0 Gardados para despois

O Concello de Vigo abre un aparcadoiro de balde no hospital Álvaro Cunqueiro e reta a Xunta non cobrar no seu

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Galicia arrecende a precampaña municipal e practicamente nada do que suceda nas principais frontes desta contenda é alleo á cita coas urnas. Non o é tampouco, daquela, da inauguración este venres do aparcadoiro gratuíto impulsado polo Concello de Vigo nas proximidades do hospital Álvaro Cunqueiro, onde o parking aberto pola Xunta pasou a custar un euro a hora -tras a marxe gratuíta dos primeiros trinta minutos- tras intensas protestas cidadás polo alto prezo. O alcalde vigués, Abel Caballero, cortou a cinta inaugural cunha advertencia: calquera poderá aparcar de balde durante uns dez meses e, de aí en diante, só a poboación empadroada en Vigo a non ser que o Goberno galego elimine os pagamentos tamén no seu aparcadoiro.

"O modelo de Feijóo é que os cidadáns paguen e o do Concello de Vigo é que os cidadánas de Vigo non paguen", resumiu o rexedor no acto inaugural da instalación, onde collen uns 400 vehículos. Segundo Caballero, a Xunta instaurou de facto "un copago sanitario" porque ata agora non existía "alternativa" ao estacionamento de pagamento. "Vigo -agregou- non asume que a xente que vén de Vigo e doutros vinte e cinco concellos teñan que pagar por aparcar cando veñen ao hospital". Por iso, asegura, "se a Xunta decreta a gratuidade do seu aparcamento, o Concello de Vigo determinará que o municipal sexa tamén de balde para todos". Caso contrario, advirte, en canto estea elaborada a ordenanza da tarxeta municipal Passvigo, só poderán acceder sen pagar as persoas empadroadas na cidade.

Caballero anuncia que o aparcadoiro será de balde uns dez meses e despois, se a Xunta non deixa de cobrar no seu, só poderán estacionar sen pagar as persoas empadroadas en Vigo

A resposta da Xunta chegou pouco despois a través dun comunicado da súa delegación viguesa. O Goberno galego pon o acento en que a instalación municipal abre "con tres anos de atraso" -Caballero anunciouna en 2015- e ademais critica que "o aparcamento do Concello, de 400 prazas, dista das instalacións e do edificio preto de 400 metros, que os usuarios haberán de percorrer a pé despois de deixar o seu vehículo". Mentres, gábase, o aparcadoiro do hospital dispón de "4.000 prazas e comunicación directa por ascensor coas distintas estancias do hospital" e ademais é "dende decembro de 2015, o máis barato de cantos existen nos hospitais públicos de Galicia e o máis económico de cantos están abertos no municipio de Vigo".

Nin a intervención do alcalde vigués nin o retruque da Xunta eran alleos ao clima preelectoral nin, nomeadamente, ao mitin de presentación da candidata do PP á alcaldía

Nin a intervención de Caballero nin o retruque da Xunta eran alleos ao clima preelectoral e, nomeadamente, ao mitin de presentación formal da ex-conselleira Elena Muñoz como, novamente, candidata á alcaldía da cidade polo PP.  Na inauguración do aparcadoiro o alcalde retou a Xunta a "poñer gratuíto o aparcadoiro do hospital porque, do contrario, o PP de Vigo e os seus candidatos quedarán desautorizados para representar esta cidade. Horas despois, nun mitin na estación marítima o propio Feijóo cargou con dureza contra Caballero, a quen cualificou de "arrogante" e "neglixente" entre continuas mencións ao accidente do Marisquiño. Na investigación sobre este sinistro, advertiu, "investigaranse as neglixencias que provocaron máis de 460 feridos" mentres noutra comisión, a impulsada pola oposición para indagar nos efectos dos recortes sanitarios, "tratarase a sanidade pública que deu resposta eficaz e inmediata cando tivo que atender a esas máis de 460 persoas".

As reaccións ao seu mitin na cidade, augurou o líder dos conservadores galegos, é que "mañá dirán que Feijóo veu a Vigo a atacar a Vigo" pero "non, alcalde -advertiu en castelán-, ti non es Vigo", xa que "Vigo é o traballador da Citroën que vai traballar todos os días pola mañá", "a sanitaria que está a quendas no hospital" ou "o profesional que traballa no hospital de Vigo todos os días, que é capaz de ver a máis de 400 persoas no mes de agosto en poucas horas", dixo en nova referencia ao accidente do Marisquiño". Mentres, acusou, Caballero "desprestixia a sanidade" porque o Cunqueiro foi aberto dende a Xunta. "Ti non es Vigo", repetiu en referencia ao socialista.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.