A Xunta acumula peticións de explicacións polos convenios sanitarios cunha multinacional estadounidense

Treitos do convenio con Medtronic para o HULA que acreditan a achega de persoal e fondos públicos CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta evitou durante meses revelar o contido íntegro dos cinco convenios que ten en vigor coa empresa Medtronic, unha empresa estadounidense especialidade en tecnoloxía sanitaria. Como vén informando Praza.gal, aínda que formalmente se trata de convenios "sen achega económica" o certo é que o Servizo Galego de Saúde pon da súa banda persoal e recursos públicos, alén das instalacións de centros sanitarios públicos. Faino en virtude de acordos que permiten á empresa americana supervisar, organizar e controlar áreas médicas na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo. Diante destas revelacións, na Consellería de Sanidade estanse a acumular as peticións de explicacións.

A controversia en torno aos pactos da Xunta con Medtronic rexurdiu nos últimos días despois de que a Asociación de Pacientes do Clínico de Santiago tivese que acudir á Comisión da Transparencia de Galicia para esixir acceso aos anexos dos convenios, isto é, á parte do texto que especifica o acordado concretamente para cada hospital. Inicialmente a Xunta negouse a entregarllos alegando a necesidade de protexer o "segredo comercial" de Medtronic e fíxoo sen antes consultar coa propia compañía, como marca a lei. Transparencia obrigou a realizar esa consulta e Medtronic non puxo "impedimento", polo que a Xunta se viu obrigada a achegar a documentación á asociación. 

Santos (PSdeG): "Ponse persoal e medios públicos á disposición dunha multinacional, Feijóo volveu mentir"

Neste novo escenario, tras ler polo miúdo os convenios a Asociación de Pacientes do CHUS concluíu que "constitúen unha intervención do sector privado na sanidade pública contraria ao interese xeral" e dende os grupos da oposición galega vólvense pedir contas. O último en facelo foi o secretario xeral do PSdeG en Lugo, Álvaro Santos, toda vez que o convenio asinado con Medtronic para o hospital Lucus Augusti implica unha "transformación integral da unidade de Cardioloxía" do centro e liga a empresa coa "avaliación da capacidade actual das instalacións para atender as necesidades da rede asistencial" ante unha eventual extensión do "programa de anxioplastia primaria a 24 horas". Ou, o que é o mesmo, lígaa á posible apertura continua da sala de hemodinámica, que atende infartos, cuxa extensión ás 24 horas reclaman numerosos colectivos da provincia e o propio PSdeG dende hai anos.

Eva Solla (En Marea) e Álvaro Santos (PSdeG), con páxinas dos convenios da Xunta con Medtronic en senllas roldas de prensa / En Marea | PSdeG

Solla (En Marea): "O PP di defender os profesionais, pero traen unha multinacional para dicir como traballar"

"Unha multinacional vai ter moito que dicir sobre como se planifica a asistencia aos pacientes" e ademais "ponse á súa disposición persoal e medios públicos", toda vez que "a Administración asume os custos de mantemento do equipamento que se empreguen", subliña Santos. "Isto evidencia -agrega o socialista- que si hai un custo público e que o PP de Feijóo volveu mentir". Cabe preguntarse, conclúe, se a Xunta "saltou" neste caso os "preceptos da contratación pública", no caso concreto de Lugo, se existen "intereses" ligados a este acordo por tras da resistencia da Xunta a abrir o servizo de hemodinámica 24 horas.

Preguntas no Parlamento e versión de Sanidade

A Consellería vén defendendo que non ocultou datos, que o equipamento de Medtronic só o utiliza persoal do Sergas e que a multinacional non pon en perigo a privacidade dos pacientes

As preguntas á Xunta sobre os pactos con Medtronic chegan da banda socialista e tamén por parte de En Marea, cuxa voceira en materia sanitaria, Eva Solla, xa rexistrou iniciativas no Parlamento para cuestionar a Sanidade sobre "os mecanismos, se é que os teñen, de control por parte da Xunta do funcionamento desta empresa", que "foi obxecto de investigación e sancións por parte doutros países", afirma. "O PP -acusa Solla- di defender os profesionais, pero o certo é que traen unha multinacional para dicir como traballar, que teñen que comprar e como desenvolver o servizo. Por iso imos preguntar por que están a titorizar a estes profesionais ocultando ademais a información".

Tras as acusacións do PSdeG a Consellería de Sanidade volveu rexeitar que ocultase información sobre os convenios e tamén negou a achega económica, así como que estea en perigo a privacidade dos pacientes. Pronunciouse así no mesmo sentido que o pasado decembro, cando este diario revelou o primeiro dos convenios con Medtronic. Daquela a Consellería negou ocultación de información, afirmou que "o equipamento de Medtronic será utilizado exclusivamente por profesionais do Sergas" e agregou que os convenios garanten o "cumprimento pleno" da lei de protección de datos no que atinxe ao acceso a información clínica por parte da empresa.

Vázquez Almuíña, nun acto do Sergas © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.