sufrir nos últimos días e, nomeadamente, ante a esixencia de explicacións que En Marea, PSdeG e BNG dirixiron ao presidente da Xunta en concreto e aos populares en xeral tras a sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel, que condena os principais líderes da trama -entre eles, o que fora número tres do PPdeG, Pablo Crespo- e constata un sistema de finanzas fraudulentas no seo da formación dende que foi fundada en 1989. Esta queixa reiterárona os conservadores por boca do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, despois de faceren valer a súa maioría absoluta para evitar que Feijóo teña que comparecer ao respecto no vindeiro pleno da Cámara.

Ao remate da Xunta de Portavoces na que o PPdeG consumou o seu veto á comparecencia solicitada conxuntamente por toda a oposición, o grupo que sustenta ao Goberno realizou unha caste de adaptación galega dos argumentarios que o Goberno de España e a dirección estatal do PP están a divulgar a través dos seus cargos dende que, o pasado venres, o PSOE rexistrou a moción de censura contra o Executivo de Mariano Rajoy con Pedro Sánchez como candidato. "En Galicia -di Puy- hai estabilidade" e non existe "relación con ningún asunto" que "poida enturbar o ambiente político" por moito que "a oposición volva sobre un mesmo obxectivo que xa pretenderon anteriormente".

Mentres os populares esgrimen as cifras do "crecemento" económico e axitan os supostos riscos dun eventual cambio de Goberno en España, os grupos da esquerda reiteran a esixencia de explicacións sobre as pólas galegas da trama corrupta, meras "difamacións, insinuacións e rumores", segundo o PP. Feijóo non comparecerá, como era agardadado, pero si terá que abordar o espiñento asunto na sesión de control da vindeira semana, toda vez que os tres grupos da oposición lle van preguntar ao respecto.

En Marea, PSdeG e BNG preguntarán ao presidente pola trama corrupta na sesión de control

Que o PP evite esta rendición de contas en formato amplo é lido na banda esquerda como un trazo "indicativo" da súa "descomposición", en verbas do vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, que compareceu ante a prensa este martes no nome do grupo. "O PP está podre de corrupción dende hai anos" pero "non podemos permitir que afunda con el a todo un país" e por iso, resalta Sánchez, a pregunta de Luís Villares na sesión de control irá encamiñada a salientar que "Núñez Feijóo leva dende os anos 90 ostentando responsabilidades en altos cargos do PP, polo que está obrigado a dar explicacións", se ben "está a colocar o PP por riba de calquera circunstancia, mesmo de Galicia".

Antón Sánchez: "Feijóo leva dende os anos 90 ostentando responsabilidades en altos cargos do PP, está obrigado a dar explicacións"

Para o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cómpre preguntarse "que tería que pasar" para que Feijóo "se separe abertamente da cúpula do seu partdo e convenza a Rajoy para que asuma responsabilidades". En calquera caso, subliña o socialista, o presidente da Xunta aínda non aclarou, entre outros aspectos, por que "mantivo" na súa etapa como conselleiro de Política Territorial a Pablo Crespo como "representante institucional" en Portos de Galicia. Crespo, primeiro deputado da historia da autonomía encarcerado por corrupción, conservou o posto ata que foi destituído polo bipartito en 2005.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censura que o PPDeG teime en "agochar o lixo pestilente da súa corrupción", a cal, lembra, non é apuntada só polas formacións da oposición, senón que é descrita pola propia sentenza. "Un presidente democrático pediría comparecer motu proprio, pero un cómplice da corrupción como Feijóo, non", di a nacionalista, que lembra que o Bloque seguirá a "retar" o presidente demostrar que "non ten nada que ocultar" enviando á Cámara "os 2.500 contratos con empresas da Gürtel" para que "sexan auditados polo Consello de Contas".

"Xudas" e a "simulación" de apoio antes da "traizón en diferido" a Rajoy

Pontón: "Proclama que non quere ser un Xudas para Rajoy porque prefire ser un Xudas para Galiza"

Sobre estas peticións de explicacións da esquerda parlamentaria galega pairaban este martes as verbas de Feijóo sobre os movementos que, segundo a información publicada por un colaborador de El Confidencial, o presidente galego estaría a realizar para tentar optar a substituír a Mariano Rajoy. "Feijóo -di Antón Sánchez- dixo que nunca sería Xudas, pero hai que lembrar que estamos a falar dun personaxe bíblico que aparece como o tesoureiro que quedaba cos cartos dos pobres; así que tal vez ese papel lle tocaría a Bárcenas". O "problema" que Feijóo debe admitir non é de "traizón" a Rajoy, advirte o vicevoceiro de En Marea, senón de "decencia democrática".

Neste sentido, Fernández Leiceaga ironiza coa célebre explicación de María Dolores de Cospedal sobre o despedimento do ex-tesoureiro para considerar que o apoio de Feijóo a que Rajoy continúe non é máis ca unha "simulación" tras a que chegará unha "posible traizón en diferido". En calquera caso, agrega Pontón, Feijóo "proclama que non quere ser un Xudas para Rajoy", pero o problema é que "prefire ser un Xudas para Galiza sendo cómplice da corrupción sistémica do seu partido".

Rajoy observa a Feijóo na súa toma de posesión en 2016 CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.