0 Gardados para despois

A construtora de Telmo Martín cobrou sobreprezos en vivendas protexidas e Feijóo di que as urnas o avalaron

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Tribunal Supremo vén de ratificar unha condena á inmobiliaria Construcuatro, da que era socio no momento dos feitos, hai máis dunha década, o alcalde popular de Sanxenxo, Telmo Martín, por cobrar sobreprezos a compradores de vivendas de protección autonómica executadas por ela en Vigo. Preguntado pola situación política na que queda Martín tras a sentenza, o presidente Feijóo salientou que, “despois de coñecerse o expediente sancionador e a demanda dos propietarios” que agora ratifica o Supremo, o seu compañeiro de partido “someteuse ás eleccións e volveu ser elixido como a lista máis votada”.

O Tribunal Supremo ratifica a condena a Construcuatro, da que era socio o alcalde popular de Sanxenxo, pero o presidente salienta que “despois de coñecerse a demanda se someteu ás eleccións e volveu ser elixido”

Os sobreprezos que Construcuatro esixía a compradores das vivendas que executara no polígono de Navia, en Vigo, foron denunciados por varios afectados pola vía penal, pero a causa non tivo percorrido. Porén, na vía administrativa a Xunta impuxo á construtora unha multa de 2,5 millóns de euros e esixiu a devolución doutros 1,2 millóns de euros aos compradores prexudicados. A construtora recorreu esas sancións sen éxito primeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e agora ante o Supremo, que ratifica as multas e a prohibición á empresa de participar en novas promocións de vivenda protexida en Galicia durante seis anos.

Este xoves o presidente Feijóo salientou que o expediente administrativo contra Construcuatro foi iniciado "por un Goberno do que eu formaba parte". Feijóo puxo ese feito como exemplo de que non lle treme a man para “sancionar a calquera empresa, sexan cales sexan os socios”.

Pero a continuación o presidente minimizou a responsabilidade política do seu compañeiro de partido. “Hai varios socios, un deles era o alcalde de Sanxenxo, que despois de coñecer o expediente sancionador e a demanda dos propietarios se someteu ás eleccións e volveu ser elixido como a lista máis votada, a un concelleiro da maioría absoluta”, dixo Feijóo, empregando un argumento habitual nel para minimizar a responsabilidade política de cargos do seu partido que obteñen bos resultados nas urnas.

Un Consello da Xunta presidido por Feijóo perdoou en 2011 secreto a Construcuatro unha multa de tres millóns de euros

Telmo Martín foi alcalde de Sanxenxo entre 1999 e 2006 e volve selo desde hai un ano, tras tentar sen éxito polo medio ser alcalde da veciña Pontevedra en 2007 e 2011 e converterse entre 2011 e 2015 no deputado máis rico do Congreso, co seu patrimonio de 21 millóns de euros. Iso non lle impediu solicitar en 2016 a prestación de 2.800 euros mensuais á que teñen dereito os ex-deputados que quedan sen traballo, á que acabou renunciando tras a polémica que xerou aquela decisión.  

Nos anos 90 Martín impulsou a inmobiliaria Construcuatro, que non só estivo implicada nos agora ratificados sobreprezos en vivendas protexidas de Vigo. Na propia Sanxenxo, en primeira liña de costa da súa céntrica praia de Silgar, a poucos metros de onde Mariano Rajoy veranea desde hai anos, Construcuatro levantou un edificio de seis plantas co que invadiu o dominio público, o que lle supuxo recibir en 2005 unha proposta de sanción de tres millóns de euros que lle sería perdoada en secreto a finais de 2011 nunha reunión do Goberno galego presidida por Feijóo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.