A antiga escola unitaria de Chandrexa de Queixa reabre como velorio subvencionado pola Xunta

A directora de Administración Local e a delegada da Xunta en Ourense, visitando o novo velorio co alcalde de Chandrexa © Xunta

Hai unha década que Chandrexa de Queixa non ten colexio. Pechou no remate do curso 2007-2008. Daquela o alcalde da vila, Francisco Rodríguez (PP), atribuía o peche a un enfrontamento entre o docente responsable do centro e as familias dos oito estudantes que ficaba e aseguraba que traballaría para reabrilo nuns tres anos. O certo é que o CEIP de Chandrexa nunca reabriu e tornou no, polo momento, último centro escolar do concello. Antes xa pechara a escola unitaria de Rabal, que vén de reabrir cun uso ben diferente: un velorio subvencionado pola Xunta.

Unha década despois de botar o ferrollo ao colexio, o mesmo alcalde recibiu este martes en Chandrexa a dúas altos cargos da Xunta: a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e a delegada do Goberno galego na provincia, Marisol Díaz Mouteira. Os tres realizaron unha caste de reinauguración para a prensa do metafórico novo uso da escola de Rabal. Vai ser o novo tanatorio municipal, "un servizo fundamental e básico nos pequenos núcleos rurais", destaca a Xunta.

A Vicepresidencia sufragou con 40.000 euros o cambio de uso da vella escola, solicitado polo Concello de Chandrexa, onde o último centro educativo pechou hai unha década

Este cambio de usos foi "solicitado polo Concello", subliña a Vicepresidencia nun comunicado, no que destaca que "a rehabilitación da antiga escola contou cunha axuda de preto de 40.000 euros". Desa subvención dá conta unha placa instalada na porta do edificio, onde queda claro que ese diñeiro procede de fondos europeos xestionados pola Xunta. Son, especifica a Vicepresidencia, "axudas para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos, entroutras actuacións".

Segundo o mesmo comunicado, a intención última é "apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, co obxectivo de que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia". Este metafórico cambio de uso, de escola a velorio, prodúcese nun contexto no que Chandrexa de Queixa perdeu practicamente a metade da súa escasa poboación nos últimos vinte anos: de 928 habitantes en 1998 a pouco máis de 490 na actualidade. Os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística indican que só viven na vila 3 nenas e 1 neno menores de 4 anos e que os falecementos do último ano superaron en 15 persoas aos nacementos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.