Pedro Sánchez inza o seu discurso de xestos ao PNV, que apoiará a censura

Pedro Sánchez, durante unha das súas intervencións na defensa da moción de censura © Congreso dos Deputados

A chave tena o PNV e Pedro Sánchez inzou o seu discurso de xestos cara ao PNV. O secretario xeral do PSOE e candidato á presidencia do Goberno de España a través da moción de censura que este xoves comezou a debaterse despexou no seu discurso ante o Congreso algún dos interrogantes que poderían inclinar a balanza á suma de 176 votos que lle permitirían botar a Mariano Rajoy do palacio de La Moncloa. Se Sánchez é presidente manterá os orzamentos pactados polo PP e o PNV, a pesar de que o PSOE votou en contra dos mesmos. Farao, dixo, por "responsabilidade" e "para garantir a gobernabilidade e a estabilidade deste país". E o PNV responde transmitindo a súa disposición a dar o "si" a Sánchez, como ratificou o seu voceiro, Aitor Esteban, na súa primeira quenda de intervención pouco despois das cinco da tarde.

Segundo Sánchez, "non hai maior inestabilidade que a derivada da incapacidade de chegar a acordos", asegurou. "Este non é o noso orzamento, pero non o imos a retirar por responsabilidade de Estado", engadiu. As modificacións orzamentarias -que non precisan de votacións parlamentaria- darían ampla marxe de manobra a ese eventual novo Goberno sen arriscar as achegas achegas de 540 millóns de euros de investimentos en Euskadi que o PP pactara co grupo vasco.

Rajoy cargou con dureza contra o líder socialista por esa decisión. Segundo o conservador, esa referencia aos Orzamentos foi o "único punto programático" formulado por Sánchez para gobernar. "Pero, oia, vostedes votaron en contra os Orzamentos? Eu creo que si e fixérono con entusiasmo. Era un non dos de 'non é non'", ironizou. "Ademais, parecíanlles espantosos. Case lle xeraban urticaria. Por iso son incapaz de comprender como van cumprir vostedes con tamaña monstruosidade. Van apoiar as posicións ideolóxicas do goberno que queren censurar".

Alén de negar sistematicamente a corrupción do seu partido e de deslexitimar as acusacións neste sentido -mesmo as incluídas na sentenza do caso Gürtel base da moción de censura-, Rajoy esforzouse en axitar o medo ao "Goberno Frankenstein" e ao seu "programa Frankenstein". "Que broma é esta? Vostede cre que o podemos tomar en serio. Eu non o podo tomar en serio e non o farei nunca", resolveu dirixíndose a Sánchez.

Alén de negar sistematicamente a corrupción do seu partido, mesmo a constatada na na sentenza do caso Gürtel, Rajoy esforzouse en axitar o medo ao "Goberno Frankenstein"

Malia o ton dos seus retruques iniciais, quen cando menos polo momento é presidente do Goberno de España mostrou este xoves os primeiros síntomas de derrota. Segundo Rajoy, o formulado polo PSOE é realmente "é unha moción de censura aos españois porque non lle fixeron caso nas urnas. Esa é a súa moción de censura real e é o que me preocupa porque eu vou seguir sendo español", asegurou durante o debate que podería obrigalo a abandonar o Goberno.

Nesa resposta Rajoy semellou desbotar un dos ofrecementos que Sánchez máis repetiu e que máis sorprendeu no inicio do debate. "Dimita e esta moción de censura terminaría aquí e agora", convidou. Rajoy non respondeu, alén de evidenciar que un presidente segue séndoo mentres ten a confianza da Cámara. Dende o gabinete de Rajoy afirman, así e todo, que esa dimisión que podería bloquear a censura non se producirá.

O Grupo Popular aplaude a Rajoy ao inicio do pleno / Congreso dos Deputados

"Territorios que tamén se senten nación"

Sánchez lembra o seu apoio ao 155, pero asegura que se é presidente tentará "tender pontes" coa Generalitat para resolver o "problema político" catalán

No marco das chiscadelas ao PNV e, en xeral ás forzas soberanistas cuxos votos son imprescindibles para que triunfe a moción, encádranse tamén as referencias á plurinacionalidade do Estado que Sánchez introduciu no seu discurso e retruques. Así, resucitou dalgún xeito o concepto plurinacional que esgrimiu tras o seu regreso á secretaría xeral do PSOE e anunciou que, de ser elixido presidente este venres, reunirase co president da Generalitat, Quim Torra, para "tender pontes" entre ambas as administracións tras anos de ruptura.

"Teño unha concepción do país. Defendo que España é unha nación e defendo que dentro da nación española hai territorios que senten tamén nación. Podemos convivir xuntos e facelo nesa norma que é a Constitución que é moi clara no seu artigo 2", dixo Sánchez. O socialista retrucaba así tamén a Rajoy, que o acusou de concesións ao independentismo catalán. Neste sentido, o líder do PSOE lembra o seu apoio á amplicación do artigo 155 en Catalunya, se ben subliña tamén que o catalán é "un problema político" que "non se resolve escondéndose por tras dos tribunais".

Pedro Sánchez, durante unha das súas intervencións na defensa da moción de censura © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.