Mato e Rey Varela multiplican os actos como conselleiros na Coruña e Ferrol, onde optarán á alcaldía co PP

Mato e Rey Varela, nunha visita como conselleiros á illa de Sálvora © Xunta

Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela viven os seus derradeiros días á fronte das consellerías de Medio Ambiente e Política Social, respectivamente, nas que Alberto Núñez Feijóo os situou na que ata agora foi a súa remodelación de Goberno máis intensa, a efectuada no outono de 2015 como resposta ao golpe padecido polo PPdeG nas eleccións municipais daquel ano e coa vista posta nos comicios galegos do ano seguinte. O presidente da Xunta disponse a envialos como cabezas de lista nas municipais de 2019 á Coruña e Ferrol, cidades nas que nos últimos meses multiplicaron os seus actos como membros do Goberno galego.

A metade dos actos de Beatriz Mato como conselleira de Medio Ambiente dende o inicio de 2018 celebráronse na Coruña

No que vai de 2018, ata o 6 de setembro, a titular de Medio Ambiente incluíu na súa axenda oficial como membro do Goberno galego un total de 52 convocatorias públicas e exactamente a metade tiveron como escenario a cidade da Coruña. Este 50% medra aínda máis se son tidos en conta concellos da contorna coruñesa moi ligados á vida social e política da cidade, como Oleiros, Culleredo ou Arteixo. A aínda conselleira citou os medios de comunicación na Coruña en máis do dobre de ocasións que en Santiago, onde se atopa a sede da Consellería que dirixe.

No caso de Rey Varela o número de actos públicos é moito maior, 131 dende o inicio do ano. Ao contrario que Mato o responsable de Política Social adoita incluír na súa axenda pública numerosas xuntanzas no seu despacho oficial da Consellería, o que fai que no seu caso si sexa Compostela a cidade con máis citas, 61. Así e todo, fóra da capital galega Ferrol é a protagonista indiscutible, con 38 actos nos que participou formalmente como conselleiro no que vai de ano. No resto do país só acudiu máis de tres veces á Coruña, segundo a súa axenda oficial.

Beatriz Mato: dos deportes aos colexios pasando polas 'Meigas'

A aínda conselleira de Medio Ambiente e presidenta local do PP coruñés veu sendo ata agora unha das únicas tres integrantes que formaron parte do Goberno de Feijóo dende a súa primeira chegada á presidencia da Xunta, no ano 2009. Antes de se ocupar da área medioambiental do Executivo foi titular da Consellería de Traballo e Benestar. A súa intensa axenda oficial na Coruña, coa metade dos seus actos públicos no que vai de ano, non sempre está directamente relacionada con áreas da súa competencia na Xunta.

Así, por exemplo, un percorrido pola súa axenda como conselleira de Medio Ambiente permite atopar eventos como a entrega de trofeos nun campionato coruñés de voleibol en categoría benxamín, unha visita ás categorías inferiores do club de hockey Liceo ou un papel protagonista no denominado "aquelarre poético", celebración da asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, abertamente enfrontada co goberno local da Marea Atlántica e á que a Xunta deu en subvencionar como suposta "única" organizadora do San Xoán coruñés, que impulsa o Concello.

Beatriz Mato, nun mitin con Feijóo e o ex-alcalde Carlos Negreira / CC BY-SA PPdeG

Mato adoita acudir como conselleira na Coruña a eventos alleos ás súas competencias como titular de Medio Ambiente

Xunto a estas accións fóra das áreas ligadas ao medio ambiente é habitual que Mato elixa A Coruña como escenario para presentar múltiplas iniciativas da súa Consellería que atinxen a toda Galicia. Por exemplo, só no que vai de 2018 debullou unha campaña de recollida selectiva de residuos da Xunta xunto ao plantel do Básquet Coruña, entregou as Bandeiras Azuis do 2018 xunto a Feijóo na praia de Riazor ou acudiu ao coñecido Club del Mar para aludir a inconcretas vías de colaboración co seu departamento. Alén destes actos marcados na axenda, nestes meses foron varias as intervencións mediáticas e asistencia a eventos sociais de Mato na Coruña na que é presentada como conselleira ou actúa, pola vía dos feitos, como tal.

Xa fóra desa axenda oficial, formalmente como líder do PP local, son múltiplas as aparicións públicas de Mato na Coruña antes de ser nomeada candidata á alcaldía. A Festa da Fresa en Eirís, entrega de premios nun campionato de ximnasia artística, a Festa dos Chicharróns nos Feáns ou un reparto de premios no colexio das Calasancias son só algúns exemplos dunha dinámica preelectoral que tamén adoita incluír visitas a diversos barrios da cidade para sinalar focos de crítica ao labor do goberno de Xulio Ferreiro, habitualmente en días laborables.

Rey Varela: a 'política social' da Semana Santa e a hípica

O conselleiro Rey Varela nunca marchou de todo de Ferrol. Apenas catro meses despois de ter que abandonar a alcaldía na que foi remudado por Jorge Suárez, de Ferrol en Común, Alberto Núñez Feijóo nomeouno conselleiro de Política Social. Así e todo, a cidade que gobernou con maioría absoluta do PP entre 2011 e 2015 e a gran protagonista da súa axenda como membro do Goberno galego alén da cidade na que a Xunta ten a súa sede, Santiago. Tamén destacan nesa axenda concellos lindeiros da comarca, como Narón ou Valdoviño.

Rey Varela estivo como conselleiro en numerosos eventos vinculados á Semana Santa ferrolá, en presentacións deportivas e celebracións festivas

Como no caso de Beatriz Mato, os actos aos que Rey Varela acode como conselleiro na cidade onde volverá ser candidato á alcaldía van moi alén das súas competencias. Así, por exemplo, nos meses transcorridos deste 2018 apareceron na axenda oficial do conselleiro de Política Social varias procesións relixiosas polas rúas ferrolás ou a súa asistencia a diversos eventos das confrarías de Semana Santa da cidade. Rey Varela tamén incluíu na súa axenda ferrolá a asistencia a eventos afastados da área social do Goberno como a competición hípica Equiocio, que incluíu tres veces na súa axenda de conselleiro neste 2018, a presentación da nova composición do equipo de fútbol sala O Parrulo, unha entrega de premios de atletismo ou as celebracións do San Ramón, entre outros.

Rey Varela, con Feijóo nun acto de campaña en 2015 / CC BY-SA PPdeG

Ademais o aínda conselleiro tamén mantén en Ferrol unha intensa axenda de presentacións, anuncios e visitas ligadas á súa Consellería. Deste xeito, visitou entidades sociais da cidade -de asistencia a persoas con discapacidade ou maiores, por exemplo- cunha profusión moito maior que en calquera outro punto de Galicia. Non en van, fronte ás 38 convocatorias en Ferrol e alén das 61 en Santiago, sede da Consellería, as restantes cidades ás que acudiu como conselleiro foron A Coruña (5 actos), Vigo (3), Pontevedra (2) e Lugo (2).

O PPdeG ve "absurdo" que a oposición acuse a Mato e Rey Varela de utilizaren os seus postos na Xunta con fins electorais na Coruña e Ferrol

As intensas axendas oficiais de Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela nas cidades en que optarán á alcaldía polo PP suscitou xa as primeiras peticións de dimisión por parte da oposición parlamentaria, toda vez que en opinión de En Marea, PSdeG e BNG, ambos están a aproveitar os seus cargos públicos en clave preelectoral. O PPdeG rexeitou esta acusación por boca do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, que reduciu as peticións de cesamento a un "comentario absurdo" dos grupos da esquerda. "É como se dixésemos que teñen que dimitir os concelleiros da Marea da Coruña e de Ferrol porque fan política electoral dende os seus postos", resolveu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.