0 Gardados para despois

A Xunta prorroga por décimo sétima vez a privatización dos barcos de Gardacostas e calcula que custará 84 millóns ata 2031

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Goberno galego vén de prorrogar por décimo sétima vez o contrato co que en 2006 privatizou á empresa Remolcanosa a xestión dos seus catro maiores barcos do servizo galego de Gardacostas. Daquela a Xunta argumentou que non dispuña de funcionarios capacitados para operar eses buques, que son propiedade autonómica, pero nada fixo en máis dunha década para formar o persoal propio ou dotarse del e recuperar así a xestión pública dun contrato que lle custa uns 6 millóns de euros ao ano.

O Goberno galego externalizou a súa xestión en 2006 argumentando que carecía de persoal propio para operalos pero nada fixo en máis dunha década para reverter a situación

Aquel contrato tiña un prazo de dous anos pero prorrogable ata un máximo de 25 anos, e así o vén facendo desde aquela con renovacións cada poucos meses en vez de convocar un novo concurso público. Agora o Goberno galego acaba de comunicar ao Parlamento que o Consello da Xunta, nunha das súas reunións semanais tras a que non informou desa decisión, autorizou unha modificación orzamentaria para facer fronte a esa última prórroga. Na documentación sinálase tamén que, de seguir prorrogando ese contrato ata 2031, data máxima, a Xunta deberá desembolsar aínda 84 millóns de euros máis por ese servizo externalizado, a unha media de seis millóns ao ano.

Mentres a vintena de lanchas menores de Gardacostas son tripuladas exclusivamente por persoal propio con consideración de axentes da autoridade, os catro barcos maiores son operados por traballadores da privada Remolcanosa

Tras a catástrofe do Prestige, na que quedou en evidencia a escaseza de recursos da Xunta para afrontar unha emerxencia dese calibre, o Goberno galego encargou a construción dun remolcador de altura, o Sebastián de Ocampo, e dun buque de salvamento, o Irmáns García Nodal. Botáronse a principios de 2005 e, sumados ao preexistente buque de ensinanza pesqueira Valentín Paz Andrade e á patrulleira Paio Gómez Chariño, cedida polo Estado, os catro barcos pasaron a conformar a flota maior de Gardacostas de Galicia, que conta tamén con unha vintena de lanchas. Porén, mentres as lanchas son tripuladas exclusivamente por persoal de Gardacostas, que teñen a consideración de axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, os catro barcos maiores son operados por traballadores da empresa privada Remolcanosa, mentres que os gardacostas viaxan neles como pasaxeiros, o que limita a súa capacidade de libre disposición dos buques. Así o decidiron tanto o último Goberno de Manuel Fraga como o bipartito de PSdeG e BNG, argumentando, nun concurso público xestionado a medias entre 2005 e 2006, que a administración “non dispón dos medios necesarios para o seu mantemento e operatividade, ademais de que non existe nos seus cadros de persoal traballadores cualificados para o desenvolvemento das actuacións”.

A empresa que opera os catro barcos da Xunta é propiedade do Grupo Nosa Terra XXI ao que tamén pertence o hospital concertado Povisa

Así que desde 2006 o persoal o pon a viguesa Remolcanosa, unha das principais empresas de remolcadores de Europa e orixe do Grupo Nosa Terra XXI, presidido por José Silveira, propietario tamén da naviera Elcano e do Hospital Povisa -concertado co Sergas, o principal do Estado nesta modalidade-. A cambio, a Xunta vén pagándolle uns seis millóns de euros cada ano, contía similar á que calcula que deberá seguir pagando se lle segue prorrogando o contrato ata o máximo de 2031.

A contía anual da externalización da operación deses catro barcos é similar tamén ao que custan os salarios dos aproximadamente douscentos membros do departamento de Gardacostas que son persoal da propia Xunta. Malia que o argumento que permitiu a privatización do servizo foi que a Xunta non dispuña de persoal preparado para operar os barcos, neste tempo os sucesivos gobernos galegos nada fixeron para dotarse del. Nin convocaron oposicións coas cualificacións necesarias, nin formaron o persoal do que xa dispón Gardacostas para que puidese asumir a operación dos barcos.

En maio do pasado ano o PP rexeitou de xeito expreso no Parlamento recuperar a xestión pública deses catro barcos de Gardacostas de Galicia

Por outra banda, traballadores consultados por este diario aseguran que entre as arredor de duascentas persoas que forman o corpo de Gardacostas xa existe persoal coa titulación necesaria para operar os barcos. E salientan que boa parte do custo do contrato de xestión dos buques vai destinado ao pago de salarios dos traballadores de Remolcanosa, xa que os barcos navegan pouco.

Malia esta situación, en maio do pasado ano o PP rexeitou de xeito expreso no Parlamento recuperar a xestión pública deses catro barcos de Gardacostas de Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.