- O Gaiás, 300 millóns despois: de contedor sen contido de Fraga a difuso parque tecnolóxico de Feijóo
O 28 de maio pasado, catro días antes de que triunfase a moción de censura de Pedro Sánchez contra Mariano Rajoy, o presidente Feijóo anunciou que a Xunta construiría na Cidade da Cultura un novo edificio para as universidades galegas cun custo de 17 millóns de euros e que aproveitaría as estruturas a medio erguer do que ía ser o gran teatro da ópera ideado por Manuel Fraga e que nunca se rematou. Nada dixo aquel día de que o Goberno central tivese que xogar ningún papel no que se presentou como un acordo entre a Xunta e as tres universidades galegas. Este mércores, un mes despois, e xa con Pedro Sánchez na Moncloa, Feijóo presentou o deseño do novo edificio e reclamou ao novo Goberno que colabore co seu financiamento apelando agora a uns supostos “compromisos, non protocolizados, co Goberno anterior”.
O bloque de oficinas para as universidades que substituirá o gran teatro previsto por Fraga e nunca rematado terá “autonomía formal” do deseñado por Peter Eisenman pero con “complicidade”
Segundo insistiu este mércores Feijóo, o custo do novo edificio para as universidades no espazo que deixa baleiro o teatro do Gaiás que non se rematou será 13 millóns de euros inferior ao que custaría levantalo noutro emprazamento, cifras das que a Xunta aínda non xustificou a súa orixe. Eses 17 millóns que custará o novo edificio, malia que o propio Feijóo se comprometera en 2013 a non seguir construíndo o complexo deseñado por Fraga, sairán agora ao 50% da Xunta e ao 50% das universidades a través do plan de financiamento autonómico das mesmas. Pero Feijóo quere que o Goberno central tamén achegue cargos, retomando así unha estratexia de reclamación que xa empregara no seu momento co Executivo do socialista José Luis Rodríguez Zapatero que con Rajoy volveu quedar aparcada.
O que si detallou este mércores o Goberno galego é o deseño do novo edificio, do que distribuíu varias recreacións. Segundo dixo, foi deseñado por Andrés Perea, quen ocupou a dirección de obra do complexo durante a execución dos edificios previos deseñados polo arquitecto estadounidense Peter Eisenman. No seu momento, na comisión de investigación parlamentaria sobre o complexo ideado por Fraga, Perea gabara como “obra mestra moi traballada” e “dunha coherencia insólita” o proxecto global de Eisenman para a Cidade da Cultura. Agora, segundo a Xunta, o novo edificio deseñado por el integraranse cos deseñados por Eisenman cun “encaixe tanto en complicidade e entendemento co skyline do Gaiás, mais sen chegar a mimetizarse, nunha aposta por unha autonomía formal”.
O edificio, en cuxas oficinas traballarán 140 persoas, contará cun auditorio de 750 butacas que o converterán no máis grande da Cidade da Cultura e no seu último andar terá un xardín cuberto
Ese novo edificio de catro andares acollerá “arredor de 140 traballadores” que prestarán alí o seu servizo para o novo consorcio interuniversitario así como para a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e un futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais. Ademais deses espazos de traballo, o edificio, denominado Fontán en homenaxe ao xeógrafo e matemático galego do século XIX, contará cun auditorio de 750 butacas que o converterán no máis grande da Cidade da Cultura e no seu último andar terá un xardín cuberto.
A intención da Xunta é que as obras se liciten en xullo e comecen este mesmo ano para que a construción se remate en 2020 e poida comezar a funcionar en 2021, coincidindo co Xacobeo. “O novo Edificio Fontán contribuirá a que Galicia se coñeza mellor a si mesma”, asegurou Feijóo.