0 Gardados para despois

Todo o Parlamento insta o Estado a recuperar xa Meirás coa vía proposta pola comisión de expertos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Unanimidade no Parlamento de Galicia. Todas as forzas da Cámara coinciden en que o informe da comisión de expertos da Xunta para a recuperación do Pazo de Meirás é o punto de partida que acabará coas Torres como parte do patrimonio público. O documento, feito público este luns, é considerado polos partidos solvente e claro dabondo como para que o Goberno central active xa a demanda civil que se solicita para comezar a recuperación do inmoble propiedade da familia Franco. 

Xa en canto se fixo público, o voceiro de En Marea, Luís Villares, celebrou as conclusións do informe, lembrou o compromiso da súa formación coa "volta ao patrimonio público" do Pazo e valorou "os pasos decididos da sociedade para facer retroceder os resquicios da dictadura". Ademais, mostrou o seu desexo de que a familia Franco acepte a devolución desa propiedade. "É un tema que vai moito máis aló do simbólico: é un exercicio democrático de primeira orde que consiste en rematar coa inmunidade que deixou o franquismo a nivel sociolóxico; pero tamén xurídico, económico e relativo ás propiedades", dixo. 

"Rematou o tempo da pasividade política do PP; pedímoslle ao Goberno de Pedro Sánchez que o Pazo de Meirás sexa devolto á cidadanía galega", di En Marea

O tamén membro de En Marea, pero deputado no Congreso dos Deputados, Antón Gómez-Reino, incidiu na medida histórica que suporía a reversión ao público do Pazo e cre que "rematou o tempo da pasividade política do PP". "Neste novo tempo, pedímoslle ao Goberno de Pedro Sánchez que o Pazo de Meirás sexa devolto á cidadanía galega", dixo. 

Ademais, lembrou que a formación xa "presentou numerosas iniciativas na Cámara Baixa para a devolución do Pazo de Meirás de forma gratuíta ao pobo galego". Precisamente, e respecto á gratuidade, o informe da comisión de expertos abre a porta a que a recuperación do inmoble a través da devandita demanda civil implique a indemnización aos Franco, como mínimo, polos gastos que acometeron no mantemento das Torres desde a morte do ditador. 

O BNG amosa o seu "malestar" ante a posibilidade de ter que indemnizar os Franco polos gastos no Pazo de Meirás

Respecto disto, pola que o Concello de Sada presentou un voto particular contrario ao informe, o deputado do BNG Luís Bará destacou o "malestar"da súa formación pola posibilidade de indemnizar a familia Franco polos gastos derivados “do desfrute e goce desta residencia durante 40 anos”. O Bloque, reiterou, considera que a situación "debería ser inversa". "A familia Franco debe resarcir ás arcas públicas polo desfrute duns bens espoliados e roubados”, dixo.

Sobre estes bens, explicou o deputado nacionalista, é "probable que se desen transaccións e beneficios para a familia Franco". Esta cuestión debe ser, en opinión do parlamentario do BNG, "resolta pola Administración do estado porque conta cos mecanismos e resortes necesarios con base nestes informes", en referencia tanto ao dos expertos encargados pola Xunta como o que impulsou a Deputación da Coruña. 

Precisamente, Bará cre que os informes e iniciativas tramitadas xa pola  Deputación de A Coruña ante Patrimonio do Estado son materia suficiente para xustificar “a recuperación e devolución do Pazo e doutros bens espoliados”. Para o BNG, este novo documento “non muda en sentido substancial o contido do informe encargado pola Deputación”.

Xa que logo, son todos os partidos os que instan á recuperación do Pazo e deixar atrás décadas de desleixo. Desde o PSdeG, a deputada Concepción Burgo adiantou en Radio Galicia que a formación "falará" co Executivo central para acelerar o proceso. "Estou convencida de que o compromiso do PSOE coa memoria histórica é absoluto", engadiu, en liña co manifestado por Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do grupo. 

Así, o portavoz socialista reivindicou o "compromiso notable" do seu partido coa defensa da memoria histórica, polo que cre que o novo Goberno central "fará todos os esforzos" para recuperar o Pazo de Meirás. Ademais, e á vista das conclusións da comisión de expertos, Leiceaga chamou a “facer todo o posible” para que a reversión da titularidade do inmoble “non teña custo para a cidadanía”.

O PSdeG advirte de que instará o novo Goberno de Sánchez a acelerar o proceso e de que hai que "facer todo o posible" para que a devolución "non teña custo para a cidadanía"

Mesmo o PP considera que o Executivo de Pedro Sánchez debe iniciar canto antes o proceso para recuperar Meirás. Pedro Puy, tamén en declaracións a Radio Galicia, cre que os servizos xurídicos de Patrimonio do Estado deberán "analizar con toda seriedade o informe para levar a cabo as accións legais" necesarias. Ademais, considera que dificilmente poderá poñer atrancos ante un documento "moi sólido, ben construído e argumentado"

Por outra banda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña saudou "moi positivamente" o ditame da comisión de expertos e lembrou que "Franco só mandaba pagar a contribución do Pazo". "O resto (facturas, gastos e o espolio fraudulento do mesmo), correu a cargo do pobo de Galicia", di a entidade, que pediu a "unidade" de todos os partidos para "botar fóra" do inmoble a familia do ditador. "Hai que recuperar o que é do pobo", insiste. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.