A dirección de En Marea, aberta a "discutir" cambios no calendario interno, pero "nunca fóra" dos actuais órganos da formación

Votación no plenario de En Marea, o pasado marzo Dominio Público En Marea

A asemblea de Compostela Aberta aprobou este mércores por ampla maioría, como prevía, o documento interno que chama a adiantar a renovación do Consello das Mareas -máximo órgano de En Marea como partido instrumental- e constituír unha "Mesa de Confluencia" que, di o documento, procure fórmulas para "relanzar a unidade popular". A coordinadora de En Marea prevía realizar a súa primeira valoración pública da proposta este venres en rolda de prensa, se ben finalmente, "dada a repercusión mediática", optou por avanzar a súa valoración nun comunicado remitido aos medios este xoves no que se amosa "aberta" a "discutir" propostas como a dun novo calendario interno, pero "nunca fóra" dos órganos internos da formación, din.

A actual coordinadora -órgano de dirección ordinaria da formación, con Luís Villares como voceiro- "valora como moi positiva toda iniciativa" que, como a lanzada dende Compostela Aberta, "persiga a intensificación do diálogo na construción do espazo político", se ben coida necesario "lembrar" que os "órganos de traballo e decisión política" son o Consello das Mareas e o seu plenario -o equivalente á asemblea nacional- . Destes órganos, salientan, emanan teses políticas ou a "estratexia municipalista cara a 2019". "É nestes espazos -subliñan- onde consideramos que se exercerá positivamente o diálogo, no que pode participar toda persoa inscrita con independencia da súa marea ou partido de procedencia, se o tivese".

A coordinadora da formación coida que aceptar a Mesa de Confluencia proposta por Compostela Aberta sería "admitir un lugar de decisións tomadas por unha sorte de aristocracia política"

Neste sentido, a coordinadora non ve con bos ollos a Mesa de Confluencia proposta por Compostela Aberta, na que segundo a proposta sentaría a propia En Marea xunto aos partidos que conformaron a coalición inicial -Anova, Podemos e Esquerda Unida- e as principais mareas municipais, caso da Marea Atlántica, Ferrol en Común e a propia marea compostelá. "As inscritas en En Marea -di o comunicado- tanto na súa asemblea fundacional como nos seus plenarios acordaron deixar atrás os modos de facer dos partidos clásicos" e por iso cren "incompatible a proposta cunha decisión de abaixo cara a arriba". "Sería admitir un lugar de decisións tomadas por unha sorte de aristocracia política que nega a capacidade de decisión do conxunto das inscritas", consideran, nun contexto no que ademais ven "incomprensible" que Compostela Aberta "fale de tres mareas gobernantes" porque "esquece espazos municipalistas de cambio que exercen funcións de goberno en moitos outros concellos".

Neste contexto, así e todo, a coordinadora "destaca" que "non corresponde á dirección de En Marea tomar decisións sobre o documento de Compostela Aberta" a este respecto, porque implicaría "unha ida e vida entre cúpulas". "Non parece prudente avalar unha estrutura como a proposta", a Mesa de Confluencia, "que reduce a calidade democrática e participativa do espazo político".

É con este pano de fondo co que a coordinadora lembra que as vindeiras "eleccións internas" están "previstas estatutariamente para o mes de xaneiro", se ben un eventual "adianto" podería ser "discutido e acordado no marco da intensificación do diálogo nos órganos de construción democrática das decisións de En Marea". A decisión, de ser tomada, conclúen, tería que abordarse no propio Consello das Mareas e "se houbese lugar, no plenario".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.