Feijóo necesita unha “coalición de perdedores” no PP

Feijóo, con Pablo Casado nun acto da campaña interna do PP Dominio Público Imaxe difundida pola candidatura de Casado

Alberto Núñez Feijóo nunca recoñeceu a lexitimidade democrática do bipartito, malia que nas eleccións de 2005 a suma de PSdeG e BNG superara en 110.000 votos aos populares sen que houbese ningún votante destas formacións que non soubese que, se as contas daban, se ían a coligar, o que é natural nun sistema parlamentario como o previsto na Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Como moito nos seus anos da oposición o PP de Feijóo admitiu que houbo “una serie de electores” que votaron a PSOE e Bloque, cuxa conxunción adoita definir como “un pacto de perdedores”. Estigmatiza así a toda forza que non sexa a máis votada, á que segundo a visión deste licenciado en Dereito lle corresponde gobernar, con independencia dos apoios parlamentarios que teña e aínda no suposto de que haxa moitos máis votantes e deputados en contra de que o faga que a favor. Por mor dun máis que rechamante paradoxo do destino desde o pasado xoves o presidente da Xunta necesita que no PP haxa un acordo da caste que el chama “coalición de perdedores” para non vivir permanentemente co medo no corpo como sucedería se a súa inimiga Soraya Sáenz de Santamaría ocupa o despacho principal do número 13 da madrileña rúa Génova.

Aínda que de momento os indicios dispoñibles apunten a que, a menos que lles sexa imposible, Casado e Cospedal, con Feijóo detrás, sumarán as súas forzas contra a ex-vicepresidenta de Rajoy, o seu acordo ten máis problemas de lexitimidade que os derivados do discurso do PP contra todo o que non sexa o goberno da candidatura máis votada, intensificado ademais tras a moción de censura de Sánchez. Eses atrancos teñen que ver, por unha banda, co pouco lóxico sistema electoral popular, en dúas voltas con dous corpos distintos, o dos militantes inscritos ao efecto no caso das primarias e os compromisarios no do congreso, repartidos entre provincias segundo un censo de afiliados que está máis que en cuestión. Así Galicia, por exemplo, ten o 10% dos delegados, a pesar de que as persoas que se apuntaron para votar apenas representaban un 7% do total. Esa desviación conecta co mito dos 100.000 fillos de San Luis que se mantén desde que José Cuiña proclamou que había outros tantos militantes no PPdeG.

O presidente da Xunta necesita que no PP haxa un acordo da caste que el chama “coalición de perdedores” para non vivir permanentemente co medo no corpo como sucedería se a súa inimiga Soraya Sáenz de Santamaría ocupa o despacho principal do partido

Ás eivas do procedemento engádense as persoais de Pablo Casado, que está a ser investigado polas súas irregularidades académicas, logo de ter amosado unha maior habilidade para superar materias con métodos máxicos que a que tiña o Fabra de Castelló para que lle tocase a lotaría. En realidade non ten sentido que esta cuestión estea nos tribunais. Nas outras democracias da redonda este deputado por Ávila dimitiría cando estoupou o escándalo, sen que a xustiza se pronunciase. Mais en España, cando non se asumen responsabilidades políticas, os escándalos acaban nos xulgados. Casado é un dirixente político tan ben formado que, no mellor dos casos, non sabía que Companys foi fusilado polo réxime de Franco no castelo de Montjuic tras ser entregado pola Alemaña de Hitler.

Todo este panorama amosa que o resultado das primarias é para o PP cousa do demo. Se o xoves quedase de primeiro Casado, xa non habería discusión. A non ser que fose imputado antes do congreso, a súa designación estaría feita. No suposto de que Soraya Sáenz de Santamaría fose a máis votada e Cospedal a segunda, tampouco habería moitas dúbidas de que esta última gañaría o congreso, ao sumar os apoios de Casado. Con Casado de primeiro e Cospedal de segunda ou ao revés tampouco existiría o problema que se presenta agora, pola combinación entre a incoherencia cos principios do PP e o escándalo das titulacións do deputado abulense, ao que cómpre engadir a inquietante sombra de Aznar que se proxecta sobre o candidato que deu a sorpresa cun resultado máis que meritorio dadas as circunstancias, aínda que tamén haxa a dúbida de se son elas as que precisamente o converten en representativo dos cadros do partido que lle votaron.

Feijóo, con De Cospedal nun acto de partido / PP

Os só once puntos en porcentaxe que separan a candidata máis apoiada nas “primarias” do PP, Soraya Sáenz de Santamaría, da terceira, a súa inimiga María Dolores de Cospedal, reflicten a debilidade dos aspirantes e amosan que, efectivamente, se Feijóo se presentase, e non estoupase ningún novo escándalo durante a campaña interna, o máis probable que gañase con claridade. Mais o político dos Peares non puido dar o paso. Todo apunta a que, como dixo o xoves no faladoiro da Sexta unha xornalista de La Razón sen que ninguén lle retrucase, fíxoo para evitar que os seus rivais fixesen pública información comprometedora que puxese en risco a súa carreira política. Trátase dunha desas opinións que cando se ousan dicir na TVG, segundo a miña propia experiencia persoal, quen as emite ten a sensación de que lle pode caer un foco enriba, mentres no plató se fan polo baixo realistas brincadeiras sobre que “este non volve máis”, e os afíns ao PP descualifican en tromba ese parecer, sempre sen descartar que ao terminar a tertulia apareza algún directivo con algunha advertencia máis ou menos explícita.

O congreso do posmarianismo estase a converter en todo un calvario para o político dos Peares; as votacións reflectiron o ocaso do poderío do PP galego e Galicia foi irrelevante na noite electoral, onde ademais a estéril vitoria da Cospedal unxida por Feijóo non foi todo o esmagadora que noutro tempo se podería pensar

O congreso do posmarianismo estase a converter en todo un calvario para o político dos Peares. Tivo que renunciar entre bágoas ao seu soño madrileño, despois de que el mesmo alimentase que por fin o ía facer realidade, para deixar logo en evidencia ao seu aparato de propaganda cunha espiral de caneos a si mesmo, como o de que non descarta incumprir a súa palabra para recuncar no 2020 despois de dicir que non se vai a Madrid para cumprila e proclamar que esa coherencia é o que máis importa. Asemade, as votacións do xoves reflectiron o ocaso do poderío do PP galego, pois, co seu ínfimo número de inscritos nun contexto xa moi achicado, Galicia foi irrelevante na noite electoral interna, na que ademais a estéril vitoria da Cospedal unxida por Feijóo non foi todo o esmagadora que noutro tempo se podería pensar. E tratouse en calquera caso dunha aposta por un cabalo derrotado, que, malia o seu teórico control do aparato do partido, non foi quen nin de pasar á segunda volta.

Así que agora, precisamente ás portas dunhas municipais, Feijóo necesita un deses acordos de perdedores tan descualificados por el. Precísao para manter un papel destacado a escala española e, sobre todo, para blindarse ante o risco de que, unha vez consolidada na rúa Génova, Soraya teña a tentación de ir polo presidente da Xunta para que non lle faga como Susana Díaz con Pedro Sánchez entre 2014 e 2016. Na oposición galega, na que hai vida intelixente aínda que as veces se agoche nas sombras, había quen cun criterio máis que asisado sostiña que para o centro-esquerda o mellor é que gañase a ex-vicepresidenta de Rajoy. Para impedilo Feijóo necesita aquilo que leva 13 anos presentando como un pacto do diaño, primeiro na Xunta e logo nos concellos e ata mesmo nas deputacións, nas que nin hai perdedores nin gañadores, pois ninguén votou nunca os seus membros. Para poñerllo aínda máis difícil Casado, suponse que sen se decatar, está a tirar do argumentario do centro esquerda galega ao sumar as porcentaxes das candidaturas que non son a primeira de maneira que conclúe que xuntas teñen moitos máis apoios que Soraya. O seguinte sería ir de vacacións a Venezuela.

Baltar II seica fixo das "primarias" en Ourense outro episodio do seu adorado 'O Padriño'

A fascinación de Baltar II pola saga O Padriño e o reducido tamaño do corpo electoral, que daba marxe para argallar, convidan a tomar o resultado das "primarias" do PP na provincia de Ourense como un xesto do herdeiro do patriarca do trombón, un recordatorio de que a familia continúa a ir por libre. Cospedal, patrocinada abertamente por Feijóo nos seus actos en Galicia, por máis que a doutrina oficial fale da suposta neutralidade presidencial, gañou, non por moito, en todas as provincias galegas, agás en Ourense, o territorio natal dun presidente da Xunta que incluso a acompañou na cidade das Burgas, ademais de recibila, como a Soraya e Casado, na sede do lado da súa casa, nos cantóns coruñeses.


Feijóo, con Sáenz de Santamaría na sede central do PP © PP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.