Contra as dúas da tarde deste xoves, poucas horas antes de que o PNV fixese pública a decisión sobre o seu decisivo voto na moción de censura contra Mariano Rajoy, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou nadar e gardar a roupa no debate sucesorio novamente aberto nas filas dos populares. Ao tempo que reiterou a súa “lealdade” persoal cara a Rajoy, Feijóo apelou ao seu partido a manter “a compostura” e primar “os intereses xerais” sentenciando ao tempo que “con independencia do poder o importante é a coherencia política”, sen aclarar se se estaba a referir a unha posible perda do poder parte de Rajoy ou do PP.
O presidente reitera a súa lealdade a Rajoy ao tempo que pide ao seu partido primar “os intereses xerais”
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno a Feijóo preguntóuselle de xeito reiterado e con diversas formulacións sobre a moción de censura e o futuro de Mariano Rajoy. Foi nunha desas preguntas sobre a súa valoración da proposta de Pedro Sánchez de que se Rajoy dimite retiraría a moción de censura cando Feijóo, tras criticar os bandazos do socialista, emitiu a súa principal mensaxe cara ao seu partido: “O que lle desexo ao meu partido é que manteña a compostura, que manteña os intereses xerais, e que a razón sempre é o mellor camiño para que un político se sinta satisfeito e coherente co que di e co que fai, iso é moi importante, con independencia do poder o importante é a coherencia política e a tranquilidade de actuacións e de decisións, iso é o máis importante”.
“Fun leal a Galicia e vou seguir séndoo ao presidente do Goberno, por esa orde, sendo leal a Galicia pódese ser ao presidente”, di Feijóo
Na rolda de prensa a Feijóo preguntóuselle de xeito reiterado polo seu propio futuro político como posible sucesor de Rajoy, cuestión que o presidente galego insistiu en tomar como “unha broma”, insistindo en que “nestes momentos o que non podemos perder é o sentido do humor”. “Son presidente de Galicia e o meu mandato finaliza a finais de 2020”, dixo, para engadir que a “estabilidade” é “o mellor para os galegos”. Feijóo dixo non ter “ningún protagonismo de poder” e insistiu na súa lealdade a Rajoy: “Fun leal a Galicia e vou seguir séndoo ao presidente do Goberno, por esa orde, sendo leal a Galicia pódese ser ao presidente”. (“He sido leal a Galicia y voy a seguir siéndolo al presidente del Gobierno, por este orden, siendo leal a Galicia se puede ser al presidente”, foron as súas verbas en castelán).
Nesa liña, e preguntado de xeito expreso, Feijóo negou realizar nos últimos días ningún movemento ou chamada persoal a ningún dirixente do seu partido para postularse como alternativa a Rajoy. Tampouco falou, dixo, co lehendakari Urkullu, co que ten boa relación persoal, pero si “co meu compañeiro do PP en Euskadi para saber cal era a situación”. E sobre o PNV, Feijóo gabou que “é un partido antigo, experimentado” e pediu “que acerte polos intereses de España e polos intereses dunha parte de España que é Euskadi”. “Sigo pensando que o PNV o que quere é estabilidade e seguridade nas institucións”, sentenciou antes de coñecerse a decisión da formación vasca.