A finais de setembro de 2012 Galicia viviu un verdeiro terremoto político e xudicial. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, viña de lanzar unha operación contra a presunta corrupción en contratos públicos de diversos concellos que deixaba como primeiros e máis rechamantes titulares as detencións dos daquela alcaldes de Ourense -do PSdeG- e Boqueixón -do PP-. Aquela primeira vaga da operación, que meses despois impactaría de cheo en gobernos municipais daquela populares como os da Coruña e Santiago, impactou tamén moi directamente no Concello de Lugo, onde o alcalde socialista, Xosé López Orozco, fora imputado por presuntos delitos de suborno e prevaricación. Case seis anos despois a Fiscalía lucense vén de responder a un recurso de Orozco pedindo o arquivo da acusación porque, ao contrario do sinalado na instrución encabezada por De Lara, non acha probas de que recibise cartos da trama.
O xornal El Progreso adiantaba na súa edición deste 19 de xullo que o Ministerio Público vén de responder con contundencia á solicitude de arquivo formulada por Orozco ante a Audiencia Provincial lucense. O fiscal Jesús Álvarez considera que "non existe ningunha proba" de que "chegase" aos petos de Orozco "diñeiro das empresas do guindastre e da ORA" no Concello de Lugo. O "patrimonio" de Orozco "corresponde coa súa profesión", sinala o fiscal, e por iso cre que corresponde un arquivo. O escrito leva seis meses rexistrado no xulgado de Pilar de Lara, pero non foi trasladado á Audiencia ata agora.
O fiscal desbota seis anos despois que o ex-alcalde de Lugo recibise cartos pola concesión do guindastre, algo que ve demostrado no caso do ex-edil Fernández Liñares, e apoia que a Audiencia acepte o arquivo que solicita Orozco
Para a Fiscalía, "despois de máis de seis anos de instrución non cabe arrastrar" a Orozco "ata o final do proceso sen indicios consistentes", toda vez que a acusación contra o ex-alcalde estaba sustentada, esencialmente, na testemuña do propietario da empresa adxudicataria do servizo do guindastre, José Luis Álvarez, quen testemuñou que pagaba mensualmente subornos a Orozco e ao que fora un dos homes fortes do seu goberno municipal, Francisco Fernández Liñares, a través dun funcionario municipal, Javier Reguera. No caso de Liñares e Reguera, no entanto, a Fiscalía si dá por probado o cobramento de subornos co conseguinte incremento de patrimonio. Como informou Praza.gal, o que despois foi presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil confesou ante a xuíza que chegou a cobrar 'mordidas' de múltiples empresas por importe duns 300.000 euros, se ben o pasado abril mudou a súa versión e afirmou que inventara esa declaración tras ser "presionado".
A vaga expansiva política da imputación
Estas imputacións marcaron o remate da vida política de Orozco: "Sempre dixen que son inocente e o señor fiscal corrobórao", salienta
A posibilidade de que Orozco se libre de xeito inminente das imputacións xudiciais no caso do guindastre abre a porta ao arquivo da que pesa sobre o ex-rexedor na peza que investiga o conxunto do grupo Vendex, tamén por iniciativa de De Lara. Desaparecerían así dúas acusacións que marcaron o remate da carreira política do veterano ex-alcalde. Non en van, estas imputacións derivaron en que o BNG abandonase o goberno local de coalición en novembro de 2012 e, sobre todo, provocou que tras as eleccións municipais de 2015 Orozco tivese que renunciar a recuncar na alcaldía, toda vez que o resto de grupos da esquerda esixiron a súa marcha para votar a prol dunha investidura do PSdeG.
Lara Méndez: "Demostra que non tiña responsabilidades penais nin políticas e acentúa a súa xenerosidade ao dar un paso atrás polo ben de Lugo"
Tras transcender o escrito da Fiscalía o antigo rexedor manifestou a súa satisfacción a través de varios medios e tamén nas redes sociais. "Sempre dixen que son inocente e o señor fiscal corrobórao", sinalou, ao tempo que amosou o seu agradecemento a "tantos, innumerables, que confiaron en min", dende a súa familia ata á cidadanía que "a pé de rúa me transmitiu o seu apoio ou a través dos medios de comunicación".
Para a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta petición de arquivo "demostra que Orozco non só non tiña responsabilidades penais, senón tampouco políticas" neste caso e "acentúa a xenerosidade do alcalde Orozco de dar un paso atrás pensando no ben da cidade de Lugo", en referencia ao momento ao que deu paso á súa propia elección. "A xustiza cando chega tarde é inxusta", reflexiona Méndez. Nun sentido semellante o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, enviou tamén "unha aperta" ao ex-alcalde e, dende o "respecto para os procesos xudiciais", considerou que "a xustiza ten que ser áxil e garantista para ser xusta".