Francisco García: "A clave do éxito do 'modelo Allariz' é poñer en valor os recursos propios"

Francisco García despídese e levanta a man de Cristina Cid © Concello de Allariz

O alcalde de Allariz, Francisco García (1959), comunicou este venres publicamente a súa decisión de dimitir como rexedor e concelleiro logo de 18 anos no cargo. Tras anunciar hai tempo xa que deixaría o posto ao esgotarse o actual mandato, aclarou que xa o considera practicamente rematado tras executarse "a maioría das propostas do programa de goberno" presentado polo BNG e que marcha tamén para non interferir na campaña dos vindeiros comicios municipais de 2019. A alcaldía queda agora en mans da tenente de alcalde e edil de Promoción Económica, Cristina Cid, que asumirá o cargo o vindeiro 21 de xuño. 

Francisco García volverá ao seu posto como secretario interventor do Concello da Mezquita, tamén con alcalde do Bloque, formación que goberna Allariz desde 1991, cando Anxo Quintana accedeu á alcaldía tras a revolta de 1989, que será lembrada e conmemorada na vila o vindeiro ano ao cumprirse o 30º aniversario. Desde 2000, e precisamente en substitución do que sería vicepresidente da Xunta, Paco --así o chaman todos-- exerce como rexedor dunha localidade cuxa transformación, desenvolvemento económico e avance urbanístico, social ou medioambiental nas últimas décadas é recoñecido por propios e alleos. É o "milagre" de Allariz, onde este venres se despediu un dos impulsores dese modelo, na política municipal 28 anos e case vinte como alcalde. 

"Este traballo que realizamos, que fixo de Allariz un concello exemplar, modélico en moitos ámbitos, sen dúbida vai recibir un novo impulso", dixo na súa despedida, visiblemente emocionado. Desde as redes, a portavoz nacional do BNG, do que foi secretario de Organización e membro da Executiva durante anos, expresou o seu "recoñecemento e admiración" por García, de quen destaca o seu "compromiso, honestidade e amor por este país". 

O alcalde de Allariz abandona o cargo logo de case trinta anos de concelleiro e case vinte de alcalde

Por que marcha agora?

Din por aí que sempre é bo atinar no momento de marchar. Unha das preocupacións do BNG en Allariz ten sido sempre poder facer estes cambios con garantías, tendo un equipo de goberno consolidado e cun bo traballo detrás. É así como podemos reflexionar sobre as persoas que poden dar o paso, asumir esa responsabilidade sen ningún tipo de liorta nin enfrontamento... Facémolo made in Allariz

Como é made in Allariz?

Fixémolo tras un debate sereno no grupo de goberno e na asemblea local do BNG, e por aclamación houbo o entendemento de que Cristina Cid, con experiencia, capacidade e liderado, vai desenvolver fantasticamente a función de alcaldesa. Ademais, é un troco xeracional, pero tamén porque é importante a igualdade e visibilizar o papel da muller, así que era un reto para nós ter a primeira alcaldesa de Allariz. Facéndoo así, un vaise con certa tranquilidade. Despois de ter asumido o liderado da candidatura en catro procesos electorais, consideraba que era bo propiciar este cambio para reforzar o traballo do BNG. 

Como se sente ao ser despedido entre tanto eloxio?

É reconfortante porque cremos na capacidade da política para transformar a realidade e, nese sentido, o 'modelo Allariz' leva case 30 anos mantendo este espírito. Entendemos que segue vivo, transformando a realidade nun sentido favorable para as veciñas e os veciños. É un modelo recoñecido e é grato poder facer os cambios así, sen ir pola porta de atrás. 

"Queda moito da revolta de 1989 e sempre nos preocupamos de mantela viva porque houbo moitos intentos de distorsionala"

Que queda desa revolta de 1989?

Queda moito. Nós preocupámonos sempre de mantela viva, porque houbo moitos intentos de distorsionar o motivo da mesma, falar de "asalto ao poder" e non poñer de manifesto que o que houbo foi unha loita popular, múltiples manifestacións dun pobo esixindo transformacións e un cambio da súa realidade. Houbo folgas xerais, mobilizacións, encadeamentos... Todo acabou coa caída do anterior grupo de goberno e o cambio por métodos absolutamente democráticos. Deste período, por sorte, hai documentais e obras literarias que teñen permitido reflexionar co paso de tempo e comprobar que foi aquela revolta. En Allariz esa cultura de participación social e de esixencia que no Concello sentimos, vivimos e impulsamos ten sido un dos principais elementos para manter os avances, as resposas ás demandas sociais e as preocupacións polas necesidades. 

Francisco García, alcalde de Allariz / CC-BY-SA BNG

A implicación cidadá é clave no éxito do 'modelo Allariz'?

É un compoñente esencial. Por exemplo, temos a festa do Boi, que amosa como para o triunfo non é necesario unha grande orquestra, senón manter o espírito e a implicación da xente. No meu despacho sempre houbo unha fotografía daquela revolta de 1989 e, cando hai momentos de dúbidas ou de fraqueza, sempre é bo mirala porque dá ganas e coraxe para encarar os problemas. 

"O mellor de todos estes anos é comprobar que a política paga a pena; o peor, as dificultades do interior do país polo abandono do rural"

Que é o mellor e o peor que leva de todos estes anos de política activa e institucional?

O mellor é comprobar que a política paga a pena, ademais de moito recoñecemento social, do traballo do día a día e o progreso económico e social do concello, telo recuperado demograficamente, ver familias novas... Iso é do mellor. No peor, a dificultade que temos no interior do país polo abandono do medio rural, contra o que nós temos moitas iniciativas pero que non é só unha tarefa de ámbito local e que debería provocar medidas extraordinarias para non andar con parches como a extinción de incendios, por exemplo. Hai que atacar estruturalmente o problema porque é un problema estrutural de fondo. Pelexamos con moitas medidas e proxectos en diferentes ámbitos, pero eu vivín de novo esa aldea máis puxante e dóeme ver tanto patrimonio en desuso, tanto envellecemento da poboación... É algo que non observas cando vas a Cantabria ou ao País Vasco, lugares que teñen moitas peores condicións no que ten que ver co aproveitamento territorial. Iso demóstranos que si se pode facer, pero son necesarias medidas extraordinarias. 

"A clave do éxito do 'modelo Allariz' é poñer en valor os recursos propios e non esperar a que che veñan a solucionar os problemas"

O 'modelo Allariz' é amosado como o BNG como o exemplo do que pode facer, de xestión; que falla para que esa forma de facer as cousas non prenda en máis lugares ou a nivel galego?

No BNG intentamos levalo a cabo, e facémolo en moitos lugares. Tamén é certo que en Allariz chegamos ao poder detrás dunha revolta social e cunha correlación de forzas que nos permitiu facer un traballo e ir poñendo pedras a cada mandato. Noutros lugares non é tan fácil, pero creo que temos exemplos dabondo tamén. A clave é poñer en valor os recursos propios. Cando me preguntan isto sempre conto a anécdota dun veciño que, cando había seca e sacaban os santos en procesión para pedir que chovese, sempre berraba: "Facede pozos, se fixésedes pozos...!". Pois é iso. Buscar mananciais, que en Galicia hai moitos. Allariz non é extrapolable, pero cada concello ten a súa propia riqueza e os seus propios recursos para poñer en valor sen esperar que veña a General Motors a solucionar os problemas municipais. Esa filosofía é o que mellor podemos achegar, xunto con moitas iniciativas innovadoras no ámbito urbanístico, de medio ambiente ou no económico. Con todo, moitos outros concellos do BNG, como Carballo, Tomiño ou Pontevedra, que é un exemplo de transformación dunha cidade con implicación veciñal, teñen tamén esta filosofía presente. 

Manifestación da veciñanza de Allariz en 1989, con Francisco García ou Anxo Quintana © TV3

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.