Cunha débeda de entre os 50 e os 70 millóns de euros, intervido polo Estado arxentino, varias plantas pechadas, os 4.000 socios que quedan sen a atención requirida, un cadro de persoal ao que se lle adebedan varios salarios e que cobra apenas 30 euros semanais fronte aos 120 establecidos... O hospital do histórico Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) esmorece á espera dunha salvación que só pode chegar xa en forma de venda. O grupo Ribera Salud, en colaboración coa Fundación Favaloro, mantén o seu interese polo emblemático inmoble construído pola emigración galega e a súa compra semella cantada. A asemblea de representantes dos socios, único organismo non intervido, ten a última palabra. Leva meses apostando pola venda en varias convocatorias pero as condicións impostas por dirección ou asociados dilataron un proceso que é "urxente".
Ramón Suárez, xornalista e ex-directivo, converterase no novo presidente do Centro Gallego nos comicios do 10 de setembro
Avírteo a Praza.gal Ramón Suárez, o Muxo, recoñecido xornalista galego na Arxentina, ex-directivo do CGBA e futuro presidente da histórica entidade. O vindeiro 10 de setembro a mutual celebra eleccións parra elixir novo presidente, así como 60 dos 90 representantes de socios. Suárez é o único candidato á primeira das eleccións, mentres que as seis agrupacións políticas repartiranse os postos da asemblea que decidirá o futuro do Centro. Malia as diferenzas entre a agrupación A Terra, que lidera o futuro presidente, e o resto (Breogán, Celta, Galicia, Salud y Cultura e Unión Gallega), todas coinciden en que a venda é a "única solución posible" para cancelar a débeda, evitar a liquidación da histórica institución e salvagardar así o importante patrimonio cultural e histórico.
O actual "baleiramento" do Centro débese, segundo explicou antes Suárez, á decisión da Xunta de "crear a obra social Ospaña e quitarlles aos socios a mutual a través dunha campaña agresiva e desleal". "Fíxonos un dano irreversible; a grave situación pola que estamos pasando desde hai anos deriva daquela decisión do Goberno galego en 2010 e que nos colocou ao bordo do abismo", explicaba en Página 12.
Suárez culpa a Xunta da "grave situación" do CGBA pola decisión de "crear Ospaña e quitarlles aos socios a mutual en 2010"
"Basta de intervenciones y basta de dilaciones". É o lema da candidatura de Suárez ante os comicios do vindeiro luns. "Promoveremos a inmediata venda do noso edificio social coas súas parcelas lindeiras, tal e como apoiaron masivamente socios e traballadores nas consultas realizadas en decembro de 2017 e a postura presentada polas seis agrupacións da entidade na asemblea de representantes do 18 daquel mesmo mes", explica o futuro presidente, que recoñece que a oferta de Ribera Salud, duns 50 millóns de euros, segue en pé e que prevé afianzar as negociacións axiña, en canto asuma o cargo.
O que será novo equipo directivo aínda non recibiu proposta ningunha e di estar, "despois do 10 de setembro, aberto non só ás propostas de compra, senón a aquelas de xerenciamento sen venda".
Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires / © CGBA
Con todo, e de non haber atrancos, a finais de ano culminaríase a venda do edificio --que teñen que aprobar dous terzos da asemblea de representantes--, polo que no vindeiro ano o Centro Gallego perdería o seu emblemático edificio, símbolo dunha entidade de 111 anos de historia, pero salvaría a institución e o seu enorme patrimonio histórico e cultural, seguiría como asociación mutual e mantería a atención dos 4.000 socios que aínda dependen do hospital para a súa atención sanitaria e que seguen a pagar as cotas. "Eu e mais a miña familia levamos 40 anos pagando cada mes", explica.
A oferta segue en pé e a previsión é que en 2019 o hospital do Centro pase a mans de Ribera Salud
"Cada día estamos agrandando máis as débedas, por iso a solución ten que ser urxente. A única vía de salvación do CGBA e da atención dos seus socios é vender o hospital para pagar as débedas, outra saída non hai", insiste Suárez, que establecerá un equipo negociador para tratar a compra con Ribera Salud. As condicións dos asociados son varias e o grupo sanitario parece disposto a aceptalas.
A "prioritaria" é que Ribera Salud asuma a atención dos socios "a perpetuidade", pagando estes unha cota actualizada pero axustada á actual; tamén que asuma todas as débedas da mutual CGBA e todas as que poidan agromar de demandas xudiciais futuras. Tamén reclamará o novo equipo directivo que se pague todo o que se lle debe ao persoal e que se manteña o maior número de traballadores. No caso de que non sexa posible manter a todos, esixiráselle que se ofrezan alternativas como retiros voluntarios e, no último caso, rescisións "na que non se lles pague nin un céntimo menos dos que lles corresponde por lei".
Ribera Salud faríase cargo das débedas e asumiría a atención sanitaria dos socios; a mutual do CGBA mantería e xestionaría o patrimonio cultural
A diáspora galega mantería e xestionaría o seu patrimonio cultural, que inclúe un histórico panteón no cemiterio da Chacarita cuxo mantemento depende tamén do Centro Gallego. Porque o CGBA é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Todo iso estaría en risco se a imposibilidade dun acordo supuxese a liquidación da entidade. "É a venda ou a creba, non hai máis", advirte Suárez.