Máis de 516.000 galegos viven fóra de Galicia, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Son uns 133.000 máis que en 2009, un dato que confirma o crecemento constante do censo de residentes ausentes na última década. A maioría dese máis de medio millón de galegos que vive de maneira estable fóra (o 70%) non naceu en territorio galego. Son descendentes daqueles que marcharon do país hai décadas, contan coa nacionalidade española e dispoñen dun pasaporte que axiña poderán recibir tamén varios milleiros máis de familiares que estaban excluídos por diferentes razóns. Será así de saír adiante unha proposición de lei de Unidos Podemos que, polo momento, todos os grupos aceptaron no Senado que fose tomada en consideración. Unha decisión unánime que adianta o previsible si a unha medida que ampliará a xa importante nómina de galegos no exterior.
O Senado aprobou por unanimidade a toma en consideracion da proposta de Unidos Podemos
Foi o pasado luns cando o Senado aprobou por unanimidade iniciar o trámite para sacar adiante a proposición para conceder a nacionalidade española a familiares de emigrantes nados no estranxeiro. Todos os grupos votaron a favor dunha iniciativa que busca "reparar situacións inxustas ou asimétricas" por mor dun baleiro legal na vixente Lei de Memoria Histórica.
A proposta busca "reparar situacións inxustas ou asimétricas" e corrixir discriminacións entre as familias dos emigrantes
Porque, como lle ocorre á enorme colectividade galega no exterior, a cifra total acolle todo tipo de circunstancias, dende persoas que emigraron hai varias décadas, os seus descendentes, novos emigrantes que marcharon do país nos últimos anos ou persoas nacionalizadas recentemente, por exemplo a través da extensión da nacionalidade española derivada desa Lei da Memoria Histórica.
A proposta de Unidos Podemos foi redactada conxuntamente co Centro de Descendentes de Españois Unidos (Cedeu), consiste en conceder a nacionalidade en catro casos e corrixe, nalgún deles, a "discriminación de xénero" que sufriron moitas mulleres, tal e como explica a senadora de En Marea, Vanessa Angustia.
A reforma afectaría os netos das españolas casadas cun non español antes da Constitución de 1978 ou aos descendentes que eran maiores de idade cando entrou en vigor a Lei de Memoria Histórica
Por unha banda, esta iniciativa afectaría aos netos e netas das españolas casadas cun non español antes da entrada en vigor da Constitución de 1978. Tamén atende o caso das familias de pais españois nos que algúns descendentes non conseguiron a nacionalidade porque xa eran maiores de idade cando entrou en vigor a Lei de Memoria Histórica ou aos netos dos emigrantes por causas económicas que obtiveron a nacionalidade do país de acollida e perderon a española antes do nacemento dos fillos. Tamén se incluiría nestes casos aos netos de españois que perderon a nacionalidade ao non ratificar o seu desexo de conservala ao chegar aos 18 anos.
A nacionalidade concederíase tamén aos netos de emigrantes que a perderon antes de que nacesen os fillos ou as que non a ratificaron aos 18 anos
"O que facemos é corrixir ese esquecemento, esa situación na que están moitos descendentes que quedaron fóra da Lei de Memoria Histórica ou que, como nun caso moi amplo de mulleres, foron discriminadas e perderon a nacionalidade española", explica Angustia a Praza.gal, que aclara que é "moi complicado" calcular a cantas persoas afectaría, pero que advirte de que son moitas de orixe galega as que se poderían ver beneficiadas. "Moitos dos casos extremos que contemplamos e explicamos ao presentar a proposta eran de xente galega ou con familia galega; somos paradigma nestes casos", engade.
"A emigración foi froito da ausencia de tecido produtivo, provocada por razóns económicas, por fame ou por exilio político... Que mínimo que contribuír a recuperar o que o Estado perdeu, máis aínda cando son persoas que reivindican o lugar das súas orixes", explica Angustia, que advirte de que é cuestión de "xustiza elemental". "Non suporá un gasto extra ou, en todo caso, non sería conflitivo", avisa tamén.
"É unha cuestión de xustiza elemental", di Vanessa Angustia, senadora de En Marea
A votación a favor do Senado supón só a toma en consideración, pero o feito de que fose unánime, así como a resposta dos grupos, fai pensar que sairá adiante, con máis ou menos variacións. "Todos estiveron de acordo; agora chega ao Congreso e empezaremos a debater con máis detalle, pero a toma de contacto dos partidos non deixou discrepancia ningunha; cremos que sairá adiante porque, ademais, é unha demanda moi ben fundamentada e constante dos descendentes de españois. Sería unha barbaridade que non se aprobase", remata Angustia.
No caso de saír adiante, Galicia vería aumentada a súa comunidade no exterior e, xa que logo, o seu Censo de Residentes Ausentes (CERA) para as eleccións autonómicas e xerais. Nas últimas eleccións autonómicas, o CERA xa alcanzou o seu nivel máis alto ao incluír 446.269 persoas, unhas 3.000 máis que nos comicios estatais anteriores.
Descendentes de emigrantes, no aeroporto de Lavacolla / © Xunta
Dende que se impuxo a obriga de solicitar formalmente o sufraxio para participar nos procesos electorais dende o estranxeiro -o coñecido como "voto rogado", que tamén se lle impuxo ás persoas realmente si emigradas e ausentes temporalmente, dificultando de xeito notable a súa participación- desapareceu das eleccións galegas a incerteza de que as descontroladas sacas de papeletas chegadas da outra beira do Atlántico condicionasen o reparto de escanos no Parlamento ou puidesen, como estivo a piques de suceder en 2005, chegar a condicionar o signo do Goberno.
A reforma aumentaría o censo de residentes ausentes para as votacións nas eleccións autonómicas e xerais
No entanto, PP e PSOE xa buscan desde hai anos a eliminación dun sistema que, precisamente, fora implantado polo último goberno de Zapatero logo dun acordo cos populares e co apoio de BNG, CiU e PNV en 2011. Os dous grandes partidos puxéronse de acordo para dar marcha atrás nunha reforma electoral que vetou a participación da diáspora nos comicios locais e que, basicamente, buscaba evitar as continuas fraudes denunciadas no exterior en cada unha das eleccións. O Congreso xa reafirmou en varias ocasións a súa intención de eliminar o voto rogado.