No verán de 2007 obtiven na Universidade de Santiago de Compostela o Diploma de Estudos Avanzados, “o famoso DEA”, que lle chama agora con certo aire despectivo Pablo Casado. Onte, nunha primeira busca pouco profunda, atopei en papel unha versión incompleta do texto co que saquei o título, Orixes do voto emigrante 1900-1936. Penso que se revolvese un pouco máis nas caixas do rocho daría co documento completo, coas súas 151 follas e 541 notas a rodapé. Non conservo o arquivo informático, pois os sucesivos cambios de ordenador fixeron que as varias versións que me aparecen conteñan unha caótica e indescifrable sucesión de números e letras con pinta de estar escritas en árabe.
Mais o relevante para min non é onde está o traballo que acabou sendo o xermolo da miña tese, senón o moito tempo e esforzo que investín en obter “o famoso DEA”. Trátase, como di Casado, dun título non finalista que non serve, segundo el, nin para poñer na parede, pois o que supuña en esencia nos tempos de antes da reforma de Bolonia era a superación dun trámite administrativo a través do que o estudante acreditaba a súa “suficiencia investigadora”, de maneira que xa podía aspirar a ser doutor. Quitar o meu “famoso DEA”, no programa de Estudos Contemporáneos do departamento de Historia Contemporánea e de América, levoume dous anos. No primeiro desfrutei bastante e aprendín máis. Tiven a sorte de ser o único matriculado no curso que impartía Ramón Villares, que me deu un seminario personalizado de cultura galega. E aos 35 anos descubrín con Xusto Beramendi o ben que se pode pasar nunhas aulas ben impartidas, mentres non paraba de atopar novos xeitos de comprender mellor a emigración e o nacionalismo galegos da man de Xosé Manoel Núñez Seixas e o resto de mestres. No segundo ano fíxenme rato de biblioteca, na Xeral maioritariamente, mais tamén cunha moi produtiva e obrigada incursión na hemeroteca municipal de Madrid, porque a España radial é así.
Con ese historial nunha democracia avanzada o presidente do PP non podería nin seguir de deputado, pero non só non dimitiu, senón que se converteu en líder do maior partido político
O do “famoso DEA” emprégao Casado agora para negar que o seu sexa un título de máster, aínda que tivese a denominación de Máster Oficial en Derecho Autonómico y Local de la Universidad Rey Juan Carlos. Na súa exposición razoada para elevar as dilixencias sobre o presidente do PP ao Tribunal Supremo a xuíza Carmen Rodríguez-Medel explica a trama montada polo catedrático Enrique Álvarez Conde, quen agasallaba co título a un grupo escolleito de persoas que o obtiñan “sin mérito académico alguno”, mentres o resto do alumnado cursaba o máster con normalidade.
Á marxe de se os presuntos delitos están prescritos ou se é posible que Casado os cometese, o auto de Rodríguez-Medel é a escandalosa crónica de como o agora líder do primeiro partido político español se fixo co “famoso DEA” na mesma factoría do máster de Cristina Cifuentes, mediante o recoñecemento de materias que aprobara na súa tamén moi controvertida licenciatura e con supostos traballos para completar o que non lle podían dar automaticamente. Con ese historial nunha democracia avanzada o presidente do PP non podería nin seguir de deputado, pero non só non dimitiu, senón que se converteu en líder do maior partido político. A esta desfeita contribuíron decisivamente as regras coas que se celebrou o congreso popular de xullo, que, en contra do que se repetiu, non estaban deseñadas para a aclamación de Feijóo, senón dun Rajoy que cando se introduciron, a comezos de 2017, aínda aspiraba a prolongar a súa interminable agonía.
A elección de Casado reflicte que o PP non entendeu aínda nada do que pasou nos últimos meses en España
Tratouse dun procedemento moi peculiar, primeiro cunha inscrición previa, da que, a diferenza do que sucede no mundo anglosaxón e en Latinoamérica, non hai tradición en España. Buscábase ter baixo control o voto dos afiliados, cun censo pequeno e manexable, mentres se establecían uns requisitos tan esixentes para que houbese un gañador nesas “primarias” que se acabou deixando todo en mans dos compromisarios. Pero estes só podían elixir entre os dous aspirantes máis votados, de maneira que o amplo e maioritario rexeitamento á persoa que tivo mais sufraxios das bases, Soraya Sáenz de Santamaría, deixou a Casado como única solución, o que seica podía non pasar nun congreso clásico, á vista de que tiña a conta pendente do “seu famoso DEA”.
A elección de Casado reflicte que o PP non entendeu aínda nada do que pasou nos últimos meses en España, pois precisamente perdeu o Goberno por non asumir as responsabilidades políticas nin do caso Bárcenas, nin dos sucesivos xuízos da Gürtel. E escolleu un líder que fai o propio co caso do seu máster, volvendo ensarillar este partido e a política española no xogo de se o Supremo acepta o sumario que lle manda a xuíza Rodríguez-Medel, se decide instruír o caso e se chega a pedir ao Congreso o suplicatorio de Casado, que neste xogo non conta coa decisiva ferramenta protectora que suporía unha fiscalía controlada polo seu partido desde o Goberno.
Neste moi complexo escenario, nada pacífico que se diría en Dereito, produciuse a estrea en primeira liña de fogo da que os medios falan como “a portavoz do Partido Popular”, a compostelá Marta González, nova vicesecretaria de comunicación do PP. Trátase do cargo que tiña Casado, aínda que co partido na oposición estea bastante desvalorizado, pois en realidade exérceno o propio presidente e os seus colaboradores de maior confianza, como Teodoro García e Javier Maroto. Mais Marta González ten ese título e con el meteu a zoca o martes en Antena 3, cando dubidou que Casado puidese entregar ao Tribunal Supremo o vello ordenador portátil no que segundo el fixo os traballos, a pesar de que o propio presidente do PP insistira de novo na véspera en que accedera a el para recuperar eses textos.
No que atinxe ao cargo concreto de comunicación seica se pode engadir a hipótese de que o presidente da Xunta puidese estar dalgunha maneira intentando de novo poñer un pé na rúa Génova, a través da área que é clave no seu xeito de entender a política
“Fue un comentario que hice yo de una manera un tanto gratuita”, dixo o mércores a propia Marta González nunha entrevista en Radio Nacional, na que tivo que explicar que esqueceu que Casado conserva o ordenador. Seica polo efecto de se ter que desautorizar a si mesma, González amosouse nesa entrevista aínda máis insegura e dubitativa que nas que concedera nos días anteriores a outros medios, alimentando a impresión de que non parece a mellor escolla para a moi esixente misión que en teoría ten encomendada no organigrama do PP. Tras ser directora xeral de Igualdade no final do fraguismo e nos primeiros tempos da era Feijóo, en 2011 pasou ao Congreso dos Deputados, no que, segundo ela mesma relatou, trabou amizade con Pablo Casado, ao coincidir en varias comisións con el e ocupar escanos próximos. No partido aseguran que esa conexión persoal co líder é a que explica o seu nomeamento, mais no que atinxe ao cargo concreto de comunicación seica se pode engadir a hipótese de que o presidente da Xunta puidese estar dalgunha maneira intentando de novo poñer un pé na rúa Génova, a través da área que é clave no seu xeito de entender a política.
Negreira e a porta que leva a FeijóoA semana pasada estivo marcada para Feijóo polo tanto que se apuntou nos medios ao conseguir que o Goberno central se comprometese a rectificar no contencioso sobre as entregas dos fondos do IVE, aínda que fose un conflito xerado por unha decisión do Executivo do PP e nuns termos que foron presentados con grande esaxeración polo presidente da Xunta. Mais, aínda que pasase desapercibida en Galicia, houbo outra noticia potencialmente bastante relevante e non tan positiva para Feijóo, a que contiña un teletipo da axencia EFE do pasado mércores, no que informaba sobre un auto do sumario do caso Enredadera, a operación contra unha presunta trama de corrupción en contratos de tráfico en toda España. Nese documento fálase do papel do exalcalde da Coruña e amigo persoal do presidente da Xunta Carlos Negreira como intermediario de alto nivel ante o Goberno central do PP e a administración galega. Negreira negou a EFE calquera relación coa trama de Enredadera, mais a cuestión está no tipo de actividades que desenvolve no despacho que abriu non hai moito no centro da Coruña, coa axenda de contactos empresariais e políticos que acumulou na súa actividade institucional, directamente ligada na súa maior parte á de Feijóo. |