O curso comeza sen cafetaría nos institutos pola demora da Xunta en contratalas

Cafetaría no IES do Milladoiro, divulgada polo centro como información para o concurso Dominio Público IES Milladoiro

O pasado 9 de marzo entrou en vigor a nova lei de contratos do sector público. O texto, entroutras mudanzas, incorporou ao ordenamento xurídico do Estado diversas esixencias da Unión Europea nesta materia. Provocou que numerosas administracións públicas acelerasen nos primeiros dous meses do ano para realizar diversas contratacións ou, pola contra, que tivesen unha primavera e un verán máis ben complexo para contratar produtos e servizos co novo sistema. Un destes casos é o das 255 cafetarías de centros educativos -fundamentalmente institutos, aínda que tamén outros como Escolas de Idiomas-, que ata a entrada en vigor da nova lei eran contratadas dende cada instituto pero que agora dependen da Xunta de maneira centralizada. A Consellería de Educación iniciou os trámites a mediados de xullo, sen tempo dabondo para que o proceso finalizase antes do inicio do curso.

Tal e como explicou a propia Consellería, a nova lei "categoriza os contratos de cafetarías escolares como servizos públicos", polo que foi "preciso executar unha licitación en aberto de ditos servizos". Así, a Consellería lanzou o 17 de xullo un concurso para contratar as 255 cafetarías con catro lotes, un por provincia: 107 na Coruña, 33 en Lugo, 29 en Ourense e 86 en Pontevedra. O contrato é por un ano con opción de prórroga por un máis -aínda que realmente, o tempo efectivo de funcionamento son os nove meses de curso escolar- e os empresarios interesados, xeralmente pequenos autónomos que xa estaban a prestar este servizo, poden optar a un máximo de catro sublotes, isto é, non poden estar máis de catro cafetarías nas mesmas mans.

A nova lei de contratos obriga a centralizar na Xunta a contratación das cafetarías, que antes dependía de cada instituto

A utilización de produtos lácteos galegos, a oferta de alimentos sen glute ou a experiencia no sector hostaleiro -non especificamente en cafetarías de institutos- foron algúns dos criterios fixados nun concurso que tamén fixaba un horizonte temporal que xa foi amplamente superado pola realidade do proceso. Dende o "día seguinte ao asinamento do contrato" e o 11 de setembro, indican os pregos da contratación, o adxudicatario de cada cafetaría tería marxe para a "posta en marcha" da actividade, isto é, para "executar as actuacións preparatorias" para a apertura como limpeza de louza e das propias instalacións ou a preparación da maquinaria que cumprise. Tratábase de telo todo a punto o 17 de setembro, data de inicio das clases.

A Consellería non iniciou os trámites do contrato ata o 17 de xullo e os atrasos do proceso impiden que as 255 cafetarías poidan funcionar con normalidade ata, cando menos, a primera semana de outubro

Pero o certo é que ese 11 de setembro ningunha das cafeterías se puxo en marcha porque non foi precisamente ata esa xornada cando as Consellería culminou a adxudicación das primeiras cafetarías. Esta mesma semana Educación continuou formalizando adxudicacións ata roldar as 90, cifra que continuará aumentando porque este mesmo mércores, 19 de setembro, a mesa de contratación da provincia de Pontevedra asinou máis propostas de adxudicación. Mesmo no caso de que durante esta semana queden adxudicadas as 255 as cafetarías non poderán abrir de inmediato, toda vez que existe un prazo legal de 15 días ata formalizar os contratos durante o que poden ser formuladas alegacións. Deste xeito, as cafetarías non funcionarán con normalidade ata, como mínimo, a primeira semana de outubro.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, víase obrigado a pasada semana a admitir o atraso ao agromar protestas das persoas encargardas das cafetarías, que tras enfrontárense a un trámite inédito para elas están a ver reducidas as posibilidades de ingresos no inicio do curso. "Decatámonos de que había que licitalo", dixo Feijóo ao remate do Consello da Xunta e "lamento que non chegásemos a tempo" porque "se produciron algunhas dificultades". A Consellería, asegurou, comprometíase a actuar con "celeridade" e no marco dun "escrupuloso" cumprimento da lei de contratos. 

Feijóo, visitando o IES de Soutomaior no inicio do curso escolar en Secundaria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.