0 Gardados para despois

Persoal da CRTVG tenta facer rebordar a protesta contra as "ataduras" gobernamentais cunha inédita manifestación

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nunca pasara. Cando menos, non neste formato. O máis semellante a unha manifestación contra a manipulación informativa e polo cumprimento da lei nos medios públicos de comunicación produciuse en 2011, cando o persoal mobilizado organizou un 'Telexornal' reivindicativo na compostelá Praza do Toural no marco dunha folga por razóns semellantes cando a lexislación da CRTVG estaba en pleno proceso de reforma. Pero o deste sábado pretende ser diferente. A manifestación Pola dignidade dos medios públicos impulsada polo comité que representa o persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega, apoiada tamén polo seu comité homólogo en RTVE Galicia, chega despois de dezaseis 'venres negros', 16 semanas de mobilización sostida contra as "ataduras" gobernamentais da información.

"Vestimos de negro os venres para tentar chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver traballo con criterios profesionais", explican dende Defende a Galega, o colectivo impulsado polos propios profesionais ao abeiro dos venres negros. "O noso compromiso non é tanto coa audiencia como co conxunto da sociedade galega" e por iso o chamamento da manifestación vai dirixido a toda ela. Queren, ao cabo, que "non nos dean por perdidos", senón que "pidan que o fagamos mellor, que traballemos coa máxima honestidade e independencia", que "fagan valer o dereito cidadán a dispoñer duns medios de comunicación públicos e de calidade".

O persoal mobilizado apela a sociedade galega a "non darnos por perdidos", senón a "facer valer o dereito cidadán a dispoñer duns medios de comunicación públicos e de calidade"

A xuízo do persoal mobilizado, nada disto é posible "cando un partido político, unha corporación, unha minoría organizada ou o propio Goberno se infiltran de tal maneira na TVG e na Radio Galega que é quen de impoñer os seus criterios de selección de noticias, o seu argumentario e os seus intereses particulares". Nese punto, advirten, os medios públicos "perden a súa razón de ser" porque o dereito á información que está no seu miolo "pervértese" e "xa non sabemos para que facemos o noso traballo" ou "sabémolo demasiado ben", matizan.

Advertencia aos partidos

Protesta en San Marcos nun dos anteriores 'venres negros' / Defende a Galega

"A CRTVG non forma parte do botín que levan os partidos que gañan as eleccións"

Neste contexto, o persoal que impulsa as mobilizacións dos venres negros e a manifestación deste sábado lanza unha advertencia ao conxunto de partidos políticos: dende o PP no Goberno ata os grupos da oposición que xa manifestaron o apoio ás protestas. "A CRTVG non forma parte do botín que levan os partidos que gañan as eleccións" e por iso "non podemos permitir que a dependencia do Goberno da Xunta ou das formacións políticas" torne en "crónica nos medios públicos". "Os propios partidos son conscientes da gravidade da situación", cren. Só así se entende que aprobasen hai sete anos unha nova lei de medios con medidas como a creación do Consello de Informativos que "vele pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos". "Pedimos -lembran- como primeiro paso só iso, que se cumpra a lei".

A manifestación parte ás 10:30 da sede da CRTVG en San Marcos e prevé chegar ás 12:30 á compostelá praza das Praterías

Despois de varias semanas nas que a cúpula da CRTVG procurou -cando menos por boca do seu director xeral- restar importancia ás protestas, o persoal que participa nelas diríxese á dirección na véspera da manifestación, que partirá ás 10:30 da sede da corporación pública en San Marcos e rematará ás 12:30 na compostelá Praza das Praterías. "Pedímoslle que se libere de ataduras, que sexa ambiciosa, que nos propoña obxectivos verdadeiramente profesionais" e que "poidamos deseñar unha axenda informativa diferente, que sexamos os primeiros en chegar ás noticias e en contalas da mellor maneira posible". Que "sexamos os medios que vertebren o país co reforzamento dos actuais centros de traballo e a recuperación das delegacións pechadas en 2010", agregan.

Os xornalistas Alfonso Pérez e Marga Pazos, no décimo sexto vernes negro / Defende a Galega

Tras catro meses nos que a dimisión dos presentadores do Telexornal Serán e a ameaza de sanción contra unha delas, Beatriz Moyano, axitou aínda máis o escenario, no seo do persoal mobilizado a vontade é a de seguir adiante aínda que a esperanza sexa relativa. "Non podemos claudicar na nosa misión específica en tanto que medios públicos: intervir alí onde unha información de calidade é decisiva para que os cidadáns poidan participar responsablemente nos asuntos de todos, na política entendida no seu senso máis cabal", conclúen.

Nos últimos días a mobilización deste sábado apañou numerosos apoios. Alén da oposición parlamentaria galega, adheríronse ás reivindicacións comités doutros medios públicos do Estado como TVE, TV3 ou Telemadrid, así como a Academia Galega do Audiovisual e outras organizacións do sector das artes escénicas. Tamén chegaron apoios dende diversos concellos, por parte dos principais sindicatos, de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística e de xornalistas de diversos medios de comunicación, así como de cidadanía a título individual que avanza a través das redes sociais a súa intención de acudir á manifestación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.