O próximo martes día 24 de xullo, coincidindo co quinto aniversario do accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, vítimas e familiares de falecidos no sinistro volverán manifestarse polas rúas de Santiago reclamando respostas xudiciais e políticas. Por cuarto ano consecutivo os afectados concentraránse tamén na curva de Angrois para lembrar aos que xa non están.
O quinto aniversario do sinistro chega con seis imputados ademais do maquinista e coa comisión de investigación política no Congreso recentemente iniciada
A plataforma de vítimas do sinistro, a maioritaria e que máis está a loitar para sacar á luz todo o que pasou antes e despois do accidente, vén de convocar o seu primeiro acto, unha asemblea e reunión informativa para asociados e afectados, un día antes, o luns 23, ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia. O martes día 24, ás 11.00 horas, a plataforma, acompañada como en anos anteriores de representantes políticos e sociais e veciños en xeral, sairá en manifestación desde a estación de tren de Santiago ata a praza do Obradoiro, onde lerán un manifesto reclamando xustiza e responsabilidades políticas.
Xa pola tarde do martes 24, ás 18.00 horas haberá unha misa na igrexa de Sar e ás 19.00 horas unha concentración e acto de homenaxe ás vítimas na curva de Angrois na que ocorreu o sinistro, conmemoración que en anos anteriores estendeuse ata o momento en que pola zona pase o tren Alvia Madrid-Santiago equivalente ao que descarrilou o 24 de xullo de 2013. O día seguinte, mércores 25 de xullo, ao igual que en anos anteriores, as vítimas celebrarán un encontro familiar no Xardín do Recordo creado no Pazo de Faramello, en Rois.
O quinto aniversario do accidente chega con seis imputados na causa xudicial ademais do maquinista por supostamente non avaliar como esixía a normativa os riscos que había na curva de Angrois. No eido político, a comisión de investigación longamente reclamada polas vítimas vén de comezar a funcionar no Congreso dos Deputados. Porén, as dúas vías, xudicial e política, están aínda lonxe de dar respostas.